Libros de segunda man para salvar os quioscos da Fundación Xoán XXIII

PONTEVEDRA> Hoxe, 23 de abril, é o Día do Libro e dende a Fundación Xoán XXIII non quixeron deixar pasar esta efeméride. A entidade instalou xunto ao quiosco do Hospital Provincial un posto de libros de segunda man a prezos moi asumibles. Unha iniciativa coa que, ademais de dar unha segunda vida a estes exemplares, buscan salvar os dous quioscos que xestionan e os postos de traballo.

Os libros que os seus donos xa non queren poden ter unha segunda vida grazas á Fundación Xoán XXIII.

A entidade recolle os exemplares para poñelos á venda a prezos moi asumibles e hoxe, con gallo do Día do Libro, montaron un posto diante do Hospital Provincial de Pontevedra.

A iniciativa ten, ademais, outra función: salvar os quioscos que a Fundación xestiona. Son os dos dous hospitais públicos de Pontevedra, Montecelo e Provincial, e a súa actividade viuse moi afectada pola pandemia.

Os libros de segunda man sempre están dispoñibles nestes dous quioscos, nos que tamén se recollen peticións ou reservas.

Durante todo o ano podemos facer as nosas doazóns para que a Fundación Xoan XXIII poida seguir con esta dobre función: manter os postos de traballo e dar aos libros unha nova oportunidade.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí