Membros da Brilat visitan o museo Valle-Inclán da Pobra

    POBRA> Uns quince membros da BRILAT, entre os que se atopaba o Tenente Coronel Carlos Aurelio Miragalla Prieto, realizaron esta mañá unha visita ó Museo Valle-Inclán da Pobra do Caramiñal. A actividade, promovida pola empresa Palmira Scuba, formaba parte dun premio, ó resultar a patrulla gañadora da 16 edición do concurso de adestramento de patrullas militares ‘Challenger Ruta Tui–Santiago 2017’, na que percorreu os 120 quilómetros do Camiño Portugués de Peregrinación entre estas dúas cidades en tan só 20 horas. Na visita os membros da Brilat estiveron acompañados polo propio director do museo, Antonio González Millán, que foi o encargado de explicarlles as singularidades do edificio, declarado Monumento Nacional de carácter Histórico e Artístico, así como ensinarlles tamén a importante riqueza da colección patrimonial que reúne, vinculada a un dos nosos escritores máis recoñecidos, como é Ramón María del Valle-Inclán.