Iago Caamaño vence na trixésimo cuarta edición do Rali de Noia

NOIA>  Os pilotos Víctor Senra e Alberto Meira completaron o podio dunha competición que non estivo exenta de percances. O coruñés Iago Caamaño e o seu copiloto, Alberto Rodríguez, fixéronse coa vitoria final na 34ª edición do Rali de Noia disputado esta pasada fin de semana. A proba, organizada pola Escudería Berberecho, era a segunda do calendario do Campionato Galego na modalidade de asfalto, despois da disputada na Coruña o pasado mes de febreiro. Caamaño partía a priori coma un dos principais favoritos xunto a Víctor Senra e Alberto Meira. Ó final cumpríronse os pronósticos e por esta orde completaron o podio. A desta fin de semana é a primeira vitoria do piloto de Arteixo nunha competición destas características. Pero non foi ningunha sorpresa. A multitude de afeccionados que se achegaron a presenciar a carreira comprobaron coma dende un primeiro momento o piloto da escudería Lalín-Deza, conducindo o seu Ford Fiesta R5, marcaba as diferenzas.A edición deste ano contou ademais con importantes novidades. Unha delas foi precisamente na primeira xornada coa disputa dun tramo urbano cronometrado que se desenvolveu na zona de Labarta, a carón do parque pechado, e que comprendeu zonas tamén de Barro e do paseo marítimo. Non serviu para marcar diferenzas, e os tempos dos coches foron moi similares. O que si. O tramo reuniu a gran número de afeccionados, dándolle maior atractivo e seguimento á competición. Como é habitual a metereoloxía condicionou tamén en boa parte a proba. Foron numerosos os incidentes e tamén os abandonos, aínda que por fortuna ningún de consideración. O máis salientable a suspensión do tramo Stark da tarde do sábado ó non cumprirse as mínimas condicións de seguridade. Como é habitual a Garda Civil realizou tamén un dispositivo de vixilancia especial no rali, desprazando a uns 58 axentes para darlle seguridade á proba na que a asistencia de público foi moi numerosa. Os axentes cursaron unas trescentas denuncias, a maioría delas por exceso de velocidade e ó redor dunhas dez por condutores que consumiron alcol ou drogas.