Irati García encabeza a renovada candidatura do BNG á alcaldía de Noia

    NOIA> Irati García encabeza a lista do BNG de Noia para as vindeiras eleccións municipais. Esta moza de vinte e nove anos, pertencente dende hai tempo a Galiza Nova, será a cabeza dun cartel electoral do que xa se coñecen os cinco primeiros postos. Tan só repite o número dous, Xosé Agapito Romero, o que dá idea do afán renovador da candidatura. A nova candidata perfilou xa algunhas das liñas que integrarán o programa nacionalista cunha clara aposta por mellorar a competitividade do sector do mar, clave para a economía noiesa. Tamén se incluirán proxectos importantes no eido dos servizos sociais, como a construción de vivendas de promoción pública, plans medioambientais como o encamiñado á rexeneración da ría e apostarase por unha maior participación cidadá na política. O aínda voceiro municipal do BNG noiés quixo amosar o seu agradecemento ós membros da lista que garanten a continuidade do proxecto nacionalista polo que tanto leva traballado.