Portos de Galicia aborda a necesidade de mellorar o abrigo do peirao de Aguiño

RIBEIRA> A presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo esta mañá en Aguiño  unha reunión de traballo con representantes da confraría de pescadores para analizar diversos proxectos  pendentes de execución neste peirao. Na xuntanza, na que tamén tomou parte do alcalde, Manuel Ruíz, analizáronse as posibles opcións do futuro dique de abrigo.

A construción dun dique de abrigo no peirao de Aguiño é un proxecto do que se vén falando dende hai tempo pero que polo de agora non chegou a materializarse, a pesar das reiteradas solicitudes por parte dos representantes da confraría nestes últimos anos.

Esta mañá a presidenta de Portos de Galicia, Susana Lenguas, mantivo unha reunión de traballo co patrón maior, José Antonio Santamaría, no que tamén participou o alcalde, Manuel Ruíz, no que volveu a abordarse este asunto. Portos xa ten avanzado no proxecto, e hoxe analizáronse as diferentes opcións para tratar de buscar aquela máis axeitada que permita mellorar a seguridade das embarcacións e dos mariñeiros, nun porto cunha exposición moi directa ó mar, no que operan a diario ó redor dun cento de embarcacións, a maioría delas pertencentes ó sector marisqueiro.

Na reunión abordáronse tamén outros asuntos de interese para o pósito como é a reordenación da explanada portuaria e a construción do futuro edificio de usos náuticos que dará acubillo ó club de remo.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí