• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
CANAL RÍAS BAIXAS
NOIA> A proba, organizada polo Club Atletismo Noia, prevé mellorar a participación das edicións anteriores. Todo preparado en Noia para acoller a vinte e unha edición da carreira popular pedestre. A cita terá lugar o próximo domingo 2 de setembro. Como vén sendo habitual estará organizada polo Club Atletismo Noia, que contará coa colaboración do Concello e de varias casas comerciais. O trazado deste ano será idéntico ó da edición anterior, non demasiado esixente cunha lonxitude total duns nove quilómetros. A característica máis singular é que discorrerá de noite. O que sen dúbida a fará máis atractiva. Dende o Concello destacaron a importancia deste tipo de citas deportivas, que congregan a un gran número de persoas, e serven, ademais do aspecto puramente deportivo, para dar a coñecer a localidade. A organización márcase como reto este ano chegar ós oitocentos participantes sumando tódalas categorías dende os chupetes ata os senior e veteráns. O prazo de inscrición xa está aberto ata o día 1 de setembro a través da páxina web www.emesports.es.
MUROS> A actuación está incluída nas obras do POS Plus da Deputación da Coruña. Esta mañá a xunta de goberno local aprobaba dúas actuacións incluídas no POS + da Deputación da Coruña para este ano e cuxa execución será inminente. A primeira delas consistirá no arranxo dos actuais nichos no cemiterio municipal da Atalaia e a súa ampliación, cun novo módulo de nichos, así como tamén a mellora da accesibilidade ó recinto. Segundo a propia alcaldesa, María Xosé Alfonso tratábase dun vella demanda por parte dos veciños. A outra das actuación aprobadas hoxe prevé a mellora dos accesos ó núcleo de Torea.
LOUSAME> Como é tradición, numerosos veciños achegáronse ata a capela onde se venera a este santo, na parroquia de Tallara, para participar nos actos litúrxicos e disfrutar dun xantar campestre. Dende primeiras horas da mañá numerosos veciños deste Concello, así como tamén de municipios lindeiros, achegáronse ata o entorno da capela de San Lourenzo en Tallara para asistir, como é tradición, ós actos na honra de San Lorenzo. Aínda así non foi ata a unha do mediodía, cando tivo lugar o acto principal da xornada, coa celebración da misa solemne e posterior procesión na que o santo estivo tamén acompañado de San Mamede, a quen xa se lle rendera culto na xornada anterior. Moitas das persoas que asistiron ós actos litúrxicos aproveitaron tamén a xornada para disfrutar dun xantar campestre en familia. O bo tempo e a beleza do enclave axudaron tamén a prolongar esta data festiva con tanto arraigo no municipio, na que tampouco faltou a música, da man da charanga Tíralle do Aire e o grupo de gaiteiros O Son do Pote.
NOIA> O proxecto de construción do novo museo do mar de Noia permanece paralizado á espera de remitir un informe a Patrimonio sobre os novos restos arqueolóxicos aparecidos trala demolición do antigo inmoble. Ademais de parte da muralla medieval, vestixio co que xa contaban os técnicos, apareceu o peirao de acceso e un treito de calzada.
NOIA> A Axencia Galega de Turismo e a Asociación Rural de Desenvolvemento da Ría Muros Noia asinaron un convenio de colaboración para a promoción do xeodestino. Establece unha achega de preto de cincuenta mil euros para a potenciación conxunta dos cinco concellos que componen esta bisbarra.
PORTO DO SON> A Xunta de Galicia investiu máis de trinta mil euros nas obras de mellora da accesibilidade do CEIP Santa Irene en Porto do Son. O delegado territorial na Coruña supervisou esta mañá os traballos consistentes na construcción dun baño adaptado e a dotación de rampas nos accesos ás aulas e á biblioteca.
NOIA> A cita, que se celebrará esta fin de semana, reunirá a numerosos afeccionados ó mundo das dúas rodas. Organizada pola Asociación Mototurística Ría de Noia, a concentración cumpre este ano a súa décima edición. Por esta razón o programa de actividades deseñado para a fin de semana será do máis variado, incluíndo importantes novidades, como é o caso da espectacular actuación de freestyle a cargo do campión mundial, Dany Torres, e o piloto internacional, Pedro Moreno, que se desenvolverá xa o venres na zona de Labarta. Dende o Concello destacaron a importancia desta cita, xa un referente na comarca, que de seguro atraerá a miles de visitantes á vila.
NOIA> Segundo a formación ás débedas son do último ano e ascenden a uns 350 mil euros. Dende a Marea de Noia sinalan que a falla de xestión do actual executivo está a provocar que o Concello leve máis dun ano sen pagar facturas por un importe que rondan os 350.000 euros. Trátase segundo eles de débedas nas que a maior parte son emitidas por pequenas emedianas empresas da vila. Dende a Marea aseguran ademais que o modelo da adxudicación directa da obra menor leva a que a maioría das empresas non poidan nin tan sequera presentar propostas de orzamento para a realización de obras ou servizos, polo que quedan excluídas das distintas contratacións de menos importe. Segundo eles a maior parte son obras de mantemento e reparación de estradas, creación de memorias e estudos, organización de eventos, onde o goberno de Noia adxudica obras directamente. Dende a formación nacionalista sinalaron que xa mantiveron distintas xuntanzas con empresas que levan máis dun ano sen cobrar, poñéndoas en situacións económicas complicadas ó ter que asumir as súas obrigas con menos ingresos dos agardados . por esta razón instan ó equipo de goberno a que priorice o pago destas débedas contraidas, en vez de levar a cabo outros investimentos, permitindo que tódalas empresas que o desexen poidan ofertar en calquera obra mediante a publicidade das distintas contratacións que se leven a cabo.
LOUSAME> A actuación, na que se empregaron técnicas novidosas de bioenxeñería, ascendeu a preto dos 35 mil euros. O director de Augas de Galicia, Roberto Rodríguez, e o delegado territorial da Xunta na Coruña, Ovidio Rodeiro, visitaron esta mañá, xunto coa alcaldesa de Lousame, Teresa Villaverde, as obras levadas a cabo nas últimas semanas na ribeira do río Tállara, ó longo dun quilómetro de lonxitude. A actuación, na que se investiron preto dos 35 mil euros, tiña coma principal finalidade a conservación da propia canle do río, coa construción de tres noiros. Segundo explicou o director de Augas de Galicia a execución destes traballos realizouse mediante técnicas novidosas de bioenxeñería. Os traballos tamén levaron aparelladas tarefas de limpeza e de conservación, que consistiron na retirada de material e restos vexetais depositados no leito do río, co fin de evitar atrancos e episodios de asolagamentos no futuro.
NOIA> A busca de José Manuel Pazos Ferrín, de 43 anos, iniciábase hai uns días despois de que a súa familia denunciase a súa falta. O home, que necesitaba medicación, fora visto por última vez en Serra de Outes. Ó parecer atopábase no hospital en bo estado, polo que se deu por finalizado o operativo de busca, segundo confirmaron fontes de SOS Desaparecidos, a asociación de axuda e difusión de casos de persoas desaparecidas.
LOUSAME> As actuacións previstas incluirán a construción dun patio cuberto e a renovación do parque infantil público existente no interior do recinto. O proxecto de cuberta exterior no colexio Cernadas de Castro será asumido pola consellería de Educación e consistirá na creación dun patio cuberto no que se empregará policarbonato celular e paneis nervados, un material axeitado para as condicións climatolóxicas da zona. O patio, que permitirá que o alumnado do centro conte cun espazo máis amplo para as actividades no exterior sen depender da meteoroloxía, está orzamentado nuns 60 mil euros. En canto á outra actuación prevista, a da renovación do parque público existente no centro, ascenderá a uns 63 mil euros, dos que a consellería da Vicepresidencia achegará uns 40 mil e a cantidade restante será asumida polo propio Concello. Entre os traballos a desenvolver figuran a renovación dos elementos de xogo existentes e a colocaión doutros novos, cumpríndose así as medidas de prevención de riscos e de seguridade deste tipo de espazos.
NOIA> Máis de vinte e tres empresas concorreron ó proceso de licitación das obras do pavillón do colexio Felipe de Castro, en Noia. Está instalación dará servizo tamén a outros clubs e entidades da zona fóra do horario lectivo.
HomeMostrando artigos por etiqueta: MurosNoia Top of Page

Síguenos en facebook