Padrón acollerá esta próxima fin de semana a II Exposición da Camelia

PADRóN> A mostra será inaugurada este sábado á unha da tarde no Convento do Carme, nun acto presidido polo alcalde, Antonio Fernández Angueira, a edil de Cultura, Carmen Lois, e a presidenta da Sociedade Española da Camelia, Carmen Salinero. A mostra prolongarase durante toda a fin de semana e estará aberta ó público tanto o sábado coma o domingo, en horario de mañá e de tarde. Uns 30 expositores procedentes de toda Galicia, amosarán todo tipo de exemplares de Camelia, dende os máis coñecidos ata aos máis novidosos. Ademais a mostra contará cunha selección de exemplares únicos de Bonsai, tanto no que a antigüidade como a singularidade se refire, grazas á colaboración dun coleccionista e campión europeo padronés. Nesta edición, dita selección singular contará cun exemplar excepcional desta especie que presidirá a entrada do claustro. No mesmo espazo, os visitantes poderán tamén contemplar a exposición fotográfica ‘Moi cerca de Santiago…Sorpréndete’, pertencente ó grupo de turismo Area Santiago, integrado por 17 concellos, entre eles Padrón. Grazas á mesma os asistentes poderán ver magníficas fotografías de diferentes autores sobre a gastronomía, paisaxe e patrimonio de todo a territorio que abarca o mencionado grupo. Na xornada do sábado, ás 16.30 horas, os expositores visitarán ademais o Pazo Faramello, primeira fábrica de papel de Galicia, en cuxos xardíns de gran beleza e singularidade se plantaron recentemente exemplares de camelia. A continuación, aproximadamente ás 18.00 horas do sábado, tense previsto realizar unha entrega de premios para os mellores exemplares de camelia japónica, reticulata, híbrida e especie pura; para o mellor expositor de lote de camelias da zona e para a flor única que máis destaque pola súa beleza ou novidade. A actividade está destinada a promover e difundir o coñecemento sobre a camelia, fonte importante de atracción turística. Logo do éxito acadado na primeira edición, organizada pola concellería de Cultura no pasado ano, o Concello reafirma así a súa aposta pola preservación do patrimonio natural, impulsando ó mesmo tempo a presenza da Casa Museo Rosalía de Castro dentro do circuíto de xardíns vencellados á cultura da Camelia en Galicia, así como ós demais elementos patrimoniais de relevancia presentes en Padrón e na comarca do Sar.