• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
BOIRO> A solicitude dos nacionalistas prodúcese despois do vencemento do contrato coa empresa encargada do servizo e antes de que se saque novamente a licitación. Atendendo ás demandas dos propios usuarios das instalacións que dende hai tempo veñen manifestando as súas queixas polo mal funcionamento da piscina, o BNG solicitará no vindeiro pleno que o Concello asuma a xestión directa do complexo deportivo da Cachada. Para os nacionalistas esta sería a mellor maneira de garantir a calidade do servizo á veciñanza, xa que as empresas privadas só pensan no seu beneficio económico. Fano precisamente agora unha vez concluído o contrato coa empresa e cando o equipo de goberno ten previsto sacar a concurso unha nova licitación. Dende a formación frentista sinalan que as críticas polo mal funcionamento das instalacións non van contra o seu persoal, que si cumpre co seu cometido, que mesmo coa municipalización do servizo vería mellorado tamén as súas condicións de traballo.
NOIA> Os nacionalistas fan esta solicitude a cinco anos vista para o remate da concesión que a Mancomunidade Serra do Barbanza mantén coa firma FCC. Para o BNG nestes anos da man de FCC vivíronse situacións esperpénticas, na que os máximos prexudicados polo servizo de recollida do lixo foron os propios veciños, queixándose do trato que a empresa dá ós concellos que integran Serra do Barbanza. Para os nacionalistas unha das mellores opcións sería a xestión directa do complexo. Ademais avogan por unha mellora do servizo que se presta a través da ampliación e renovación da planta de Servia, hoxe totalmente obsoleta, así como que se estude a viabilidade da entrada doutros concellos da zona á entidade como poden ser Rianxo, que xa mostrou interese, ou Outes.
POBRA> Os nacionalistas cargan contra o executivo por non levar a cabo actuacións consensuadas nos orzamentos de 2016 de gran importancia para o desenvolvemento do municipio. Á falla xa de poucos meses para o remate do ano e sen presentar aínda o documento orzamentario para o presente exercicio, o BNG da Pobra quixo facer balance da xestión realizada polo goberno, segundo eles des-goberno de Nós Pobra durante este ano. Para os nacionalistas as obras realizadas polo equipo de goberno non van deixar marca nin van formar parte da historia da vila, ó ser mesmo incapaz de levar a cabo aquelas que foran incluídas por consenso nos orzamentos de 2016. Segundo eles trátanse de actuacións de gran calado social como a adquisición dunha parcela para a construción dunha escola infantil, a creación do Centro de Información á Muller ou a rede de centros sociais nas parroquias, así como tamén diversas propostas de mellora de seguridade viaria ou reordenación do tráfico entre outras. Aínda así, para o voceiro desta formación, Ramiro Ouviña, neste tempo déronse ademais dous exemplos sangrantes da incapacidade coa que, segundo el, actúa o goberno de Nós Pobra, como o feito de non por en marcha o Servizo de Normalización Lingüística, a pesares de ter cobrado o 50% da subvención, ou a perda da solicitude de axudas para a creación dunha Área de Rehabilitación Integral.
BOIRO> O BNG de Boiro demanda a mellora dos accesos á praia de Barraña na zona de Rebordelo. Piden que se limpe a maleza e se acondicione o vello peirao posto que o actual estado de deterioro supón un risco para os usuarios da praia.
BOIRO> O rexedor boirense gabou o labor realizado polos traballadores municipais durante as pasadas festas. As críticas vertidas dende o BNG referidas á falla de limpeza das rúas e o deficiente servizo de recollida de lixo, especialmente durante as pasadas festas do verán, non foron ben recibidas no executivo, ó considerar que non se axustaban á realidade. Tanto o alcalde, Xoán Xosé Dieste, coma o coordinador de Servizos, Nacho Pérez, negaron tales críticas, afirmando que si se realizou un bo traballo, reforzando e mesmo incrementado considerablemente o servizo prestado. Dende o Concello apuntouse a que se trata dunhas críticas inxustas e desafortunadas por parte do BNG, que provocaron un gran malestar nos propios traballadores municipais. O alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer precisamente o traballo que realizan os operarios municipais. Un traballo que en numerosas ocasións non é recoñecido.
BOIRO> Para os nacionalistas o envellecemento da poboación fai cada vez máis necesario este servizo. Dende o BNG sinalan que cando tiñan responsabilidades de goberno remataron o actual centro de día, dando ademais os primeiros pasos para a consecución da residencia para a localidade. Pasos que coa entrada do Partido Popular na Alcaldia paralizáronse.
BOIRO> Segundo os nacionalistas a falla de subministro está a obrigar ós veciños a ter que recorrer a camións cisterna para poder abastecerse. Dende o BNG lamentan a situación que padecen os veciños da parroquia de Bealo a consecuencia dos problemas de abastecemento de auga. Trátase dun problema de vello que afecta a unas dúas mil persoas. Segundo eles o goberno bipartito deixou encamiñado un proxecto para acometer o subministro de auga a esta parroquia. Pero dende aquela e xa van varios anos diso a actuación segue paralizada. Para os nacionalistas non se entende que un goberno municipal poida presumir de ter cartos no banco, froito dunha presunta boa xestión económica, cando os veciños non disponen deste importante servizo básico. Dende o equipo de goberno aluden a que xa traballan nun novo proxecto para extender o abastecemento de auga a esta parroquia que pasaría pola instalación dun tanque de acumulación xunto ó existente en Cespón, que permitiría satisfacer as necesidades dos veciños de Bealo.
O BNG de Boiro demanda a mellora do servizo de limpeza viaria. Denuncian que tralas festas non se realizaron as tarefas de hixiene necesarias polo que as rúas presentan lixo e, nalgúns treitos, malos olores.
O BNG saíu a rúa este martes para informar aos cidadáns sobre os actos preparados de cara a celebración do 25 de xullo. Para os nacionalistas o Día da Patria é unha data de festa pero tamén de reivindicación para os dereitos dos galegos e galegas.
Publicado en SALNÉS - CALDAS
BOIRO> O BNG de Boiro presentou un escrito no concello reclamando a toma de medidas para garantir a cobertura de internet en tódolos núcleos do municipio. Hai dous anos que o pleno aprobou unha moción presentada polos nacionalistas a este respecto pero aínda quedan moitas zonas en sombra.
POBRA> Para os nacionalistas este é un exemplo máis da inoperancia do goberno de Nós Pobra que non é quen de facer unha proposta orzamentaria ó resto dos grupos da corporación. Van alá máis de sete meses e o executivo pobrense aínda non ten presentado ningunha proposta dos orzamentos municipais para o presente ano, traballando co documento orzamentario prorrogado do ano anterior. Para o BNG esta situación vén a demostrar unha vez máis a falla de xestión do goberno municipal, impedindo ademais o traballo fiscalizador por parte dos grupos da oposición. Dende o BNG critican ademais que esta situación está a provocar unha certa preocupación por diferentes actuacións incluídas no capítulo de investimentos e tamén polas subvencións do ano anterior que aínda non foron abonadas como as axudas ás asociacións ou ó transporte escolar.
RIBEIRA> O BNG do Barbanza organiza unha andaina este sábado como inicio dos actos de conmemoración do día da Patria Galega. O roteiro partirá dende o centro urbano cara o castro da Cidade e miradoiro da pedra da Rá. Concluirá en San Roque onde Francisco Jorquera relatará as orixes desta data conmemorativa.
Páxina 1 de 32
HomeCorporativoMostrando artigos por etiqueta: Bng Top of Page

Síguenos en facebook