O prezo do berberecho de Noia alcanza valores similares ós do inicio da campaña

NOIA> A confraría de Noia estuda volver a subir os topes de berberecho ante o repunte das cotizacións. Nas últimas semanas, os prezos desta especie situáronse ó mesmo nivel que no arranque de campaña. A histórica campaña marisqueira de Noia podería superar os dezaseis millóns de euros. Trala baixada de prezos despois da campaña de Nadal que obrigou a redución dos topes, os prezos volvían a repuntar nas últimas semana chegando mesmo a valores propios da apertura da campaña. Con estes bos resultados, o cabildo acordou seguir traballando, alomenos, ata finais de marzo. Estudan ademais incrementar lixeiramente os topes de berberecho que baixaran ata os cinco quilos. Unha vez paren definitivamente a actividade, ben en marzo ou en abril, a confraría iniciará os traballos de limpeza e retirada de depredadores co fin de preparar a vindeira campaña que previsiblemente abrirá en setembro.