AMICOS aposta pola contaminación cero

    RIBEIRA> A asociación AMICOS converterase na primeira entidade de España en medir a súa pegada de carbono. Ó longo deste ano medirán as súas emisións de CO2 que compensarán ambientalmente coa prantación de árbores. O labor social de AMICOS non se limita a atención de persoas con diversidade funcional senón que vai moito máis aló. O respecto polo medio ambiente levounos a embarcarse nun proxecto pioneiro en España que lles permitirá compensar ambientalmente as emisións contaminantes das súas actividades e instalacións. A compensación levarase a cabo mediante unha serie de plantacións forestais. Boa parte delas, nas proximidades das súas instalacións para mellorar a calidade de vida na súa contorna. O compromiso medioambiental de AMICOS non é novo xa que asociación leva tempo traballando na implantación de sistemas máis eficientes nas súas instalacións. Nos últimos anos, investiu sesenta mil euros na substitución do sistema de calefacción por caldeiras de biomasa.