• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Emotivo adeus a Gladys Bermúdez

Dec 09 Escrito por 
MUROS> Os restos mortais de Gladys Bermúdez, a que fora presidenta da Federación de Empresarios do Barbanza, descansan xa no cemiterio de Sestaio, en Muros. Onte recibiamos a noticia do falecemento desta muller de 56 anos, tan querida na súa vila natal, e implicada na política e na vida empresarial da zona.
  O funeral pola que ex presidenta da FEB entre os anos 2008 e 2012 tivo lugar esta mañá na intimidade na Igrexia parroquial de Muros. A pesar de que levaba varios anos loitando contra a enfermidade, a nova do falecemento da empresaria, de 56 anos de idade, caeu con sorpresa na vila muradá, onde era moi coñecida. Numerosas persoas se achegaron ata o tanatorio de A Atalaia a darlle o último adeus. Ademais de ser a única presidenta da Asociación de Empresarios de Muros, e posteriormente dirixir a Federación de Empresarios do Barbanza, foi comerciante do textil de profesión, e coñecida nos círculos empresariais da comarca. Bermúdez implicouse tamén na política, participando na fundación no 2007 do partido Alternativa Veciñal Independente Muradana, co que aspirou á alcaldía. Os seus restos mortais, descansan xa no cemiterio de Sestaio, na súa vila natal.    
 
Etiquetado como Muros    Barbanza    gladys bermudez    enterro    FEB   
Modificado por última vez no Sábado, 10 Decembro 2016 01:21

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • Un incendio calcina parte da nave de Maxi China en Xarás
    RIBEIRA> A Policía Nacional investiga as posibles causas do lume que se orixinaba esta pasada madrugada e que deixaba cuantiosos danos. Ó redor das tres e vinte desta pasada madrugada producíase un aviso ó servizo de Emerxencias do 112 por un posible incendio na nave de Max China en Xarás. Ata o lugar desprazáronse efectivos dos parques de bombeiros de Ribeira e Boiro, que iniciaron os labores de extinción das lapas. Esta mañá unha dotación de retén dos bombeiros cun vehículo nodriza continuaba na zona, realizando labores de control e refrixerado, para que o lume non volvera a reactivarse. Ata a zona tamén se achegaron membros da policía científica da Policía Nacional, que se encarga da investigación, co fin de esclarecer as posibles causas do incendio. As primeiras hipóteses apuntan a que puidera ser intencionado.
  • A Xunta investirá uns sete millóns de euros nos pantaláns para mexilloeiros en Cabo de Cruz
    BOIRO> O alcalde, Xoán Xosé Dieste, confirmou a existencia dunha partida reservada de 1’7 millóns de euros nos presupostos autonómicos do ano que vén para iniciar xa a súa construción. Sen dúbida tratábase dunha das maiores demandas dos diferentes gobernos municipais que durante estes anos pasaron pola alcaldía boirense, que por unha ou outra razón nunca chegaba a executarse. Segundo o alcalde, Xoán Xosé Dieste, a actuación verase finalmente cumprida o ano que vén grazas á aportación do Goberno Autonómico. Nos presupostos de 2018 inclúese unha partida inicial de 1,7 de millóns dos preto de sete nos que está presupostado o proxecto. Dieste destacou a importancia desta obra, dado o peso do sector bateeiro na localidade, e a importancia das mesmas de cara á reordenación dos espazos portuarios. A actuación sumarase a outras importantes melloras xa realizadas, ou que están a piques de rematar, como é o caso da instalación dos pantaláns para as embarcacións marisqueiras no que se investiron uns setecentos mil euros ou obras de conservación e mantemento na explanada portuaria por valor de máis de 40 mil euros.
  • O BNG esixe solucións ante unha nova vertedura no río Listres
    RIBEIRA> Para os nacionalistas a actitude do goberno local non está a ser a apropiada, acusándoo de actuar con pasividade ante esta problemática. Atendendo a unha denuncia dos propios veciños da zona, o BNG vén de facerse eco dun novo vertido de augas residuais no río Listres, nos Areeiros. Segundo os nacionalistas o foco do problema parece ser, unha vez máis, o aliviadoiro do tanque de tormenta existente no lugar. O BNG criticou a pasividade do Concello con este problema e as escasas solucións que se lles están a dar ós veciños afectados. A través dun escrito presentado no Concello, o BNG pídelle ó goberno local que solicite a Augas de Galicia o informe realizado sobre esta vertedura e se ten pensado esixir algunha responsabilidade a quen corresponda por este suceso.
  • O Barbanza sofre tamén o 'domingo negro' de lumes
    BOIRO> O incendio afectou a varias zonas da parroquia de Cures. Durante a tarde-noite chegou a activarse a situación dous debido á proximidade das lapas ás vivendas. Un dos primeiros focos producíase na zona da Figueira. Ó mediodía, a columna de fume e lapas, avanzaba a velocidade de vertixe pola serra do Barbanza, axudada polas altas temperaturas e a forza do aire. Os medios terrestres apenas podían facer nada nesa zona de difícil acceso, e os aéreos, tampouco, debido ás condicións de vento existente. Ás nove da noite a situación empeorou. Nese tempo e segundo as primeiras estimacións de Medio Rural levaban ardidas xa máis de noventa hectáreas. Xa era, sen dúbida, o maior incendio dos que se levan rexistrado na comarca no que vai de ano. O lume estaba totalmente incontrolado e a situación facíase, cada vez, máis complicada xa que as lapas aproximábanse a varios núcleos de vivendas como é o caso de Balteiro e Lidón. Foi nese momento, entrada xa a noite cando se decretou o nivel de alerta dous debido á proximidade do lume a casa. Para os veciños deste último núcleo boirense foron momentos de gran tensión e medo, xa que as lapas avanzaban cara as súas casas. A pesar do medo vivido, non houbo que lamentar danos persoais, e tampouco tiveron que desaloxar as súas vivendas, grazas ó traballo dos equipos de emerxencias, que pasaron toda a noite na zona. O incendio de Cures non foi o único que se rexistraba esta pasada fin de semana no Barbanza. En Ribeira producíanse tamén varios lumes, aínda que a menor escala, que afectaron á zona de salmón, en Oleiros, e tamén a Palmeira, obrigando a mobilizar a estas dúas zonas a varios equipos de extinción.
  • O Arousa lévase ó derbi ante o Boiro
    BOIRO> Os vilagarciáns impúñanse ó Boiro en Barraña por cero goles a dous. Os tantos dos de Jorge Otero foron obra de Yerai e Javi Pazos. Cunha ampla presenza de afeccionados nas bancadas do municipal de Barraña, onte domingo disputouse o derbi comarcal entre o Boiro e o Arousa, que rematou co resultado final de cero a dous. Aínda así, e a pesar da diferenza no marcador, resultou un partido vibrante, no que os boirenses non foron inferiores ó seu rival. No inicio os de Jorge Otero sairon máis enchufados ó partido, levando o dominio no xogo. Foi nestes primeiros minutos de xogo cando se producía ademais a nota tráxica, coa lesión de Taboada, despois de recibir un testarazo de Sidibé na disputa dun balón aéreo. O xogador boirense tivo que abandonar o partido e foi trasladado a un centro hospitalario onde en observacións pasou a noite, aínda que á mañá xa foi dado de alta. O lance obrigou a suspender o choque uns minutos. O parón favoreceu ó Boiro que a partir de aí iniciou o seu dominio. A pouco para o remate da primeira parte producíase tamén unha das xogadas claves, que puido cambiar o signo do partido. O brasileiro Igor caía dentro da área tras un choque, aínda que o colexiado non interpretou nada. A xogada foi moi protestada polos locais e tamén na bancada. Eran os mellores momentos do Boiro. Co resultado de cero a cero chegaríase ó descanso. Xa na segunda parte máis do mesmo. Os dous equipos intentaban facerse co dominio do xogo pero sen apenas perigo na área rival. A falta de quince minutos para o final do partido, o Arousa conseguiría adiantarse. Unha xogada por banda de Suso, Javi Pazos e Yerai, acabou co balón nos pés deste último que de tiro cruzado enviaba o balón ó fondo das mallas. Era o cero a un. O tanto deixou noqueado ó Boiro que tres minutos máis tarde vería de novo perforada a súa portería. Esta vez Javi Pazos, que recibía só no segundo pau, enviaba o balón a dentro da portería. Sen tempo para a recuperación, o Boiro vía como se lle escapaba o partido. Os tres puntos sitúan ó Arousa na novena praza con catorce puntos, os mesmos que ten o Boiro, que agora se ve superado polos vilagarciáns na clasificación. Na próxima xornada, o Arousa recibirá na Lomba ó Barbadás, mentres que o Boiro enfrontarase ó Alondras.
  • O executivo boirense proxecta a renovación integral da rúa Francisco del Río
    BOIRO> A obra, que será executada en dúas fases, ascende a uns 142 mil euros, que irán con cargo ó remanente de tesourería do pasado exercicio 2016. Trátase dunha das rúas do casco urbano boirense máis degradadas, e que a día de hoxe presenta un peor estado, de aí que o executivo decidira realizar unha actuación importante que supoña a renovación non só estética, senón tamén de mellora de servizos, co separativo de auga e saneamento e a instalación de novas canalizacións. A reforma virá a poñer fin definitivo tamén ós os fallos existentes na rede de sumidoiros e ás continuas roturas nas tubaxes da rede de abastecemento de auga. A actuación enmárcase no plan deseñado polo Concello de cara a ir humanizando, na medida do posible, o casco urbano, como se fixo anteriormente coas rúas Norberto Pizjuan e Pablo Iglesias, na rúa Bao, na Estatuto de Galicia ou na Fernández Mato entre outras. O inicio das obras será inmediato, xa que a actuación deberá estar rematada a finais deste mesmo ano.
HomeBARBANZA - NOIAEmotivo adeus a Gladys Bermúdez Top of Page

Síguenos en facebook