Culturgal amosará en Pontevedra presente e futuro do sector cultural galego

PONTEVEDRA> A Feira das industrias culturais, Culturgal, celebrará o vindeiro fin de semana a súa undécima edición. Na presentación do evento, celebrada esta mañá, definiuse a cita como a mostra do presente e o futuro inmediato da cultura galega.

O Recinto Feiral de Pontevedra e o Pazo da Cultura acollerán un ano máis a Feira de Industrias Culturais. Culturgal inaugurarase o venres, 30 de novembro, e permanecerá aberta ata o domingo, 2 de decembro. Na cita presentaranse as novidades no mundo do libro, o cine, o teatro ou a música. Contará con máis de 80 stands e superará as 120 actividades.

Para facilitar a chegada á feira, este ano haberá un servizo de autobuses dende Ferrol, A Coruña, Santiago e Lugo.

Na súa undécima edición, Culturgal adáptase ós novos tempos e afonda na dixitalización.

A feira conta con varias áreas e escenarios con programación simultánea. Haberá unha Carpa para os directos de música, un espazo dedicado á produción literaria e unha zona infantil.

Tamén haberá un espazo heteroxéneo denominado Foro, que o venres centrará a súa programación no público profesional.

O espazo de Arte Contemporánea, que se estreou na edición pasada, ocupará a Sala de exposicións do Pazo da Cultura, sumando preto de 1.000 metros cadrados de superficie ós máis de catro mil oitocentos metros do recinto feiral. Como novidade este ano, haberá un área gastronómica.