• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
CANAL RÍAS BAIXAS
POIO> Polémico pleno o de onte en Poio coa ausencia do PP e a protesta dos traballadores de Valoriza. a empresa adxudicataria do servizo de limpeza, que anunciaron no pleno unha folga de recollida do lixo a partir do día 16, tras romperse a negociación coa dirección da empresa. O pleno deste mércores en Poio estivo marcado pola polémica. Por unha banda, o grupo popular decidía non asistiron á sesión alegando que o concello, liderado polo nacionalista Luciano Sobral, se negara a facilitar ó PP os documentos recibidos por rexistro, polo que sospeitan que están a ocultar información, tal e como nos explicou o voceiro, Ángel Moldes. Moldes explicou que a decisión de non acudir é unha responsabilidade de cara ós veciños, xa que de asistir ó pleno cobrarían aínda que se levantasen ós dous minutos de comezar a sesión. Protestas fóra da casa consistorial, e protestas dentro. Ademais da ausencia dos populares, o pleno estivo marcado pola protesta dos traballadores de Valoriza, a empresa encargada da recollida do lixo e limpeza viaria de Poio. Empregados e representantes sindicais acudiron ó pleno con pancartas nas que reclamaban un convenio xusto. A estas alturas continúan rotas as conversas coa empresa e os representantes sindicais decidiron iniciar unha folga na limpeza que tal e como anunciaron onte comezará o próximo 16 de agosto se non se resolve o conflito. O principal punto de desacordo atópase en relación cunha paga extra, que estes traballadores sinalan que reciben todos os empregados da limpeza e que a eles négaselles.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Os doutores alivian a dor, e os paiasos o sufrimento. É a idea que nos transmitiu esta mañá no Hospital do Salnés Laura Mandarina, de Paiasos en Rebeldía. A piques de comezar o Festiclown en Vilagarcía, o concello quixo adiantar uns días a estrea para levar sorrios alí onde máis falta fan, na unidade de pediatría do Hospital. Humanizar os hospitais e crear sorrisos onde habitualmente non os hai. É a esencia da iniciativa que un ano máis a Obra Social La Caixa e o Concello de Vilagarcía levan á unidade de pediatría do Hospital do Salnés. O festiclown, a mostra internacional que se celebrará na capital arousá do 10 ó 15 de agosto, adiantouse uns días para achegarse ó centro hospitalario para traer a ilusión á mañá de rapaces como Xandre, de tes anos, e a súa familia. Os pais agradecidos… E ós pequenos, só con verlles a cara..a exp eriencia pagou a pena. A experta en transformación de emocións, nesta ocasión era Laura Mandarina, de Paiasos en Rebeldía. Unha agrupación que traballa en diferentes partes do mundo e que tamén estará presente no Festiclown. Para ela o máis importante á hora de traballar nun hospital, onde ten máis de dez anos de experiencia, é a improvisación e a empatía. Non consegue o mesmo que un doutor, pero o resultado, tamén é necesario Grazas á súa labor esta mañá a unidade de Pediatría do Salnés viviu unha mañá diferente, e os que non poidan asistir ó Festiclown nas rúas de Vilagarcía puideron presenciar este pequeno adianto, para algúns, o primeiro espectáculo de toda a súa curta vida .
Publicado en SALNÉS - CALDAS
A Xunta duplicará o servizo de transporte público en autobús de Vilanova ó Hospital do Salnés. É unha das medida do Novo Plan de Transporte Público de Galicia que entrará en vigor o próximo 8 de agosto e que esta mañá defendeu en Vilanova a conselleira desta área, Ethel Vázquez. Unha demanda histórica dos concellos da Mancomunidade do Salnés, e que a partir do 8 de agosto será unha realidade. A necesidade de mellorar as conexións entre os distintos concellos da comarca co Centro Hospitalario do Salnés, sobre todo, desde os municipios que peor comunicación tiñan, como O Grove, Cambados ou A Illa, tal e como sinalou o alcalde vilanovés e presidente en funcións da Mancomunidade, trala reunión coa Conselleira de Transporte, Ethel Vázquez, esta mañá. A nova liña O Grove- Hospital Do Salnés reforzará os servizos municipais existentes, con 5 novas viaxes diarias de ida e volta. A medida é un dos puntos que se inclúeno no Plan de transporte Público de Galicia, a resposta da Xunta para garantir os servizos públicos de autobuses, ante a renuncia de varias empresas ás liñas destes servizos. Un plan que segundo a conselleira duplicará o número de paradas en preto de 200 concellos. Un plan que entrará en vigor o 8 de agosto, non exento de polémica. Mañá terá lugar a Mesa Galega de Transporte na que se decidirá se a folga de autobuses continúa ou non paralizada. A patronal continúa asegurando que o plan trae consigo unhas concesións que serán deficientes e que traerán inestabilidade ó sector. A conselleira contestou esta mañá que o plan garantirá o servizo á cidadanía, e que en todo caso esta situación foi provocada polas propias empresas que agora protestan. Entre hoxe e mañá quedará adxudicados tódolos novos contratos deste Plan de Transporte Público. A conselleira de Infraestruturas asegurou que o goberno galego está a analizar a fórmula xurídica para poder atender a demanda da Mancomunidade do Salnés de xestionar as liñas de transporte da comarca.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
Rock, country e reggae, son as tres propostas musicais que encherán os seráns dos venres de agosto en Cambados .Tralo remate do Albariño, que se celebrará a próxima semana, a vila quere recuperar a movida nocturna co programa Seráns de Troula que esta mañá se presentou no concello. Porque trala fin do Albariño, que terá lugar a próxima semana, en Cambados aínda queda moito agosto e moita troula. Por iso a concellería de Xuventude e a de Cultura, organizan en conxunto un programa que encherá de música a Cidade Europea do Viño os venres 11, 18 e 25 de agosto. Esta mañá presentouse no concello este proxecto, denominado Seráns de Troula . Para reverter esta situación ambas concellerías crearon estes serán de Troula, ós que lle deu forma Cristina Padín, a súa organizadora que esta mañá foi a encargada de dar conta dos grupos musicais que amenizarán os venres de agosto, a través do rock, o country e o reggae. A primeira cita o venres día 11. Os concertos que serán gratuítos, serán a partir das nove e media da noite na Praza de Alfredo Brañas ou na Rúa Real.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
O alcalde do Grove facía estes anuncios esta mañá durante a inauguración da escultura coa réplica da Moeda Xacobea atopada na Parroquia de San Vicente. Un acto que congregou a numerosos veciños e que contou coa presenza da presidenta da Deputación, Carmela Silva. Nos anos 80, cando comezaron as escavacións do Adro Vello da parroquia de San Vicente de O Grove, apareceu unha moeda cun reverso no que se acuña a translación do Apóstolo Santiago. O achado foi de tal relevancia, xa que é a testemuña histórica máis antiga que existe do traslado dos restos do Apóstolo desde Palestina ata Iria Flavia, que se decidiu fabricar a escultura a escala, para presidir o atrio da Igrexa, coa colaboración da Deputación. A moeda orixinal está feita pola fábrica de moedas compostelá, e acuñada no século XII, durante o reinado de Fernando de León. A escultura da réplica, deseño dun alumno da Escola de Cantería da Deputación, conta con 1,2 metros de diámetro, e foi elaborada en granito silvestre galego. Ó acto de inauguración asistiron numerosos veciños da parroquia de San Vicente, que acompañaron ás autoridades e ó párroco, Ventura Martínez , promotor da escultura e encargado de bendicila mesma esta mañá.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
VILAGARCÍA> O mellor clown volve ás rúas de Vilagarcía. A capital arousá acollerá a terceira edición do seu Festiclown do 10 ao 15 de agosto polas Festas de San Roque. Un regreso que busca a consolidación da cita, que este ano chega máis internacional ca nunca. Xa queda menos para que números coma este se repitan polas rúas de Vilagarcía. Entre o 10 e o 15 de agosto volve o Festiclown á capital arousá, cunha terceira edición na que busca a súa consolidación. Será tamén a edición máis internacional. A colombiana Tchyminigagua, cos seus zancos en patíns, a brasileira Circo no Ato ou a belga Okidok son algunhas das compañías que participan este ano. Xa é o terceiro ano que esta proposta cultural vén completar a programación das Festas de San Roque. Cos mellores espectáculos de clown para todas as idades. Este ano o clown mesturarase tamén con outras citas das Festas de San Roque, como o Certame Intergaláctico e os Superroquiños.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
VILAGARCÍA> Vilagarcía remata os traballos de restauración nos petróglifos de Os Ballotes, na parroquia de Bamio. Esta primeira recuperación está rematada, pero o equipo de arqueólogos asegura que queda moita tarefa por diante: os traballos de limpeza revelaron a existencia de máis petróglifos soterrados. Rematados os traballos de restauración nos petróglifos de Os Ballotes, en Bamio. Concello e Deputación puxeron en marcha unha actuación para recuperar e poñer en valor os gravados. Finalizou a actuación pero aínda queda traballo por facer en Os Ballotes. O equipo que se encargou da restauración asegura que a zona aínda ten moitos elementos por descubrir. Dende o concello, aseguraron que recollerán a luva lanzada polo arqueólogo. Segundo o alcalde, non se descartan futuras actuacións para afondar na recuperación do conxunto. Alberto Varela tamén destacou a importancia de recuperar este espazo, ao igual que xa se fixo con xacemento do Castro Alobre. Para o rexedor, ademais da relevancia patrimonial, estes espazos tamén son un atractivo turístico.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
A Xunta pon en servizo o primeiro treito da senda peonil e ciclista que unirá A Lanzada con Portonovo, e que conta cun orzamento total de 6 millóns e medio de euros. Esta mañá a conselleira de Infraestruturas, Ethel Vázquez, supervisou acompañada do delegado territorial e do alcalde de Sanxenxo, o resultado das obras. Son preto de 3 quilómetros de senda especialmente habilitada para peóns e cilcistas, cun tramo de 1,3 quilómetros que discorrerá sobre unha tarima de madeira. Unhas obras que esta mañá visitou a conselleira de INfrastructuras, Ethel Vázquez ,acompañada polo delegado territorial da Xunta en Pontevedra, José Manuel Cores Tourís, e o alcalde de Sanxenxo, Telmo Martín. A primeira fase destes demandados traballos mellorará a seguridade viaria na estrada PO-308, desde a Lanzada ata Soutullo, en Noalla, que vén de ser rematada. Esta primeira fase, que foi executada nun prazo de 15 meses tivo contou cun investimento de 3,3 millóns de euros. A Xunta xa ten avanzados os trámites do segundo traxecto, que irá desde Soutullo ata o outro extremo da recta de Major, que estará listo para o verán do 2018. Uns traballos que tanto como desde o concello, como desde a Plataforma veciñal PO-308 destacaron como fundamentais para esta zona de Sanxenxo. Habería un terceiro traxecto máis, o que vai desde Major ata Portonovo, unha actuación na que están ultimando o proxecto construtivo. Este ano acometerán a contratación das obras posto que xa se conta co presuposto necesario para este terceiro tramo. En total, A Xunta investirá máis de 6 millóns de euros entre os 3 tramos desta senda peonil Portonovo-A Lanzada, que vén a mellorar a seguridade viaria e contribuír ó desenvolvemento turístico.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
O concello de Vilagarcía presentou esta mañá as dúas incorporacións do Servizo de emerxencias e Protección Civil do municipio. Trátanse de dous vehículos especiais para traballar en incendios forestais e zonas de difícil acceso con máis garantías. Os Servizo de Emerxencias e Protección Civil do municipio xa conta entre a súa flota con dous novos vehículos, que veñen de ser reformados para converterse en dous efectivos especiais e fundamentais para mellorar a eficacia nos traballos antiincendios. A outra importante dotación é do novo vehículo cisterna, tras pasar por unha reforma. O alcalde destacou a labor deste servizo contra os lumes, pero quixo tamén facer fincapé na concienciación cidadá á hora de evitar a aparición de incendios. Estes dous novos vehículos, que supuxeron duns 150.000 euros aproximadamente, estiveron ó longo da mañá expostos na praza da Segunda República, xunto co resto da frota de emerxencias municipais, chamando a atención dos veciños vilagarciáns, sobre todo, dos máis pequenos da casa.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
SANXENXO> A Secretaría Xeral de Política Lingüística e o concello de Sanxenxo, adherido á rede de Dinaminación lingüística, presentaron esta mañá na localidade do Salnés, unha nova edición do programa de cinema de verán Redecinema, que busca promover a creatividade e os produtos culturais na nosa lingua. Aumentar a oferta de produtos de cultura e de ocio en galego, e impulsar a creatividade con base na nosa lingua. Son os obxectivos que persegue Redecinema, o programa que organiza a Consellería de Cultura, por medio da Secretaría Xeral de Política Lingüística, e que esta mañá se presentou en Sanxenxo, un dos concello membros da Rede de Dinamización Lingüística . Maimiño será a película que inaugurará Redecinema, será este sábado día 22 ás dez e media da noite na Praza dos Barcos de Sanxenxo. Pero esta película, ademais doutras dúas galegas, a praia dos afogados, e 9 ondas, seguirán de ruta todo o verán, tal e como destacou o Secretario Xeral de Política Lingüística, Valentín García. García subliñou tamén a importancia de poñer en valor o sector audiovisual galego con este programa. Redecinema leva percorrendo a través de diferentes filmes os concellos da Rede de Dinamización Lingüística. Un total de 16 localidades acollerán este ano as proxeccións das tres películas en formato de cinema de verán. Entre elas outros concellos das Rías Baixas, como Boiro, Noia ou Marín.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
As obras de reforma integral do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril comezarán despois deste verán, e serán financiadas por Costas ó cen por cen. Así llo confirmou esta mañá a Xefa provincial ó alcalde vilagarciá, trala positiva reunión mantida onte en Madrid coa subdirección xeral de protección de costas. Costas e concello de Vilagarcía analizaron durante unha reunión mantida onte en Madrid, as fórmulas para acabar co constante gasto en reparacións do paseo marítimo de Vilagarcía a Carril, unha infraestrutura creada nos anos 90. As obras desta reforma integral poderían comezar este mesmo ano, tal e como transmitiron desde a Subdirección Xeral Protección de Costas. Ambas entidades entenden que despois de case trinta anos é mellor realizar un investimento forte dunha soa vez que estar ano tras ano, destinando importantes cantidades de diñeiro ó mantemento do solado. Esta mesma mañá, a xefa provincial de costas, Cristina de Paz Cubera, confirmáballe ó alcalde, Alberto Varela, que o departamento asumirá a actuación, que prevése que comece tralo verán. A reforma integral podería incluír a ampliación do carril-bici que agora se ve interrompido ó comezo das vivendas, á altura da praia da Concha. Así como pasalo á banda do areal. Algo para o que é necesario promover un expediente de concesión administrativa e desafectación da zona afectada. Igualmente, Costas e concello seguirán analizando as posibles solucións á continuidade do paseo desde Vilagarcía ata Vilaxoán . Unhas alternativas que serán analizadas pola subdirección xeral de Costas, e que, en todo caso, serían consensuadas cos veciños.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
RIBADUMIA> A consellería de Medio Rural achegou nos últimos anos unha axuda de 1,4 millóns de euros á empresa Kiwi Atlántico con sede en Ribadumia. Esta mañá a conselleira desta área visitou as instalacións desta compañía, a máis relevante a nivel nacional en produción desta froita. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, visitou esta mañá no concello de Ribadumia, a explotación Kiwi Atlántico, á que se lle concederon nos últimos anos axudas por valor de 1,4 millóns de euros. Destes, preto de 860.000 corresponden coa convocatoria deste ano da orde de transformación e comercialización de produtos agrarios deste ano. A conselleira destacou o carácter emprendedor desta compañía, a principal produtora de kiwi de España, con 12.099 toneladas, un 61 por cento máis que a produción media estatal. E polo que nos contou esta mañá o seu xerente, este ano, a produción parece que tamén vai ser boa. Coa subvención deste ano a empresa busca ampliar as súas instalacións coa construción dunha nova superficie cuberta, que constaría dunha nave de 985 metros para novas cámaras frigoríficas, a ampliación da zona de procesado, e execución duna nova cámara de maduración. Ademais de mellorar a climatización de recintos frigoríficos para outras dúas novas cámaras de conservación . Kiwi Atlantico naceu en 1988 e hoxe en día dispón de máis de 170 hectáreas de produción en España e Portugal, ademais de 50 en Uruguai. Pero o 60 por cento do seu produto procede de Galicia, sendo Pontevedra a provincia con maior número de superficie plantada.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
HomeMostrando artigos por etiqueta: Salnés Top of Page

Síguenos en facebook