Queixas dos comerciantes ribeireses ante a acumulación de lixo na rúa peonil

    ruageneralfranco_100_181006.jpgRIBEIRA > Os comerciantes da rúa  General Franco demandan máis vixilancia policial…

    … ante os frecuentes roubos que se rexistran en varios establecementos durante a noite. Á escasa seguridade hai que engadir a falla de limpeza que, segundo os propietarios dos locais comerciais, é froito do comportamento incívico dos viandantes que tiran o lixo ó chan e non recollen os excrementos dos seus animais. Din que é frecuente que os peóns arroxen papeis ou chicles ó chan aínda que o máis molesto son os excrementos das mascotas que pasean pola zona. Segundo os comerciantes, son moi poucos os que recollen os restos que deixan os animais co que a rúa adquire un aspecto sucio e descoidado. Neste punto, os porpietarios dos establecementos comerciais lembran que existe unha ordenanza municipal de limpeza que establece sancións para este tipo de comportamentos polo que o concello debería incrementa-la vixilancia en aras de facer cumprir o regulamento.

    Por outra banda, moitos dos comerciantes quéixanse da escasa vixilancia con que conta a zona durante a noite. Dende a peonalización da rúa rexistráronse roubos e actos vandálicos en varios comercios o que fai temer ós propietarios pola seguridade da zona. Por este motivo demandan o incremento da vixilancia ou a dotación de sistemas de seguridade que permitan detectar a acción dos vándalos.

    A opinión, en canto á necesidade de incrementa-lo número de axentes que vixilen a zona, é moi variada e mentres un reclaman un reforzo a plantilla outros consideran que a seguridade está garantida. Sen embargo, todos coinciden en que a peonalización do entorno resultou moi positiva para o comercio posto que se produciu un importante incremento nas vendas.

    Redacción Barbanza