A concentración parcelaria converterá as 6.000 parcelas de Romai en 1.500

PORTAS> A concentración parcelaria de Romai, no municipio de Portas, avanza a bo ritmo. A Conselleira do Medio Rural visitou esta mañá os traballos, nos que a Xunta investiu preto de 1,8 millóns de euros. A restruturación afectou a máis de 6.000 parcelas, con máis de mil propietarios.

Máis de 6.000 parcelas iniciais, 420 hectáreas de terreo e 1.005 propietarios. Estas son algunhas das cifras que nos deixa a concentración parcelaria de Romai, no concello de Portas. Os traballos están en marcha, e contan cun investimento da Xunta de 1,8 millóns de euros.

Do total dos orzamentos, 1,2 millóns de euros destinaranse á rede principal de camiños, que xa comezaron a executarse. A intención é que estean rematados en dous anos.

A gran maioría do solo que se ve afectado por esta restruturación é de carácter forestal, aínda que dende a Xunta tamén aseguran que esta intervención beneficiará a outros sectores da zona, como o vitivinícola.

Máis aló da de Romai, en Portas tamén está en marcha a concentración parcelaria de Briallos. O proceso xa está na fase de bases definitivas, pendente da firmeza de acordo. Neste caso, a superficie concentrada é de 360 hectáreas que afectará a 633 propietarios. Das máis de 3.100 parcelas iniciais, quedarán 980.