• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
CANAL RÍAS BAIXAS
SANXENXO> Nace Sanxenxo Independentes, unha plataforma que xorde da crise interna de SAL tras abandonar Gonzalo Pita o goberno da vila. A edil Vanessa Rodríguez é a súa cara visible, aínda que asegura que con ela hai moita xente que se sumou a este proxecto. Aínda que nace como un grupo de veciños, non desbotan conformar un partido para concorrer as vindeiras eleccións do 2019. Sanxenxo Independentes é o nome baixo o que a edil Vanessa Rodríguez quere dirixir o seu futuro na política da vila. Non está soa, xa que este proxecto aglutina a moitos dos que foran membros de SAL, descontentos coa decisión de Gonzalo Pita de deixar a alcaldía e entregar o goberno ao popular Telmo Martín. Trala rotura de SAL, Rodríguez mantivo a súa acta como concelleira non adscrita. Polo de momento, Sanxenxo Independentes non é unha partido político, aínda que non desbotan tomar ese camiño. Sobre a situación actual da política en Sanxenxo, Rodríguez foi crítica coa xestión do alcalde Telmo Martín. Para a edil, Martín é un 'rexedor escaparate'. Polo de momento, a súa intención é traballar cos veciños. Dende hoxe está activo o seu perfil no Facebook, que agardan sirva coma canle de comunicación e para expoñer as súas ideas e novas interesantes para o concello de Sanxenxo.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
CAMBADOS> A Mancomunidade do Salnés saca peito ante o éxito das súas iniciativas de promoción turística. O ente fixo balance da xestión dos últimos catro anos da forte aposta que están a realizar para atraer visitantes á comarca e da que xa se están a ver os froitos: dos 49 touroperadores que trouxeron para coñecer O Salnés, case o 79% están a vender o destino nos seus países. Non é un secreto a importante aposta que a Mancomunidade do Salnés vén realizando por atraer o turismo internacional. Nos últimos catro anos, o ente multiplicou os seus esforzos. Aproveitando esta riqueza, a Mancomunidade creou dous produtos como a Ruta do Padre Sarmiento e a Variante espiritual. Este ano, esta última xa atraeu a máis de 5.000 peregrinos. Tamén incrementou a presenza do destino nas feiras internacionais e realizando viaxes a outros países, pero tamén presumen de oferta sobre o terreo. Dende a Mancomunidade xa traballaron con 49 touroperadores, que visitan a zona en pequenos grupos. Outros 130 visitaron a comarca grazas ao convenio co concello de Pontevedra. De feito, a colaboración institucional é outra das bases da política da Mancomunidade en materia de turismo. Destaca o éxito que nesta promoción internacional se conseguiu no mercado ruso. De cara o futuro, atraer ao turista francés é unha das prioridades da Mancomunidade. Tamén manter o nivel de calidade do produto, conscientes da forte competencia que existe nos mercados internacionais.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Xoves, 05 Outubro 2017 13:47

Cambados mostra "O que ten na mente"

CAMBADOS> O próximo 10 de outubro celébrase o Día Mundial da Saúde Mental , e o concello de Cambados e a Asociación Lar Pro Saúde Mental quixeron comezar esta mañá a campaña de sensibilización na praza do concello, a través de actividade “O que teño na mente”. Son algunhas das mensaxes que se deixaron hoxe no tablón “O que teño na mente”, ubicado ó longo da mañá na praza do Concello de Cambados. Un gran mural co que se pretendeu sensibilizar á poboación sobre a situación das persoas con saúde mental no lugar de traballo, e animar á cidadanía a plasmar as súas propostas A actividade levada a cabo hoxe en Cambados, está organizada pola asociación Lar Pro Saúde Mental, coa colaboración do departamento de Servizos Sociais do concello, de cara á celebración o próximo 10 de outubro do Día Mundial da Saúde Mental. As actividades compleméntanse cunha serie da acción na rede, como un mural dixital no que calquera persoa poderá facer a súa achega sobre a saúde mental no lugar de traballo, ó que poden acceder na páxina web Feafes.org. E ti? Xa deixaches a túa mensaxe?
Publicado en SALNÉS - CALDAS
CAMBADOS> A praza do concello de Cambados acolleu tamén esta mañá outra conmemoración que pretendía visibilizar unha realidade non menos preocupante: o maltrato animal. Con motivo do seu Día Internacional o concello, xunto coa Protectora O Refuxio, e os alumnos do Colexio San Tomé do municipio, leron un manifesto contra O concello de Cambados, en colaboración coa Protectora O Refuxio, celebrou esta mañá o Día Internacional Contra o Maltrato animal. Que se busca con esta conmemoración? Así o explicaron os alumnos de sexto do Colexio San Tomé do municipio. É un fragmento do manifesto que leron dous dos alumnos, para lembrar que hoxe, pero tamén o resto dos días do ano, debemos dicir NON ó maltrato animal, e ter en conta mensaxes como éstas. Eles e elas o teñen claro, pero por desgraza hai que seguir insistindo nestas reivindicacións, porque hai moito que concienciar, e persoas que actúan como se non o fosen. Tal e como explicou a presidenta do Refuxio, poñendo o exemplo dun dos últimos cans que acolleron, e que foi abandonado nun estado calamitoso. Ogallá esta mensaxe cale en tódalas persoas, igual que xa o fixo neste cativos.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
CAMBADOS> Cambados continúa exprimindo a súa condición como Cidade Europea do Viño 2017. A fin de semana do 14 de outubro, a vila acollerá dúas das grandes citas do seu programa conmemorativo: O encontro de confrarías enogastronómicas e a Festa da Vendima. Dúas citas que este ano celebran a súa primeira edición, e coas que o goberno local agarda situar a Cambados a nivel internacional. Tras meses de intensa actividade, Cambados como Cidade Europea do Viño terá a fin de semana do 14 de outubro outras das dúas grandes citas pendentes: o Encontro de Confrarías Enogastronómicas e a Festa da Vendima. Eventos que se estrean este ano. No marco do Encontro, a vila agarda recibir a preto de 50 confrarías gastronómicas de diferentes países europeos. Unha afluenza de visitantes que vai ter unha importante repercusión na economía local. Moitos dos confrares chegarán xa a noite do venres 13, pero o groso da programación desenvolverase durante o sábado. Unha visita guiada polo casco histórico, outra en barco pola Ría de Arousa, e un desfile polas rúas de cambados, celebraranse durante o día. Pola noite, todos acoderán á Festa da Vendima, que acollerá a Praza de Fefiñáns. Segundo explican dende o concello, aínda quedan por diante máis de 20 actividades para executar das que se recollían no programa da Cidade Europea do Viño.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
CAMBADOS> O mes de outubro encherá Cambados de teatro. Esta mesma fin de semana o concello inicia o seu ciclo teatral, co Auditorio da Xuventude acollendo unha representación cada sábado. Dende a concellería de cultura agardan que esta edición repita o éxito das anteriores. O teatro volve copar as fins de semana do Auditorio da Xuventude. Co mes de outubro, volve a Cambados o seu ciclo de teatro, que este ano muda as representacións ao sábado. O ciclo arrinca xa este sábado, coa obra Raclette, de Ibuprofeno Teatro. Nacidas libres, de Contra Producións, As fillas bravas do Grupo Chévere, e Tropical, de Elefante Elegante, completan a programación coa que a concellería de cultura agarda repetir o éxito de anos anteriores. De feito, o ano pasado a media estivo en 120 espectadores. A entrada para poder acceder ás representacións terá un custo de 3,50 euros.
Publicado en CULTURA
VILAGARCÍA> Trinta e cinco desempregados de Vilagarcía arrincaron esta mañá a súa formación. Xunta e concello inauguraron dous dos novos obradoiros de emprego que lle foron concedidos á localidade. Os dous programas contan cun orzamento de 420 mil euros. Concello de Vilagarcía e Xunta de Galicia formarán a 35 desempregados do municipio para mellorar as súas posibilidades de atopar un posto de traballo. Esta mañá arrincaron os novos obradoiros de emprego. O primeiro dos obradoiros favorecerá a 20 desempregados, que se formarán en Fontanería e Carpintería. Durará 9 meses, e contará cun investimento de case 280.000 euros. Durante a súa formación, os alumnos traballarán en diferentes puntos de Vilagarcía, para revalorizar espazos públicos. Operacións auxiliares de actividades e funcionamento de instalacións deportivas, e socorrismo en espazos acuáticos, serán as materias nas que se van a formar 15 alumnos menores de 30 anos no marco do obradoiro Labora Xove 2017. Neste caso, conta cun investimento de 140.000 euros.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
CAMBADOS> Polémica en Cambados pola convocatoria dun concurso para cubrir unha praza dun segundo mando da Policía Local. O anuncio aínda non se publicou no Boletín Oficial da provincia, pero o Partido Popular denuncia que se trata dun intento de enchufismo. Pola contra, a alcaldesa asegura que o procedemento será aberto e coas bases establecidas pola Xunta. Para o Partido Popular, a convocatoria dun concurso de oposición por mobilidade para cubrir o posto dun segundo mando da Policía Local de Cambados, oculta un intento de enchufismo. Segundo Luis Aragunde, a intención é que a praza sexa ocupada polo actual xefe do corpo, Adolfo Suárez. Suárez desempeña actualmente o cargo de xefe da Policía Local en comisión de servizos, substituíndo ao titular da praza, Maximino Cid, tamén de comisión de servizos en Ourense. En lugar desta convocatoria, o Partido Popular considera que Cambados debería sumarse a outros concellos que anunciaron que se adherirían ao convenio que están a pór en marcha Xunta e FEGAMP. Segundo o acordo, as prazas vacantes da Policía Local cubriríanse recorrendo á Academia Galega de Seguridade. As acusacións dos populares non gustaron á alcaldesa. De feito, Fátima Abal cualificou as declaracións de Luis Aragunde de machistas. Pola súa banda, Abal asegurou que a convocatoria aínda non está publicada no Boletín Oficial da Provincia, polo que pediu ao Partido Popular que explique como coñece unha información que, asegurou, é confidencial.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Martes, 03 Outubro 2017 15:28

Sube o paro en Galicia e tamén en Arousa

AROUSA> O número de parados sitúase en Arousa nas 14.386 persoas, 733 persoas máis que no mes anterior. Setembro volve a deixar cifras negativas en canto á creación de emprego. O número de desempregados volve a medrar en Arousa, segundo os datos do ministerio de Emprego, situándose nas 14.386 persoas, 733 máis que no mes anterior. Uns datos que dende a CIG agardaban, unha vez rematada a tempada estival, e con ela a rescisión de moitos contratos temporais en sectores como o comercio e a hostalería. No Salnés destruíronse durante o pasado mes de setembro 543 empregos, sendo os concellos do Grove e Cambados os que presentan un índice maior de desempregados con 158 e 107 parados máis respectivamente. Outros Concellos desta comarca nos que aumentou tamén o paro foron Meaño con 69, Ribadumia 49 e Vilagarcía 44. Aínda así non son todos datos negativos, houbo municipios coma Catoira, 11, Valga, 9, e Pontecesures, 2, nos que si se creou emprego. En canto ás comarcas do Barbanza e Muros-Noia a situación é moi semellante á do Salnés, aumentando o número de parados o pasado mes de setembro en 190 persoas. Por concellos onde máis se destruíu emprego foi Boiro con 69 desempregados máis, seguido de Pobra do Caramiñal con 47 e Ribeira con 44. O dato positivo obtémolo en Noia onde si se xerou emprego con respecto ó mes anterior, cun total de nove persoas máis que atoparon traballo.
RIBADUMIA> O deporte estivo de festa en Ribadumia. O concello celebrou a súa segunda Gala, na que se recoñece o traballo de deportistas, persoeiros e clubes máis destacados do municipio. Ribadumia despediu a súa Semana Europea do Deporte por todo o alto. O auditorio acolleu a segunda edición da Gala do Deporte; acto co que o concello recoñece o labor de deportistas e entidades. Os grandes protagonistas foron o Náutico O Muíño, o Umia Club de Fútbol, o Ribadumia e o Desguaces Tino Racing, con varios dos seus deportistas recoñecidos en diferentes categorías. O Desguaces Tino, ademais, foi recoñecido como mellor equipo, mentres que o Ribadumia escolleuse como o mellor club. Pablo Torres, do Umia, alzouse como mellor adestrador, mentres que na categoría ao mérito deportivo o recoñecemento recaeu no secretario do Ribadumia, José Ramón Serantes.
Publicado en DEPORTES
CAMBADOS> Un percorrido polo patrimonio e pola cultura de Cambados, coa figura de Ramón Cabanillas e da súa obra Da Terra Asoballada como fío condutor. Esta foi a proposta que se realizou o pasado sábado na vila. Un roteiro literario organizado pola Deputación de Pontevedra e a Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega para poñer en valor a riqueza cambadesa. Baixo a mirada da estatua de Ramón Cabanillas que senta nun banco na praza do Concello de Cambados, arrincou o sábado o roteiro literario dedicado á súa figura. Cambados, Fefiñáns, San Tomé. Paseo da Calzada, casa natal do poeta, ruínas de Santa Mariña, a casa onde finou... foron algunhas das paradas dun percorrido que, ademais da biografía de Cabanillas, tivo como fío condutor "Da Terra Asoballada". Obra da que este ano se cumpre o centenario da súa primeira edición en 1917. O profesor Ramón Caride converteuse no guía deste paseo que se prolongou máis de 3 horas, con 10 paradas e a lectura doutros tantos poemas do Poeta da Raza, que demostran a súa relación coa vila. Unha oportunidade para Cambados de amosar a súa riqueza patrimonial e cultural, tanto aos cambadeses como aos visitantes que se achegaron atraídos pola proposta. Este roteiro naceu da colaboración entre Deputación de Pontevedra e Asociación de Escritores e Escritoras en Lingua Galega, e está incluído nun programa que organizou iniciativas semellantes noutros puntos da provincia.
Publicado en CULTURA
CALDAS DE REIS> A consellería de Medio Ambiente aportará o 35 por cento do financiamento para o proxecto da Vía Verde do Salnés. Foi o compromiso que adquiriu a conselleira Beatriz Mato na reunión que mantivo antonte cos alcaldes dos tres concellos polos que pasa o camiño, Caldas, Portas e Vilagarcía. O anuncio fixérono os tres rexedores esta mañá desde o consistorio caldense. A vía verde do Salnés está máis preto de ser unha realidade. Antonte, trala reunión mantida coa consellería de Medio Ambiente, Beatriz Mato comprometeuse a aportar o 35 por cento do financiamento do proxecto desta vía que percorrerá os concellos de Caldas, Portas e Vilagarcía. Tal e como explicaron esta mañá no consistorio caldense os tres mandatarios. Por iso os concellos teñen solicitadas xa reunións co Ministerio, e coa Deputación de Pontevedra, que xa se comprometeu a aportar no proxecto, pero quedar por ver a contía. O obxectivo é que os municipios teñan que aportar un máximo do 30 por cento do financiamento total, que son 535.000 euros. O proxecto é xa imparable. Ese 35 por cento que aportará Medio Ambiente está previsto que se faga con Fondos Europeos. A Vía verde do salnés será a primeira que está proxectada en toda Galicia e percorrerá unha senda de 9.195 metros. Os alcaldes destacaron tamén esta mañá o positivo impacto económico que terá sobre os tres concellos, actuando como un mecanismo dinamizador.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
HomeMostrando artigos por etiqueta: Salnés Top of Page

Síguenos en facebook