Roubo de película nun estanco de Taragoña

RIANXO> Rouba de madrugada nun estanco de Taragoña e acaba arremetendo o coche roubado no que fuxía contra un furgón de tráfico, nun control policial na AP-9, a altura de Ordes. Aínda que o pensen, non lles contamos ningunha película. O delincuente acabou ferido grave e tivo que ser ingresado no Hospital Clínico de Santiago. Na colisión tamén resultaron feridos de consideración dous axentes da Garda Civil de Tráfico.

Este estanco, na parroquia rianxeira de Taragoña, a carón da estrada AC-305, foi esta pasada madugada, ó redor das tres, obxecto dun novo roubo. Aínda que a maioría dos veciños da zona nin se enteraron do acontecido.

Trátase do quinto roubo que sufre este establecemento no que vai de ano. Nesta ocasión por medio dunha alunizaxe. O presunto autor xa foi detido despois dunha persecución de película. Trátase de F.A.T., de 36  anos, veciño de Carballo. Un vello coñecido da policía con numerosos antecedentes anteriores por causas similares. Os axentes seguíanlle a pista, pois ó parecer o vehículo que empregou para o roubo en Rianxo fora substraído con anterioridade na propia localidade bergantiñá. A persecución continuou pola AP-9 e rematou co presunto ladrón arremetendo o vehículo que conducía contra un furgón de tráfico que pretendía darlle o alto. A consecuencia do choque o delincuente acabou ferido grave e tivo que ser ingresado no Hospital Clínico de Santiago. Na colisión tamén resultaron feridos de consideración dous axentes da Garda Civil de Tráfico.

Ademais do roubo con forza, o prendido está acusado de condución temeraria e desobediencia, así como tamén atentado contra axentes da autoridade. A isto hai que sumarlle tamén o feito de que conducía sen permiso de conducir por perda de vixencia do mesmo.

Á espera de facer reconto do substraído, así como tamén dos danos causados no establecemento, o propietario agarda poder recuperar a totalidade ou parte do botín. O cambio existente na máquina rexistradora e gran cantidade de cartóns de tabaco de diversas marcas.