• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
CANAL RÍAS BAIXAS
RIBEIRA> A actividade, que está organizada polo Concello en colaboración co Club Ciclista Saltamontes, desenvolverase a partir das once da mañá na Praza de España. Un ano máis Ribeira acollerá este próximo domingo unha nova edición do Día da Bicicleta. Na actividade poderán participar tódalas persoas que o desexen, sen importar a súa idade. O único requisito será levar bicicleta e casco e cumprir as normas establecidas pola organización. A finalidade da cita non é competitiva senón fomentar o uso da bicicleta. A organización realizará tamén un minuto de silencio antes do inicio da actividade en memoria dos ciclistas falecidos este ano nas estradas. A actividade dará comezo ás once da mañá na Praza de España. Será unha saída duns nove quilómetros e medio de percorrido de dificultade baixa polas rúas da localidade, mentres que para os máis pequenos haberá xogos e unha xincana. Tódolos participantes, previa inscrición na páxina web do concello: www.riveira.gal, entrarán nun sorteo de regalos doados por diferentes entidades comerciais da localidade, así como dúas bicicletas. O prazo para anotarse remata este xoves.
RIBEIRA> O desta semana é o cuarto roubo que se produce dende a apertura das instalacións, hai algo máis dun ano. Os usuarios do mercado municipal de Ribeira esixen maiores medidas de vixilancia nas instalacións despois de sufrir a pasada madrugada un novo roubo. Nesta ocasión o botín foi maior que nas anteriores ocasións xa que, ademais dos cartos existentes na caixas resxistradoras, substraeron tamén mercadoría, diverso peixe e marisco, tanto fresco coma conxelado Os praceiros xa lle trasladaron o seu malestar ó Concello por esta situación para que se intensifiquen as medidas de vixilancia nas instalacións. Varias das medidas a tomar serían a instalación dunha alarma ou unhas reixas exteriores. A Policía Nacional investiga agora a posible autoría do roubo.
PORTO DO SON> Os animais, que sufriron varias coiteladas, evolucionan favorablemente despois de seren atendidos nunha clínica veterinaria. Varios días despois do acontecido, este veciño de Ribeira aínda non se explica as razóns que puideron levar a alguén a cometer este tipo de crueldade contra os seus animais. Tres dos nove cans que posúe nunha finca no lugar de Basoñas, na parroquia sonense de San Pedro de Muro, apareceron con varias coiteladas no seu corpo. A día de hoxe e despois do seu tratamento nunha clínica veterinaria, os animais evolucionan favorablemente. Segundo el esta non é a primeira vez que padece este tipo de feitos. Xa en anteriores ocasións aparecéronlle varios cans envelenados ou mortos de varios disparos. Aínda que ten sospeitas, non pode asegurar con certeza quen puido cometer tales agresións, máxime cando se trata de exemplares extremadamente bondadosos. Despois de poñer o caso en coñecemento da protectora Moura, a súa intención é presentar denuncia na Gardia Civil para que este tipo de sucesos non volvan a producirse.
RIBEIRA> O presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, presidiu esta mañá o acto de conmemoración do 25 aniversario da declaración como parque natural deste espazo. Van alá 25 anos dende a sinatura do decreto polo que a Xunta de Galicia declaraba este espazo coma parque natural. Tempo máis que suficiente como para conmemorar tan significativa data, facéndoo coincidir ademais coa celebración do Día Mundial do Medio Ambiente. O acto contou coa presenza do presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, asi como tamén outras autoridades, como é o caso da conselleira, Beatriz Mato, ou o alcalde, Manuel Ruíz. Este último aludiu á importancia que ten para Ribeira o feito de poder contar cun Parque Natural como é o complexo dunar de Corrubedo e as lagoas de Carregal e Vixán. Na súa intervención o presidente da Xunta sinalou que a forma máis eficaz de protexer o patrimonio natural é que se coñeza, destacando o compromiso do Goberno Galego nestes anos en poñer en valor este tipo de espazos, impulsando os recursos e servizos necesarios para visitalos, elaborando e desenvolvendo unha programación de actividades e continuando coa súa promoción. Aproveitou ademais para anunciar que en setembro daranse a coñecer os resultados do estudo da evolución e uso público da duna de Corrubedo e de cara xa ó ano que vén está previsto que entre en vigor o Plan de Uso e Xestión deste parque natural.
RIBEIRA> A lonxa de Ribeira comezará a funcionar no prazo dun mes. O director de Portos asistiu á reunión do Consello Local de Pesca para explicar os traballos que se están a ultimar ante a inminente apertura. Segundo explicou o director de Portos de Galicia na reunión extraordinaria do Consello local de Pesca estase a traballar nos últimos detalles para proceder á apertura da lonxa. Traballos de informatización e dotación de auga salgada que se complementarán coa limpeza integral das instalacións que se levará a cabo a finais de mes, xusto antes da apertura das instalacións. Pola súa banda, o representante da empresa concesionaria, Fernando Carreira, explicou que se incrementa a oferta de servizos posto que se cubrirá todo o proceso dende a entrada do barco no porto incluíndo subministro de xeo ou limpeza de caixas, entre outros. Por esta razón, aplicarase unha taxa dun tres por cento garantindo que o prezo sufragado polos armadores sexa igual ou menor do que pagan na actualidade. Informouse tamén do acordo acadado coa confraría de Ribeira para incorporarse á xestión da nova rula a través desta UTE e tendeuse a man a tódolos axentes e operadores do porto para un mellor desenvolvemento das novas instalacións. Ó tratarse dunha autorización temporal por tres anos, hai servizos como a limpeza e a seguridade que serán prestados directamente por Portos de Galicia ata que se saque a concurso a concesión definitiva.
RIBEIRA> O executivo ribeirense informou da adxudicación provisional da reordenación e mellora do parque de Pedra Pateira. Das 28 ofertas presentadas a concurso, a actuación recaeu na firma Jardincelas, S.L., por un importe de máis de 25 mil euros, IVE incluído. O proxecto, que será financiado ó cento por cento cunha axuda da Deputación da Coruña, prevé mellorar as condicións de acceso ó parque infantil, así como reorganizar a distribución dos xogos e dotalo dun novo pavimento para reforzar a súa seguridade. Tamén está previsto a plantación de máis árbores ornamentais nas zonas máis próximas á area de xogo coa finalidade de dotar o espazo de máis zonas de sombra.
Os escolares de terceiro da ESO de tódolos centros educativos asistiron esta mañá a unha charla sobre o cánnabis. Manuel Isorna., profesor universitario e técnico do plan de prevención do concello de Catoira, expuxo ós rapaces os riscos derivados do consumo desta droga.
RIBEIRA> A proba, que se desenvolverá o próximo 11 de xuño, discorrerá ó longo da estrada AC-305 polos concellos de Ribeira, a Pobra do Caramiñal e Boiro. Tomando como exemplo outras probas de características semellantes na nosa comunidade, como poden ser a Vig-Bay, hoxe un referente mesmo a nivel nacional, a ‘15K Arousa Norte’ vén para quedarse. Está integrada nunha iniciativa denominada 15 Series Mediolanum que alberga tres carreiras máis, unha por provincia: a de Ourense disputada hai dúas semanas, a de Oia-A Guarda e a de Foz-Burela. Dende Arousa Norte, entidade que colabora na organización da carreira, vese con bos ollos a realización desta proba, xa que ademais do aspecto puramente deportivo, será unha oportunidade máis de dar a coñecer esta comarca. A carreira tamén terá unha vertente solidaria, ó poñerse á venda unha pulseiras conmemorativas cuxa recadacion irá destinada a ONG’s locais. Dende a organización agardan unha participación próxima ós 500 corredores. Os interesados en participar na carreira aínda están a tempo de inscribirse. O prazo remata o próximo mércores na páxina www.championchipnorte.com.
RIBEIRA> Este mércores, 31 de maio conmemorouse o Día Mundial Sen Tabaco. Unha data na que cabe lembrar a importancia das campañas de concienciación para reducir os hábitos tóxicos. A asociación Renacer saíu á rúa en Ribeira para informar á cidadanía dos graves prexuízos que supón para a saúde o tabaquismo.
RIBEIRA> Co inicio de xuño, Ribeira converterase nun fervedoiro cultural. Máis dun cento de actividades compoñen o programa do Xuño da Cultura e das Artes no que participa activamente o tecido asociativo do municipio.
RIBEIRA> Ribeira acollerá entre o trinta e un de xullo e o catro de agosto o Campus de Verán da Fundación Celta. Os nenos, de entre catro e dezaseis anos, aprenderán da man dos adestradores do club non só técnicas deportivas senón tódolos valores que conleva.
RIBEIRA> A asociación AMICOS converterase na primeira entidade de España en medir a súa pegada de carbono. Ó longo deste ano medirán as súas emisións de CO2 que compensarán ambientalmente coa prantación de árbores.
HomeMostrando artigos por etiqueta: Ribeira Top of Page

Síguenos en facebook