Pintura para lamber os dedos na Festa dos Libros de Pontevedra

PONTEVEDRA> A Festa do Libro de Pontevedra vai máis alá da literatura. Esta mañá organizáronse varios obradoiros infantís. Nun deles, os rapaces puideron comer pintura feita con iogur. Unha divertida e saborosa experiencia que gustou, e moito, ós pequenos.

Parece pintura, pero non o é. Esa é a maxia deste obradoiro celebrado infantil celebrado esta mañá no marco da Festa do Libro de Pontevedra. A actividade está moi vinculada coa literatura, xa que a creatividade naceu despois da lectura dun conto que tiña un protagonista moi especial: un elefante de moitas cores.

Coa inspiración xa na mente, os cativos puxéronse mans á obra. Armados de iogur, colorantes e pinceis puxéronse a darlle renda solta ó seu talento. Na actividade participaron máis de 40 nenos e nenas. Unha experiencia que, segundo nos conta o seu responsable, non só sirve para alimenta-la alma, senón que tamén o corpo.

O obradoiro gustou tanto a pequenos como a maiores. Moitos pais, nais ou mesmo avós axudáronlle ós nenos a face-las mesturas das pinturas comestibles. Para eles, agora que chegaron as vacacións, este tipo de actividades permiten ter ós nenos entretidos, ó tempo que aprenden cousas novas.

E todo isto, sen esquecer onde estamos: na Festa dos Libros, na que as letras, como non podía ser doutro xeito, son as auténticas protagonistas, tamén nos obradoiros paralelos que se están a organizar.