Avendaño non se retracta e Oubiña lévaa a xuízo o 27 de febreiro

VILAGARCÍA> Laureano Oubiña e Carmen Avendaño irán finalmente a xuízo. A audiencia previa celebrada este mediodía rematou sen acordo, e o narcotraficante e a presidenta da asociación Érguete veranse as caras o vindeiro 27 de febreiro. Recordemos que  o cambadés acusa a Avendaño de atentar contra o seu dereito á honra, por insinuar nunha entrevista que traficara con outras drogas, a parte de hachís ou cannabis, polo que xa foi condenado.

O vindeiro 27 de febreiro, Laureano Oubiña e Carmen Avendaño veranse as caras no Xulgado de Vilagarcía. Esta é a data fixada para o xuízo pola demanda interposta polo narcotraficante cambadés na que acusa á presidenta de Érguete de atentar contra o seu dereito á honra nunha entrevista nun programa radiofónico.

A audiencia previa celebrada hoxe rematou sen acordo entre ambas partes. Carmen Avendaño sinalou que se mantén nas declaracións realizadas.

Oubiña optou por non acoder á cita. O seu avogado explicou que a intención era que Avendaño dera marcha atrás nas súas declaracións. Tamén matizou que o que piden é unha indemnización simbólica de un euro, e non de 150.000 como publicaron algúns medios.

O xuízo do 27 de febreiro celebrarase tamén no xulgado de Vilagarcía ás 12 e media do mediodía. Neste caso si que terá que acoder o histórico narcotraficante, que terá que prestar declaración.