Julio Mougán foi presentado coma novo técnico do Noia Portus Apostoli Fútbol Sala

    NOIA> O técnico redondelán, que volverá ós banquiños despois de ano e medio de inactividade, mostrouse ilusionado con esta nova experiencia á fronte do conxunto noiés na Segunda División do fútbol sala a nivel nacional. O Noia Portus Apostoli Fútbol Sala xa conta con novo adestrador. Trátase de Julio Mougán. O técnico redondelán será o encargado de guiar a nave noiesa a próxima tempada na Segunda División, competición na que xogará por primeira vez na súa historia. Acompañado do presidente, Severino Barreiro, e tamén do director técnico do Club, Javi Barreiro, foi presentado esta mañá en rolda de prensa na sede dun dos seus principais patrocinadores, Grúas Egalsa. No acto, no que tamén estivo presente o edil de Deportes Ramón Santos, explicáronse as razón da súa elección. Mougán, un técnico cualificado e con ampla experiencia na categoría, mostrouse ilusionado con este novo proxecto. Entre os seus obxectivos figura manter o equipo na categoría de prata. Un reto complicado pero que agarda poder cumprir coa implicación de todos, en especial coa dos xogadores. O Club xa traballa na configuración do plantel, no que se prevé a continuidade da base do grupo do ano pasado, coa incorporación de catro ou cinco caras novas que lle virán a dar un salto de calidade ó equipo.