Bealo honrará a San Ramón con seis días de festa

BOIRO> Un completo cartel, coa música e a tradición como protagonistas, encabeza a programación das festas de San Ramón de Bealo, en Boiro. Darán comezo o próximo martes e prolongaranse ata o domingo. Concello e comisión colaboraron na súa organización para poñer en valor esta festa con máis dun século de historia e declarada de interese turístico e cultural.

A comisión de festas do San Ramón de Bealo retomou a organización dos festexos con moitas ganas. Tantas que neste ano comporanse de seis xornadas de festa que darán comezo o próximo martes. O día grande será o mércores 31 coa tradicional romaría na carballeira de San Ramón coa tradicional procesión.

Os festexos continuarán nas vindeiras xornadas con verbenas a cargo de orquestras como Marbella ou Tentaciones e grupos tradicionais como Xilbarbeira e Abeloura. Chegará á súa fin o domingo día 4 cun xantar popular no San Ramón pequeno.

Dende o concello agradeceron o inestimable labor da comisión de festas que traballou a reo para sacar adiante os festexos. Pediron ademais a colaboración veciñal para actuar con sensatez durante a romaría, evitando a acampada libre xa que está prohibida e coidando especialmente a contorna nun contexto de seca e especial risco de incendios forestais.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí