• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Asier Casais encabeza o proxecto de Cidadáns en Ribeira

Abr 22 Escrito por 
RIBEIRA> Asier Casais encabeza a lista de Cidadáns á alcaldía de Ribeira. Ademais de dar a coñecer os nomes dos integrantes nun acto celebrado esta mañá no Ateneo Valle-Inclán, os candidatos expuxeron as principais liñas do seu programa electoral. Xunto coa de Boiro serán as dúas candidaturas da formación que concorrerán ós comicios na comarca do Barbanza.
Javier Chouza, o coordinador de Cidadáns en Galicia, foi o encargado de presentar ó candidato que encabezará a lista desta formación á alcaldía de Ribeira. Trátase de Asier Casais, un xoven empresario, que asume o reto de liderar este novo proxecto coa firme intención de renovar a forma de facer política municipal. Precisamente, a necesidade de cambio manifestada pola cidadanía foi o que levou a Asier e o seu grupo a formar esta candidatura. Tras dar a coñecer os nomes que integran a candidatura con Juan José Chouza, María José Brión, José Manuel Cardalda, Laura Riveiro e Ponciano Prego nos primeiros postos, o responsable de campaña debullo as principais liñas sobre as que xirará o seu programa baseado na austeridade. A de Ribeira é unha das dezanove candidaturas que Cidadáns presentará en Galicia e das que sairá o comité territorial para as vindeiras citas electorais.
Etiquetado como Ribeira    Barbanza    Eleccións    cidadans   

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Boiro foi o epicentro esta fin de semana dos afeccionados ás motos
    BOIRO> Durante toda a fin de semana celebrouse a décima edición da concentración moteira organizada polo club Boiromotos. A actividade conseguiu congregar a máis de mil moteiros que se achegaron ata este municipio dende diferentes puntos da xeografía galega, así como tamén de outras comunidades e mesmo Portugal. Unha cifra que nin os membros máis optimistas da organización facían presaxiar. O programa de actividades foi do máis variado, dirixido a todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores. Dende o venres ata o domingo desenvolvéronse infinidade de accións: cursos de educación para nenos, xogos e concursos para tódolos participantes que se inscribiron na concentración, música, rutas turísticas e unha nova edición do salón da moto. Pero sen dúbida o prato forte desta xuntanza moteira en Boiro foron novamente as distintas exhibicións de stunt a cargo de pilotos profesionais, así como tamén a primeira proba de Super Enduro Boiro.
  • Rianxo celebra por todo o alto a Festa da Xouba
    RIANXO> En total repartíronse máis de mil racións deste prezado peixe, acompañado de cachelos, pementos de Padrón e pan. Coa onte, xa son vinte e cinco as edicións celebradas ata o de agora da festa da xouba. Aínda así a deste ano presentou importantes novidades. Unha delas foi o cambio de emprazamento, dende a alameda, no Campo de Arriba, ata o paseo da Ribeira, onde se instalou a carpa provisional. Por ela foron pasando numerosas persoas que non quixeron deixar escapar a oportunidade de probar este prezado peixe característico da nosa Ría. Dende a propia organización, que este ano foi comandada polo Concello, destacouse o éxito desta cita gastronómica na que chegaron a repartirse máis de mil racións de produto, acompañado de cachelos e pementos de Padrón O bo tempo existente durante toda a xornada, así como os grupos de música tradicional que amenizaron a festa, animaron a moitos veciños a sumarse a esta degustación que non só se realizou na propia carpa. Moita xente optou tamén por degustar a xouba nalgún dos 24 locais que participaron este ano na ruta das tapas da xouba que ofreceron este produto elaborado das máis variadas formas.
  • Novo éxito do deporte barbanzán nos Campionatos de España Absoluto ó Aire Libre
    BARBANZA> A ribeirense Ana Peleteiro proclamouse campioa de España de triple salto mentres que a pobrense Lidia Parada facíase co mesmo título na modalidade de lanzamento de xavelina. Bos resultados os acadados por estas dúas atletas barbanzáns nos campionatos de España en categoría absoluta ó aire libre celebrados esta pasada fin de semana en Barcelona. As dúas partían ademais coma principais favoritas nas súas disciplinas e non defraudaron. Tanto Ana Peleteiro coma Lidia Parada conseguiron revalidar o titulo acadado xa o pasado ano. A ribeirense fíxose coa medalla de ouro cun salto de 13’67, demostrando así o bo momento polo que atravesa. En segunda posición en triple salto quedou Fátima Diame e en terceiro lugar patricia Serrapio. En canto á pobrense Lidia Parada conseguiu o título cunha impresionante marca de 57 metros e 97 centímetros. O seu mellor lanzamento no que vai de ano, converténdose tamén na mellor marca española da tempada. Por detrás dela, moi lonxe do seu lanzamento, quedaron Arantza Moreno, segunda, e Nora Bicet, terceira.
  • Satisfacción no executivo rianxeiro tralo anuncio da Xunta de acometer a ampliación da EDAR
    RIANXO> A actuación ascenderá a máis de catorce millóns de euros, xa que ás obras de mellora na depuradora haberá que engadirlle a construción dun novo tanque de tormentas. Tratábase dunha vella demanda, incluída xa no Plan de Saneamento da Ría que debería estar xa rematada no 2015. Aínda así o executivo rianxeiro mostrou a súa satisfacción porque a obra sexa en breve unha realidade. Dende o goberno local confíase en que a actuación veña a solucionar os problemas existentes na actual EDAR, xa que as instalacións son a todas luces insuficientes para poder asumir o tratamento procedente da rede de saneamento. Dende o Concello agardan a que a obra se acometa coa máxima brevidade posible. O orzamento da actuación ascende a máis de catorce millóns de euros. Trala ampliación a nova EDAR terá unha capacidade para unha poboación dun 23 mil habitantes, o dobre da poboación actual.
  • Éxito de público e vendas nas primeiras xornadas da Feira do Libro de Rianxo
    RIANXO> A actividade, impulsada pola Federación de Librarías de Galicia. en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o propio Concello, estará aberta ata o domingo na praza Castelao. A praza Castelao volve a ser o escenario elixido para acoller unha nova edición da Feira do Libro de Rianxo organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, Concello e Deputación da Coruña. A cita, organizada este ano baixo o lema “A ledicia de ler”, en homenaxe a Carlos Carares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, prolongarase ata o próximo domingo. Ademais das librerías, a feira conta tamén con dúas casetas, unha da Biblioteca Municipal e da outra Deputación onde se desenvolven obradorios de animación á lectura para os máis pequenos. Durante as distintas xornadas desenvólvense numerosas actividades como é o caso de presentacións ou sinaturas de libros por parte de autores como Xosé Luís Axeitos, Natalia Carou ou María Reimóndez, entre outros. A feira tamén da cabida a outras propostas, como a música e a danza, e tamén a actividades para os máis pequenos con sesións de contacontos e espectáculos teatrais. O horario da feria será de once a dúas polas mañás e de cinco e media a nove e media polas tardes. Durante a fin de semana pechará ás dúas e media.
  • A decima edicion de BoiroMotos traera varias novidades no cartel
    BOIRO| A concentración moteira, hoxe xa un referente no ámbito autonómico, desenvolverase do venres 'o domingo no parque da Cachada. Os afeccionados ás motos terán unha cita dende o venres ó domingo en Boiro, cunha nova edición, e xa van dez, de BoiroMotos. A actividade organizada polo Club Boiro Motos, en colaboración co propio Concello, agarda superar as cifras de anos anteriores, máis dun millar de moteiros chegados dende toda a xeografía galega, e tamén doutras comunidades ou mesmo Portugal. Será unha fin de semana cargada de atractivos, non só para os afeccionados ó mundo das dúas rodas, senón tamén para o resto de públicos, xa que as actividades serán múltiples e variadas. A destacar as exhibicións de stunt previstas para o venres e o sábado pola noite, o salón Boiromotos, onde se poderá atopar todo tipo de productos relacionados co mundo do mortor, así como algunha que outra novidade como é o caso dunha proba de Super Enduro e un concurso de motos oldie. Dende o Concello destacaron a importancia desta concentración, que co paso dos anos é xa un referente, converténdose un polo de atracción de visitantes á localidade. Como de costume o principal polo de atracción será a zona da Cachada onde se realizarán a concentración e tamén as exhibicións. Para máis información os interesados poden consultar a propia web da organización: www.boiromotos.com.
HomeBARBANZA - NOIAAsier Casais encabeza o proxecto de Cidadáns en Ribeira Top of Page

Síguenos en facebook