• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
CANAL RÍAS BAIXAS
RIBEIRA> O primeiro semestre do ano deixa un balance máis que positivo na lonxa de Ribeira. Máis de catorce millóns de quilos descargados que se traduciron nunha facturación superior ós dezanove millóns de euros.
RIBEIRA> Boas novas de novo para o atletismo barbanzán. Ana Peleteiro vén de ser convocada pola Selección Nacional para participar en Londres, do catro ó 13 de agosto, nos Campionatos do Mundo de Atletismo. A atleta ribeirense achégase a estes Mundiais logo de estar a completar unha das súas mellores tempadas que a levarían a acadar a súa mellor marca persoal con 14 metros e 22 centímetros, o subcampionato de Europa sub-23 ou mesmo o Campionato de España desta pasada fin de semana. O concurso de Ana Peleteiro en Londres está fixado para o día cinco de agosto ás doce da mañá. Alí agardará facer un bo salto e meterse nas finais previstas para o día 7 a partir das nove e vinte e cinco da noite. Nos campionatos de Londres tomarán parte tamén outras dúas atletas galegas máis como son Solange Pereira e Belén Toimil.
RIBEIRA> Os festexos, que se desenvolverán do 2 ó 6 de agosto, terán coma pregoeiro ó actor, Ricardo de Barreiro. A edil de Cultura, Herminia Pouso, xunto con varios dos membros que integran a Comisión de Festas, foron os encargados de desgranar boa parte do programa das festas de verán deste ano. Os festexos desenvolveranse do 2 ó 6 de agosto e incluirán un amplo abano de actividades dirixidas a satisfacer a todo tipo de públicos. O pregón inaugural, dende o balcón da casa consistorial, correrá este ano a cargo do actor, Ricardo de Barreiro. Dende a comisión organizadora quixeron agradecer tamén tanto ó Concello como ás principais empresas colaboradoras e á hostalería a súa colaboración, para conseguir que as festas tiveran o mellor cartel posible.
RIANXO> A proba, encadrada no calendario de regatas da Liga Galega de Traíñas, arrancará a partir das doce menos cuarto da mañá na dársena portuaria da vila. Correspondente coa décima proba do calendario de regatas que integran a Liga Galega de Traíñas, Rianxo acollerá este próximo domingo a décimo cuarta edición da Bandeira de Traíñas Concello de Rianxo. Na regata tomarán parte os once clubs que integran a LGT. Os principais favoritos para levarse a vitoria na proba serán os dous equipos que lideran actualmente a clasificación, Samertolomeu de Meira e a Pobra do Caramiñal. O Club anfitrión, agarda facer un bo papel aínda que as posibilidade de trunfo son escasas. Dende o Concello, principal patrocinador da regata, destacaron a importancia desta proba, xa un clásico dentro do calendario deportivo rianxeiro. A organización quixo tamén agradecer a colaboración das distintas empresas patrocinadoras, xa que sen a súa axuda sería imposible poder levala a cabo. O montante económico destinado a premios acada os nove mil euros, a repartir entre tódolos Clubs en función da clasificación na proba.
PADRÓN> A Garda Civil de Padrón, en colaboración coa Policía Local, procedeu á detención dun individuo, veciño de Dodro, de 41 anos, con iniciais J.D.R., como presunto autor dun delito de roubo con violencia. Os feitos tiveron lugar o pasado 14 de xullo. O prendido, que ía encarapuchado, abordou a unha señora por detrás, arrancándolle o bolso que portaba, en cuxo interior contiña uns 600 euros. A presenza de numerosas testemuñas, así como tamén o visionado das cámaras de vixilancia de varios locais foron claves á hora de identificalo. O detido xa pasou a disposición no Xulgado de Padrón, que decretou a súa liberdade con cargos. Cónstanlle numerosos antecedentes por feitos similares.
RIBEIRA> O concello de Ribeira traballa na reestruturación do centro de saúde da localidade, que actualmente carece de espazo para albergar certos servizos. Trala visita da xerente da área sanitaria de Santiago, o alcalde manterá proximamente unha xuntanza con responsables do SERGAS para plantexar a reorganización e ampliación das instalacións.
BOIRO> Durante toda a fin de semana celebrouse a décima edición da concentración moteira organizada polo club Boiromotos. A actividade conseguiu congregar a máis de mil moteiros que se achegaron ata este municipio dende diferentes puntos da xeografía galega, así como tamén de outras comunidades e mesmo Portugal. Unha cifra que nin os membros máis optimistas da organización facían presaxiar. O programa de actividades foi do máis variado, dirixido a todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores. Dende o venres ata o domingo desenvolvéronse infinidade de accións: cursos de educación para nenos, xogos e concursos para tódolos participantes que se inscribiron na concentración, música, rutas turísticas e unha nova edición do salón da moto. Pero sen dúbida o prato forte desta xuntanza moteira en Boiro foron novamente as distintas exhibicións de stunt a cargo de pilotos profesionais, así como tamén a primeira proba de Super Enduro Boiro.
RIANXO> En total repartíronse máis de mil racións deste prezado peixe, acompañado de cachelos, pementos de Padrón e pan. Coa onte, xa son vinte e cinco as edicións celebradas ata o de agora da festa da xouba. Aínda así a deste ano presentou importantes novidades. Unha delas foi o cambio de emprazamento, dende a alameda, no Campo de Arriba, ata o paseo da Ribeira, onde se instalou a carpa provisional. Por ela foron pasando numerosas persoas que non quixeron deixar escapar a oportunidade de probar este prezado peixe característico da nosa Ría. Dende a propia organización, que este ano foi comandada polo Concello, destacouse o éxito desta cita gastronómica na que chegaron a repartirse máis de mil racións de produto, acompañado de cachelos e pementos de Padrón O bo tempo existente durante toda a xornada, así como os grupos de música tradicional que amenizaron a festa, animaron a moitos veciños a sumarse a esta degustación que non só se realizou na propia carpa. Moita xente optou tamén por degustar a xouba nalgún dos 24 locais que participaron este ano na ruta das tapas da xouba que ofreceron este produto elaborado das máis variadas formas.
BARBANZA> A ribeirense Ana Peleteiro proclamouse campioa de España de triple salto mentres que a pobrense Lidia Parada facíase co mesmo título na modalidade de lanzamento de xavelina. Bos resultados os acadados por estas dúas atletas barbanzáns nos campionatos de España en categoría absoluta ó aire libre celebrados esta pasada fin de semana en Barcelona. As dúas partían ademais coma principais favoritas nas súas disciplinas e non defraudaron. Tanto Ana Peleteiro coma Lidia Parada conseguiron revalidar o titulo acadado xa o pasado ano. A ribeirense fíxose coa medalla de ouro cun salto de 13’67, demostrando así o bo momento polo que atravesa. En segunda posición en triple salto quedou Fátima Diame e en terceiro lugar patricia Serrapio. En canto á pobrense Lidia Parada conseguiu o título cunha impresionante marca de 57 metros e 97 centímetros. O seu mellor lanzamento no que vai de ano, converténdose tamén na mellor marca española da tempada. Por detrás dela, moi lonxe do seu lanzamento, quedaron Arantza Moreno, segunda, e Nora Bicet, terceira.
RIANXO> A actuación ascenderá a máis de catorce millóns de euros, xa que ás obras de mellora na depuradora haberá que engadirlle a construción dun novo tanque de tormentas. Tratábase dunha vella demanda, incluída xa no Plan de Saneamento da Ría que debería estar xa rematada no 2015. Aínda así o executivo rianxeiro mostrou a súa satisfacción porque a obra sexa en breve unha realidade. Dende o goberno local confíase en que a actuación veña a solucionar os problemas existentes na actual EDAR, xa que as instalacións son a todas luces insuficientes para poder asumir o tratamento procedente da rede de saneamento. Dende o Concello agardan a que a obra se acometa coa máxima brevidade posible. O orzamento da actuación ascende a máis de catorce millóns de euros. Trala ampliación a nova EDAR terá unha capacidade para unha poboación dun 23 mil habitantes, o dobre da poboación actual.
RIANXO> A actividade, impulsada pola Federación de Librarías de Galicia. en colaboración coa Xunta de Galicia, a Deputación da Coruña e o propio Concello, estará aberta ata o domingo na praza Castelao. A praza Castelao volve a ser o escenario elixido para acoller unha nova edición da Feira do Libro de Rianxo organizada pola Federación de Librarías de Galicia en colaboración coa Xunta de Galicia, Concello e Deputación da Coruña. A cita, organizada este ano baixo o lema “A ledicia de ler”, en homenaxe a Carlos Carares, autor homenaxeado no Día das Letras Galegas, prolongarase ata o próximo domingo. Ademais das librerías, a feira conta tamén con dúas casetas, unha da Biblioteca Municipal e da outra Deputación onde se desenvolven obradorios de animación á lectura para os máis pequenos. Durante as distintas xornadas desenvólvense numerosas actividades como é o caso de presentacións ou sinaturas de libros por parte de autores como Xosé Luís Axeitos, Natalia Carou ou María Reimóndez, entre outros. A feira tamén da cabida a outras propostas, como a música e a danza, e tamén a actividades para os máis pequenos con sesións de contacontos e espectáculos teatrais. O horario da feria será de once a dúas polas mañás e de cinco e media a nove e media polas tardes. Durante a fin de semana pechará ás dúas e media.
BOIRO| A concentración moteira, hoxe xa un referente no ámbito autonómico, desenvolverase do venres 'o domingo no parque da Cachada. Os afeccionados ás motos terán unha cita dende o venres ó domingo en Boiro, cunha nova edición, e xa van dez, de BoiroMotos. A actividade organizada polo Club Boiro Motos, en colaboración co propio Concello, agarda superar as cifras de anos anteriores, máis dun millar de moteiros chegados dende toda a xeografía galega, e tamén doutras comunidades ou mesmo Portugal. Será unha fin de semana cargada de atractivos, non só para os afeccionados ó mundo das dúas rodas, senón tamén para o resto de públicos, xa que as actividades serán múltiples e variadas. A destacar as exhibicións de stunt previstas para o venres e o sábado pola noite, o salón Boiromotos, onde se poderá atopar todo tipo de productos relacionados co mundo do mortor, así como algunha que outra novidade como é o caso dunha proba de Super Enduro e un concurso de motos oldie. Dende o Concello destacaron a importancia desta concentración, que co paso dos anos é xa un referente, converténdose un polo de atracción de visitantes á localidade. Como de costume o principal polo de atracción será a zona da Cachada onde se realizarán a concentración e tamén as exhibicións. Para máis información os interesados poden consultar a propia web da organización: www.boiromotos.com.
HomeMostrando artigos por etiqueta: Barbanza Top of Page

Síguenos en facebook