Bombeiros do Salnés mobilizaranse se non lles suben os salarios

    bombeiros100_160108_001.jpgRIBADUMIA > Bombeiros do Salnés manteñen a idea de chegar ás mobilizacións senón atenden as súas demandas.

    Se Deputación e Xunta non acaban de mellorar os salarios e o novo convenio, a partir do venres, farán efectivas as mobilizacións. Os tres Parques comarcais de bombeiros de Pontevedra, están unidos e de acordo en realizar as mobilizacións.

    Onte, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, manifestou aos bombeiros comarcais o seu compromiso para mediar ante a Xunta e lograr as súas peticións, que non son outras que a mellora do convenio colectivo, un axuste do salario ó IPC anual e unha subida de douscentos trinta euros mensuais.

    O Consorcio de Bombeiros de A Coruña xa aprobou esta subida nos soldos, e fíxoa efectiva dende outubro. Os bombeiros do Salnés levan arrastrando esta situación dende outubro, e precisan que se aprobe a subida, aínda que sexa con carácter retroactivo, ademais, están unidos os tres parques comarcais.

    Os bombeiros de Pontevedra tan só queren equiparar os seus salarios aos do resto dos bombeiros doutras provincias e consideran inxusto que lles afecten as diferenzas de índole político existentes entre Xunta e Deputación.

    Segundo o Cabo Bombeiro Santi Melio, representante da CIG, precisan que as dúas administracións senten a negociar xa, e que lles veña esa subida salarial aprobada, e con carácter retroactivo, para recuperar estes meses nos que non a cobraron.

    O venres reuniranse os representantes dos tres parques comarcais para decidir qué tipo de mobilizacións levarán a cabo e cando serán.

    Redacción Salnés