Castelao e Cruz Gallástegui serán peonís

PONTEVEDRA> Pontevedra quere seguir avanzando na peonalización do centro da cidade. Tras actuar no treito final de Benito Corbal, no 2016 o concello quere que Castelao e Cruz Gallástegui sigan os seus pasos. Tamén volverán actuar en Benito Corbal, concretamente no treito entre a zona peonil e o Hospital Provincial, ampliando beirarrúas e eliminando aparcadoiros. 

No 2016 as rúas Castelao e Cruz Gallástegui pasarán a ser peonís. Esta actuación é unha das prioridades do concello que, asegurou, atende ás demandas dos comerciantes.

Ademais, o concello volverá actuar en Benito Corbal, desta volta entre a zona xa peonil e o Hospital Provincial. 

Estas actuacións, incluídas nun ambicioso plan de obras urbanas para o 2016, irán acompañadas dunha reordenación do tráfico rodado aínda por concretar. Si se sabe que haberá máis accesos ao centro, pero con máis restricións para os vehículos.

Trala comisión de mobilidade, Bará tamén expresou a súa satisfacción polo apoio unánime da oposición á Estratexia de Desenvolvemento Urbano Sostible e Integrado de Pontevedra, dirixida a facer da capital unha cidade intelixente, sostible e accesible nos vindeiros seis anos. O plan recolle actuacións por máis de 84 millóns 800 mil euros, dos que 18 millóns poderían obterse de Fondos Europeos.

O goberno local xa enviou hoxe a documentación do proxecto, que Bará cualificou como sólido, solvente e ben elaborado, e no que confían para acceder aos fondos europeos.