Árbores caídas, cortes de luz e barcos á deriva tralas fortes rachas de vento

    barco_envilagarcia_100.jpgVILAGARCÍA > As fortes rachas de vento e as chuvias da pasada noite causaron varios danos en casas e mobiliario urbano da provincia. A caída de árbores obrigou …

    …a pechar varias estradas en localidades coma Sanxenxo, ou Vilagarcía. Aquí tamén caeron dous muros á calzada, un na rúa Rosalía de Castro e outro no colexio da Lomba, onde se veu a baixo a parede lateral do peche do recinto. Os cortes de luz, o estrago dalgunhas antenas e transformadores eléctricos e mesmo a caída dunha cheminea en Barro, foron outros dos incidentes que os servizos de emerxencias estiveron a emendar ó longo do día de hoxe.

    No mar tamén se deixaron ver esta mañá as consecuencias do temporal de chuvia e vento. Un bateeiro de Raxó e tres lanchas en Cambados foron á deriva, e no Grove, Sanxenxo e Vilagarcía espertaron con varios barcos soltos do peirao logo da rotura dos seus amarres. En Sanxenxo tamén caeu á auga un dos barcos que se atopaban no varadoiro.

    Pero onde máis medios se concentraron esta mañá foi no peirao de Pedras Negras en San Vicente do Grove onde un helicóptero Pesca I, Protección Civil e unha lancha de Salvamar buscaban nas inmediacións po porto de Pedras Negras a orixe da bengala que un veciño asegurou ver a altura da Lanzada. Salvamar aínda continúa agora a vixiar a zona e non se descarta que se poida tratar dunha falsa alarma.

    Ademais no Peirao de Vilagarcía os bombeiros tamén tiveron que rescatar a un pai e ós seus dous fillos do barco onde viven, logo de que se rompese a escaleira de aceso ó embarcadoiro.

    A intensidade do temporal que afectou hoxe a Galicia fixo que Protección Civil activase o nivel de alerta laranxa, ante os ventos de ata 100 quilómetros de velocidade que se rexistraron nalgúns puntos da costa atlántica. Para esta fin de semana seguirán notándose os efectos da borrasca. Haberá ceos cubertos con chuvias intermitentes e ocasionalmente tormentosas.

    Redacción Salnés