Moteiros de toda España súmanse ó soño dun ribeirense ‘rodando contra o cancro’

    RIBEIRA> O proxecto solidario ‘Rodando contra o cancro’ vai camiño de converterse nun fito a nivel nacional. Moteiros de toda España sumáronse á iniciativa promovida polo ribeirense José Manuel Cardalda co obxectivo de recadar fondos para loitar contra a enfermidade. O ribeirense José Manuel Cardalda non imaxinaba, aló polo Nadal de 2013, que a súa idea de percorrer Galicia a lombos da súa moto nunha campaña solidaria contra o cancro acabaría por traspasar fronteiras ata converterse nun ambicioso proxecto a nivel nacional. A casualidade quixo que, tan só un mes despois de iniciar a campaña, lle diagnosticara un cancro de gorxa co que o que empezou como unha causa solidaria se convertese nun reto persoal. Reto máis que superado posto que, tras máis de cento setenta horas e once mil quilómetros sobre a súa moto, Cardalda levo percorridos e fotografados tódolos concellos galegos. Tan só lle resta Lalín a onde se achegará o día 21 deste mes para culminar o periplo polas catro provincias nunha gran quedada moteira. Sen embargo, esta é só unha parte do proxecto xa que entre tódolos voluntarios que se sumaron á campaña levan percorridos máis de catro mil concellos de toda España. O obxectivo é chegar a cubrir os 8122 que conforman o mapa nacional. Unha vez finalizado, tentarán recadar fondos por dúas vías: a pública, a través das axudas dos concellos xestionadas por unha ONG ou as achegas directas que xa se poden realizar a través da web www.migranodearena.com que se destinan á asociación española contra o cancro. Rodando contra o cancro é un exemplo de como o soño dun idealista chegou a converterse nun amplo compromiso cidadá para combater contra esta enfermidade da que, afortunadamente, xa se atopa practicamente recuperado. Un exemplo de superación co que dar folgos e esperanza ás miles de persoas que afrontan a diario a loita contra o cancro.