• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
RIBEIRA> Novos actos vandálicos na contorna dos muíños do río Amendo, na parroquia ribeirense de Carreira. Ademais de arrancar unha porta, os autores destes feitos destrozaron diverso mobiliario urbano así como ferramentas e maquinaria dos muíños.
BOIRO> Xa hai un detido como presunto autor do crime e todo apunta a un posible axuste de contas. A tranquilidade habitual de Triñáns, unha aldea da parroquia boirense de Abanqueiro, veuse esta mañá alterada, nada máis coñecerse a nova da tráxica morte de Carmen Dieste, coñecida no lugar como Carmucha, de 66 anos de idade. O seu corpo foi atopado no interior da súa casa, ó parecer con varias coiteladas. Foi o propio presunto autor do crime, un veciño da localidade, con iniciais S.V.P. de 38 anos o que alertou ó 112 do acontecido. Ata o lugar desprazáronse varias patrullas da Garda Civil que localizaron no exterior da casa a este individuo, que portaba unha mochila. No rexistro da bolsa os axentes atoparon unha camisa chea de sangue e un coitelo, polo que procederon á súa detención. Fontes do propio Instituto Armado descartaron que se tratase dun crime pasional. Todo apunta a un posible axuste de contas como causa máis probable da morte.
NOIA> A Garda Civil de Noia desartellou un punto de venda de droga a menores. As investigacións iniciadas pola Policía Xudicial a principios do mes de xuño culminaron coa detención dun mozo da localidade que distribuía substancias estupefacientes entre rapaces moi novos, algúns mesmo de trece anos.
RIBEIRA> Á espera de que os datos do teléfono móbil de Diana Quer poidan aportar información sobre o paradoiro da moza, continúan as investigacións sobre o terreo. Nos últimos días, axentes da Policía Nacional inspeccionaron unha finca en Ribeira onde unha testemuña declarou ver a unha persoa enterrando algo nas datas posteriores á desaparición.
PONTEVEDRA> O parricida confeso de Moraña, pendente de veredicto. Será mañá cando o xurado se retire a deliberar, despois de dúas sesións de xuízo. Hoxe, a defensa de David Oubel asumiu todas as acusacións da Fiscalía, despois de que onte fora o propio parricida quen confesara os feitos. De ser declarado culpable, estaría ante a condena de prisión permanente revisable. O xuízo contra o parricida confeso de Moraña encara a súa recta final. Mañá o xurado retirarase a deliberar, despois de escoitar os informes dos peritos que pasaron hoxe pola sala. Ao final da sesión, a defensa de David Oubel modificaba as súas conclusións preliminares nas que alegaba o trastorno mental transitorio do seu cliente. Trala confesión de onte do acusado, o letrado manifestaba a súa conformidade con todas as conclusións e acusacións que recolle a Fiscalía. Para o Ministerio Fiscal, os feitos son dous delitos de asasinato con aleivosía agravados. O feito de que as vítimas foran menores de 16 anos fai que, de ser declarado culpable, Oubel teña que cumprir a condena de prisión permanente revisable. Pola súa banda, a sesión desta mañá tamén serviu para modificar as conclusións previas da defensa. Finalmente, decidiron retirar o agravante de asañamento, aínda que manteñen a petición da prisión permanente revisable para o parricida confeso. Hoxe, os especialistas que se encargaron da avaliación psíquica de David Oubel concluíron que non presentaba ningún trastorno grave que anulara a súa vontade no momento do crime. Tamén detectaron falta de empatía e frialdade, con rasgos dunha personalidade narcisista. Ao remate da sesión, o asasino confeso non quixo facer uso da súa última intervención. Pola súa banda, os forenses responsables da autopsia das pequenas explicaron que foron degoladas cunha radial e un coitelo, despois de inxerir unha mestura de sedantes. Segundo o seu relato, o cóctel tivo menos efecto sobre a maior, que si se resistiu e intentou fuxir do ataque.
Publicado en PONTEVEDRA
PORTO DO SON> A Garda Civil procedeu á detención de dous veciños de Porto do Son e outro de Ribeira como presuntos autores dun delito de roubo con forza. Os feitos tiveron lugar hai varios días nunha vivenda particular do lugar de Tarrío, na parroquia sonense de Queiruga. Ó parecer os tres prendidos accederon ó interior da casa despois de romper o vidro dunha das fiestras levándose un botín con diversos obxectos valorados en máis de dez mil euros. As investigación realizadas nos días posteriores polos axentes do Instituto Armado permitiron a detención o pasado venres de J.C.G.C. e recuperar parte das xoias substraídas no roubo. Esta mañá pasaban a disposición xudicial os outros dous detidos: B.M.S e F.M.A, que xa puxeran á venda parte dos obxectos roubados en varios negocios de compravenda da zona, entre eles unha caixa de moedas de prata.O Xulgado de Instrucción Número 2 de Noia e quen instrúe as dilixencias.
RIBEIRA> O incendio, que se iniciaba na tarde de onte, volveu reactivarse a primeira hora desta mañá. O incendio rexistrábase na tarde de onte nun silo de serrín nesta carpintería situada no polígono industrial de Xarás. Ata o lugar do suceso achegáronse efectivos dos parques de bombeiros de Boiro e Ribeira, así como tamén do Grupo de Apoio e Emerxencias Municipal que estiveron traballando na extinción do incendio ata pasadas as once da noite. Aínda así, a primeiras horas desta mañá o lume reactivouse na mesma zona, polo que foi necesaria unha nova intervención dos equipos de emerxencia. No incendio non houbo que lamentar danos persoais, xa que á hora na que se orixinou o lume xa non había actividade no interior da nave. Polo de agora descoñécese tamén a súa posible orixe.
PONTEVEDRA> Rouban nas oficinas sindicais de Pontevedra durante a madrugada deste martes. Os ladróns percorreron o edificio onde se atopan as sés de Comisións Obreiras, UXT e CIG, conseguindo un botín total de preto de 700 euros. A Policía xa iniciou unha investigación para dar cos autores. Varios estragos e un botín de preto de 700 euros. Este é o balance que deixou o roubo que esta madrugada sufriron as oficinas sindicais de Pontevedra, na rúa Pasantería. Os ladróns conseguiron entrar nas oficinas da CIG por unha das fiestras da secretaría comarcal. Despois, forzaron a porta exterior de acceso ao salón de actos do edificio adxacente, onde están as sés de UXT e Comisións Obreiras. Só buscaban cartos en efectivo, e non levaron nin ordenadores portátiles nin tablets. Hoxe, o secretario comarcal da CIG reclamaba melloras no edificio ao Ministerio de Traballo, titular do inmoble. A policía científica localizou pegadas dactilares na fiestra da CIG, e xa iniciaron as investigación para dar cos autores.
Publicado en PONTEVEDRA
RIANXO> O sinistro producíase pouco antes das dúas da tarde. Por causas polo de agora descoñecidas, un vehículo, un BMW Serie 3, invadiu o carril contrario e colidiu frontalmente contra un camión. A consecuencia do golpe, o turismo quedou envolto en chamas, e os dous ocupantes que viaxaban no seu interior, unha parella de ó redor duns 40 anos, quedaron atrapadas no seu interior sen que ninguén puidera facer nada por socorrelos. A identificación dos corpos foi complexa, debido a que tanto o vehículo coma as dúas vítimas quedaron calcinadas. Ata o lugar do suceso achegáronse numerosos equipos de emerxencia, Policía Local e Protección Civil de Rianxo, bombeiros do parque comarcal de Boiro e tamén varias patrullas da Garda Civil de Tráfico. Tamén se achegaron diversas autoridades locais, entre elas o alcalde, Adolfo Muíños, quen lamentou o suceso. A consecuencia do choque, e debido ós traballos de excarceración e ó levantamento dos corpos, e posteriormente á retirada dos vehículos implicados e a limpeza da calzada, a estrada permaneceu cortada ó tráfico durante máis de catro horas, desviado a circulación a través da propia autovía do Barbanza. O accidente desta tarde é uns dos máis graves dos rexistrados na comarca nos últimos anos, ó saldarse con dúas vítimas mortais. A parella falecida deixa un fillo de tres anos.
RIBEIRA> Susto na residencia do maior de Ribeira que esta fin de semana foi vítima dun acto vandálico.
RIBEIRA> Un voluntario da asociación animalista Vox Ánima sufriu unha agresión cando viña de repartir material informativo nun colexio. Denuncia que os ocupantes dun vehículo lle tiraron unha botella con lixivia que impactou sobre el e o seu can.
POBRA> Espectacular persecución a protagonizada este venres pola policía local de Ribeira. Unha patrulla seguiu ós autores dun roubo nunha vivenda en Aguiño ata a entrada da Pobra onde o vehículo dos presuntos delincuentes chocou contra outro coche. O condutor logrou fuxir a pé. As outras dúas ocupantes foron detidas.
Páxina 1 de 16
HomeBARBANZA - NOIAMostrando artigos por etiqueta: sucesos Top of Page

Síguenos en facebook