• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
Pontevedra> Para finais do 2018 estará listo o novo edificio xudicial da Parda. Unha instalación que entrará en funcionamento, tal e como confirmou o vicepresidente da Xunta e conselleiro de Xustiza, a comezos do 2019. Esta mañá tocou visita oficial para coñecer de primeira man o estado das obras, levan certo retraso, pero dende a empresa construtora comprometéronse a cumprir os prazos.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> A caravana do enoturismo chegou hoxe a Pontevedra. Durante todo o día, a praza de España acolleu a visita deste enotruck, que percorre as cidades galegas achegando a oferta turística das cinco rutas do viño da comunidade aos potenciais usuarios. Explicacións, catas e incluso un concerto, compoñen esta acción promocional. As Rutas do Viño Galegas, preparadas para sacar á rúa todos os seus encantos. Concentrando exemplos das súas propostas nun enotruck, levan unha semana percorrendo as principais cidades da comunidade. Hoxe, a parada foi en Pontevedra. As Rutas do Viño Rías Baixas, Monterrei, Ribeira Sacra, Valdeorras e Ribeiro demostraron o seu tirón, colgando o cartel de cheo nas catas que acolle o enotruck. E é que as catas son a actividade estrela desta acción promocional. Nelas, os participantes poden realizar unha viaxe polas diferentes Denominacións de Orixe a través dalgúns dos seus caldos. Sempre guiados pola sumiller Mercedes González. Esta actividade nace da iniciativa da marca paraugas Enoturismo en Galicia, que aúna as cinco Rutas do Viño. Tamén conta co apoio do Clúster de Turismo e de Turismo de Galicia, que decidiron optar pola proactividade para atraer potenciais enoturistas.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> A moción para pedir o peche de Elnosa non gustou aos traballadores da factoría. Esta mañá, representantes do comité de empresa trasladaron as súas protestas ata a sé de Marea Pontevedra na capital. Non entenden o posicionamento desta forza política, e aseguran que continuarán defendendo os seus postos de traballo. Tamén teñen xa data para a reunión coa dirección da empresa: o encontro será o vindeiro día 26. A moción de Marea Pontevedra para pedir o peche de Elnosa no pleno de Pontevedra, tivo resposta na súa sé. Ao mesmo tempo que arrincaba a sesión, os traballadores concentrábanse ás súas portas. Non entenden, aseguran, o cambio de postura da formación. Botan de menos máis diálogo cos partidos políticos. O pasado mércores concentráronse diante das portas do Parlamento Galego, onde tamén se debatía unha moción contra a continuidade da cloreira en Lourizán. ‘BNG e Marea Pontevedra traicionan a clase obreira’ é o texto da pancarta que hoxe levaban ás portas da sé da formación. Para eles, unha realidade que hai que denunciar. Dende o comité de empresa agardan ter máis diálogo coa dirección de Elnosa. O vindeiro 26 de setembro manterán un encontro para coñecer a situación dos diferentes trámites que se están a realizar, apurando os tempos para que a partires do 11 de decembro non teñan que abandonar Lourizán.
Publicado en PONTEVEDRA
Venres, 15 Setembro 2017 20:19

O pleno apoia a marcha de Elnosa da ría

PONTEVEDRA> Elnosa volveu ao pleno do concello de Pontevedra. Na sesión desta mañá, Marea Pontevedra conseguiu o apoio para a súa moción, na que solicitaba o peche da fábrica no mes de decembro. BNG, PSOE, Ciudadanos e Marea votaron a favor da proposta, que só contou coa oposición do Partido Popular. O pleno de Pontevedra dixo sí a solicitar o peche da fábrica de Elnosa en decembro. Fíxoo cos votos a favor dos edís de Marea Pontevedra, que levaron a proposta á sesión, BNG, PSOE e Ciduadanos. Para Marea, a intención de Elnosa é conseguir unha moratoria de Costas, lograr a Autorización Ambiental Integrada da xunta de Galicia e mudar a tecnoloxía, tal e como demanda a Unión Europea, que obriga a finalizar a produción de cloro empregando mercurio. Para PSOE e Ciudadanos, Elnosa coñecía a situación dende hai anos, e evitou corrixila. O Partido Popular, pola súa banda, recorreu á legalidade para defender a súa postura en contra de solicitar o peche de Elnosa. Segundo Jacobo Moreira, se a factoría cumpre a norma, non se pode pedir que cese a actividade. Pola súa banda, Carme da Silva foi taxante nesta cuestión, e asegurou que o goberno local usará todas as ferramentas ao seu alcance para evitar que Elnosa continúe na ría de Pontevedra. Outras mocións que contaron co apoio de todos os edís, coa excepción dos do Partido Popular, foron as que reclaman a recuperación do Pazo de Meirás.
Publicado en PONTEVEDRA
Mércores, 13 Setembro 2017 20:13

A Festa da Ameixa de Campelo cumpre 30 anos

POIO> Campelo volve estar de festa esta fin de semana. A parroquia acolle a súa Festa da Ameixa, que este ano cumpre tres décadas de historia. A organización agarda superar os 560 quilos de ameixa vendida o ano pasado. Sempre presumindo, ademais, de produto da ría e mercado na lonxa de Campelo. A ameixa será o produto protagonista esta fin de semana en Campelo. A parroquia celebra a súa festa dedicada a exaltación deste molusco, que será o ingrediente estrela de todos os pratos que se vendan na carpa gastronómica da praza de A Granxa. Sempre a prezos populares. O ano pasado, vendéronse 560 quilos de ameixa. A organización agarda superar esta cifra, grazas en gran medida ás melloras que se incluíron, por exemplo, no dispositivo de tráfico que xa se puxo en marcha durante o Festival da Ameixa a fin de semana pasada: habilitar mil prazas de aparcadoiro e prohibir o paso dos vehículos no entorno da praza. Precisamente a calidade do produto que sirven é o seu principal reclamo. A ameixa é da ría de Pontevedra, mercada na lonxa de Campelo. Produto de proximidade 100%. A cita gastronómica será o sábado e o domingo, pero a festa xa arrinca o venres. Farao cunha homenaxe aos mariscadores recentemente xubilados, e coa inauguración dunha exposición fotográfica. Para conmemorar estes 30 anos de festa, o concello de Poio preparou camisetas especiais que se repartirán entre as 50 primeiras comandas que se merquen na carpa o sábado e o domingo. O sábado pola noite unha tirada de fogos de artificio dende o peirao de Campelo celebrarán estas tres décadas de historia.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> “De expectativas a realidades” é o suxerente título do segundo Congreso Galego de Adopción, que chega este venres a Pontevedra. A partires de diferentes charlas e actividades, a asociación Manaia busca reflectir a realidade da adopción en Galicia, así como axudar ás familias que estean interesadas, ou xa inmersas, neste proceso. Esta premisa é unha das bases do que esta fin de semana se abordará no Pazo da Cultura. Pontevedra acolle a segunda edición do Congreso Galego de Adopción, que baixo o título “De expectativas a realidades”, busca botar luz sobre este proceso. Coa súa testemuña, diferentes profesionais axudarán aos asistentes a conseguir as ferramentas necesarias para buscar as súas propias solucións. Aínda que, segundo explican dende Manaia, cuestións como o tempo de agarda para adoptar, son preguntas que non teñen resposta. Outro obxectivo que perseguen é mudar o foco das familias que agardan poder adoptar, aos nenos que están agardando un fogar. Só en Galicia hai 400 familias que agardan unha adopción internacional. O Congreso está dividido en dúas xornadas, que se celebrarán o venres e o sábado. O domingo, ademais, celebrarase unha xornada de convivencia de familias adoptivas no Colexio Manuel Vidal Portela.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O Teatro Principal será mañá o escenario da posta de longo pontevedresa de ‘Peter Brandon’. Trátase dunha webserie que nace da man do guionista pontevedrés Óscar Cruz, e que fai un percorrido pola vida do cómico galego Pedro Brandariz. A cita será ás 8 e media da tarde, con entrada de balde ata completar aforo. Peter Brandon é o nome artístico co que se vende Pedro Brandariz, un cómico galego que busca facerse un oco no duro mundo do audiovisual autóctono. A webserie é, polo tanto, unha sorte de falso documental que nace da man do guionista pontevedrés Óscar Cruz. Por ela pasarán tamén coñecidos actores do audiovisual galego, como Touriñán, David Amor ou Isabel Risco. A primeira tempada de ‘Peter Brandon’ está pensada para ter sete capítulos. Polo de agora, a falta de financiamento só lles permitiu gravar tres. Un deles, ademais, en Pontevedra. A estrea pontevedresa será mañá no Teatro Principal, aínda que esta webserie chega avalada pola crítica e por varios galardóns, entre eles o premio ao mellor proxecto de webserie en galego do Carballo Interplay. A cita comezará ás 20.30. A entrada será de balde ata completar aforo.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O sector turístico será un dos obxectivos principais da iniciativa SmartPeme, da Deputación de Pontevedra. Segundo anunciou esta mañá a presidenta provincial, a intención é incorporar unha carteira de servizos para o sector turístico, ademais de novas temáticas para os obradoiros incluídos no programa. Smartpeme prepárase para o novo curso. Esta mañá, a presidenta provincial mantivo un encontró os responsables do programa e cos axentes TIC que se atopan nas seis oficinas que a iniciativa ten en toda a provincia. Unha das novidades, é a súa aposta polo sector turístico. Smartpeme incorporará unha carteira de servizos específicos para este sector. Outras das novidades, son que na sé do Salnés, en Cambados, realizarase un evento para o sector vitivinícola en colaboración coa Denominación de Orixe Rías Baixas. Pola súa banda, en Pontevedra organizarase unha xornada para atraer ao pequeño comercio. Asesorar ás persoas do coworking do polígono de Barro-Meis, traballar para captar novos colectivos, como comercios minoristas e cooperativas, ou elaborar un plan de difusión para aumentar a presenza de SmartPeme no tecido empresarial, son outras das tarefas que abordará o proxecto nos vindeiros meses.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O concello de Pontevedra distribuirá 8.000 composteiros entre os veciños da cidade. Segundo explicou esta mañá o voceiro do goberno, o reparto realizarase entre as vivendas unifamiliares que teñan horta. Esta mañá, a xunta de goberno aprobou o expediente de contratación, cun importe de máis de 842.000 euros. Pontevedra avanza na súa aposta pola compostaxe. Esta mañá, o goberno local aprobou o reparto de 8.000 composteiros entre os veciños da cidade. O importe do contrato é de máis de 842.000 euros, cun custo de 87 euros máis IVE por composteiro. A distribución farase de xeito individual, e os veciños recibirán instrucións sobre o seu uso. A intención do goberno local é xeralizar este servizo, e conseguir que cada vivenda elabore o seu propio compost. Un camiño que busca a desaparición da recollida de orgánicos. O contrato terá un prazo máximo de prestación deste servizo de dous anos, dándose por finalizado cando se complete o reparto dos 8.000 composteiros. A previsión do executivo é que estea adxudicado a principios do vindeiro ano.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> Elnosa volve á actualidade informativa. Esta mañá, os traballadores da factoría compareceron ante os medios, fartos das falsas acusacións que, aseguran, lanzan continuamente dende o concello de Pontevedra. Os traballadores de Elnosa volveron defender esta mañá a factoría e os seus postos de traballo. Están fartos das acusacións contra a fábrica que, aseguran , son infundadas. Comité de empresa e sindicato criticaron con dureza o posicionamento do BNG, ao que agora se sumou En Marea. Comisións Obreiras lamentou o fanatismo destas dúas formacións políticas. Sobre as conversas coa empresa, o comité asegurou que xa solicitou unha entrevista coa dirección para coñecer os plans. Ata o de agora, o día 11 de decembro teñen que abandonar a produción de cloro con mercurio. Polo de momento, Elnosa está á espera da resolución da Autorización Ambiental Integrada e da decisión de Costas de prorrogar, ou non, a súa presenza en Lourizán. O comité tamén aegurou que manterán as mobilizacións. De feito, a próxima será este mesmo mércores en Santiago de Compostela. O comité de empresa trasladarase ata as portas do Parlamento de Galicia, onde está previsto que o BNG presente unha pregunta parlamentaria sobre a continuidade de Elnosa.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> O futuro campo de fútbol de Campañó está máis preto. Esta mañá, presentouse o proxecto desta nova instalación, que se sumará á rede do rural pontevedrés. O novo campo estará ubicado na mesma parcela que o campo actual, e contará cun investimento de case 1 millón de euros. Campañó está máis próximo a ter o seu novo campo de fútbol de herba sintética. A instalación ocupará a parcela do actual, e contará con materiais de alta calidade. A superficie de xogo será de 95x53 metros. Tamén estará equipado con cinco construcións que acollerán servizos complementarios como os vestiarios ou a cantina. A obra conta cun orzamento de case 1 millón de euros, e virá completar a transformación desa zona do monte de A Tomba. Alí tamén está proxectado un parque forestal. Os técnicos do concello traballan actualmente no prego de condicións do concurso de contración. Unha vez adxudicada a obra, o prazo de construción será de 8 meses.
Publicado en PONTEVEDRA
PONTEVEDRA> Volve o festival pontevedrés dedicado aos bebés. No concello presentouse esta mañá a nova edición do Núbebes; unha cita que trae ata a capital de provincia actividades artísticas, conferencias e obradoiros pensados para o público máis miúdo das casas. A completa programación desenvolverase do 22 ao 24 e do 29 ao 30 de setembro. O Festival das Núbebes xa ten máis anos que a gran maioría dos seus protagonistas. A cita pontevedresa cumpre cinco anos, manténdose fiel á súa proposta: preparar un programa de actividades dirixido a bebés. Segundo os organizadores, a calidade é o criterio fundamental que se marcan á hora de escoller as diferentes propostas. Tamén priman as que son de produción galega. Ademais das artes, o festival tamén ten a súa vertente de aprendizaxe para as familias. Desta faceta encargaranse, por exemplo, o obradoiro de ASEII sobre cociña saudable e divertida, a charla da asociación Tetameiga “O teu parto consciente”, a proposta que chega de AMENCER ou a intervención da psicóloga Rosa Jové. O Teatro Principal, a Casa das Campás, a Casa Azul, a Praza do Teucro ou o Patronato de Turismo Rías Baixas, serán os escenarios para esta quinta edición do Festival das Núbebes, que este ano conta tamén coa colaboración da Deputación de Pontevedra.
Publicado en PONTEVEDRA
HomeBARBANZA - NOIAMostrando artigos por etiqueta: Pontevedra Top of Page

Síguenos en facebook