Urbaser e concello promoven os beneficios da recollida selectiva

    RIBEIRA> A empresa responsable da recollida do lixo en Ribeira, Urbaser, promove unha campaña de concienciación sobre a reciclaxe. Ademais da cartelería e os paneis informativos instalados nos camións de recollida e en varios puntos do municipio, desenvolveranse actividades nos colexios e iniciativas a nivel comercial. A reciclaxe, máis aló do seu valor ambiental, implica outros importantes beneficios para os municipios. Precisamente con esta idea, o concello de Ribeira e Urbaser, concesionaria do servizo de limpeza urbana, veñen de lanzar unha campaña de concienciación. Os camións de recollida lucirán imaxes de praias e paraxes naturais de Ribeira, invitando ós cidadáns a coidalos a través da reciclaxe. Tamén se promoverá a recollida selectiva a través de carteis e trípticos informativos apelando á implicación da cidadanía para separar en orixe e desenvolveranse accións educativas nos colexios. Con esta campaña, o concello busca dar continuidade á tendencia positiva dos últimos anos nos que se detectou un notable incremento da reciclaxe. Ademais do incremento do número de contedores e o reforzo do servizo o concello impulsará tamén outras medidas para mellorar a limpeza urbana como o reparto de estuches con bolsas para a recollida dos excrementos dos cans e intensificarase o control neste aspecto por parte da policía local. Dase a circunstancia de que, na actualidade, Urbaser asume o servizo de recollida posto que presentou un recurso contra a adxudicación do contrato a outra empresa. Á espera de que se resolva, a relación entre empresa e concello é do máis fluída. De aí, a boa colaboración para promover este tipo de iniciativas conxuntas.