• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
BOIRO> Durante toda a fin de semana celebrouse a décima edición da concentración moteira organizada polo club Boiromotos. A actividade conseguiu congregar a máis de mil moteiros que se achegaron ata este municipio dende diferentes puntos da xeografía galega, así como tamén de outras comunidades e mesmo Portugal. Unha cifra que nin os membros máis optimistas da organización facían presaxiar. O programa de actividades foi do máis variado, dirixido a todo tipo de públicos, dende pequenos a maiores. Dende o venres ata o domingo desenvolvéronse infinidade de accións: cursos de educación para nenos, xogos e concursos para tódolos participantes que se inscribiron na concentración, música, rutas turísticas e unha nova edición do salón da moto. Pero sen dúbida o prato forte desta xuntanza moteira en Boiro foron novamente as distintas exhibicións de stunt a cargo de pilotos profesionais, así como tamén a primeira proba de Super Enduro Boiro.
BOIRO| A concentración moteira, hoxe xa un referente no ámbito autonómico, desenvolverase do venres 'o domingo no parque da Cachada. Os afeccionados ás motos terán unha cita dende o venres ó domingo en Boiro, cunha nova edición, e xa van dez, de BoiroMotos. A actividade organizada polo Club Boiro Motos, en colaboración co propio Concello, agarda superar as cifras de anos anteriores, máis dun millar de moteiros chegados dende toda a xeografía galega, e tamén doutras comunidades ou mesmo Portugal. Será unha fin de semana cargada de atractivos, non só para os afeccionados ó mundo das dúas rodas, senón tamén para o resto de públicos, xa que as actividades serán múltiples e variadas. A destacar as exhibicións de stunt previstas para o venres e o sábado pola noite, o salón Boiromotos, onde se poderá atopar todo tipo de productos relacionados co mundo do mortor, así como algunha que outra novidade como é o caso dunha proba de Super Enduro e un concurso de motos oldie. Dende o Concello destacaron a importancia desta concentración, que co paso dos anos é xa un referente, converténdose un polo de atracción de visitantes á localidade. Como de costume o principal polo de atracción será a zona da Cachada onde se realizarán a concentración e tamén as exhibicións. Para máis información os interesados poden consultar a propia web da organización: www.boiromotos.com.
BOIRO> A actuacion incluira ademais as instalacións do mercado e tamén as do parquing municipal. Con esta actuación iniciada hai xa varias semanas o Concello verá reducido o seu consumo eléctrico nun 60%, reducindo tamén a contaminación lumínica. As obras están a levarse a cabo na propia casa consistorial e nas instalacións do mercado e no parquing municipal. Pasarase das 1289 lámpadas convencionais ás 850 de tecnoloxía led. Está incluída no Plan Provincial de Medio Ambiente da Deputación da Coruña cun investimento duns 17 mil euros. O prazo de execución das obras será de dous meses.
BOIRO> O que fora o adestrador do histórico ascenso a 2ªB, hai agora dous anos, será o encargado de dirixir ós boirenses nesta nova etapa en Terceira. Despois de varias semanas de negociacións, a directiva do Boiro, confirmou coma adestrador para a vindeira campaña a José Luís Lemos. Un técnico que regresa a Barraña despois de dous anos. El foi unha das pezas claves do histórico ascenso do Club á 2ªB. Categoría que o Boiro perdía a consecuencia do impago da débeda contraída cos seus xogadores e á que ansían poder aspirar novamente este ano. Con el, regresará outro vello coñecido da afección, Rubén García, que exercerá de segundo adestrador. O Club, baixo a súa supervisión está confeccionando a contrarreloxo un plantel de garantías que loite por estar entre os equipos fortes da Terceira. Entre outros aspectos o equipo deberá facer fronte este ano á marcha de xogadores importantes en anos anteriores como é o caso de Pato Guillén, Romay ou Rubén Rivera, entre outros.
BOIRO> Boiro Novo solicita a mellora da rede de abastecemento de auga en varios núcleos de poboación con deficiencias no subministro. Demandan ademais que se dote deste servizo á parroquia de Bealo.
BOIRO> O BNG de Boiro presentou un escrito no concello reclamando a toma de medidas para garantir a cobertura de internet en tódolos núcleos do municipio. Hai dous anos que o pleno aprobou unha moción presentada polos nacionalistas a este respecto pero aínda quedan moitas zonas en sombra.
BOIRO> A regata partirá o próximo día 30 de xullo dende o porto de Bouzas en Vigo. Por oitavo ano consecutivo a Asociación Amigos da Ruta Marítima do Apóstolo Santiago a Galicia volve a organizar esta travesía baixo o nome ‘Ruta Marítima O Cabaleiro das Cunchas’. A cita, que co paso dos anos está a adquirir un maior protagonismo, partirá o próximo día 30 deste mes de xullo dende as instalacións do Liceo marítimo e Bouzas, en Vigo, para percorrer en varias etapas unhas 200 millas, rememorando, como é tradición o traslado do apótolo. Durante sete días irán facendo escalas en portos coma o de Viana do Castelo en Portugal, Combarro ou Boiro. Coma en anos anteriores Portos de Galicia e tamén o concello de Boiro colaboran na organización deste evento. Dende a organización apuntan a unha participación na proba de máis de vinte embarcacións tanto galegas coma portuguesas.
BOIRO> A alerta partiu dun particular que deu aviso ó 112. A presenza de máis dunha ducia de troitas adultas mortas e tamén de alevíns no leito do río Brea, na zona de Beluso alertou a un veciño da zona que inmediatamente deu aviso ó 112. Ata o lugar desprazáronse axentes do Servizo de Protección da Natureza da Garda Civil e técnicos da consellería de Medio Ambiente que se encargaron da toma de mostras e tamén da retirada dos peixes mortos para a realización das correspondentes análises. Os resultados das mesmas determinarán a posible orixe do vertido, polo de agora descoñecida. Ata o lugar do suceso tamén se achegaron a técnica municipal de Medio Ambiente e o responsable do Grupo de Emerxencias Municipal.
BOIRO> Ciudadanos Boiro denuncia o mal estado do vial que comunica os núcleos de Berres e O Saltiño. O seu voceiro, Javier Chouza, solicita que se dote de beirarrúas a esta estrada, cada vez máis transitada.
Mércores, 05 Xullo 2017 18:49

Boiro presume xa de bandeiras azuis

BOIRO> Esta mañá o alcalde, Xoán Xosé Dieste, e a directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz, procedían, na praia de Barraña, ó izado simbólico dun destes distintivos. A praia de Barraña foi o lugar elixido para o izado simbólico da bandeira azul en Boiro. Nun acto, no que ademais do alcalde, Xoán Xosé Dieste, se contou coa presenza da directora xeral de Conservación da Natureza, Ana María Díaz. Segundo ela trátase dun exemplo máis do compromiso sostible que dende hai anos se promove dende a Xunta de Galicia. Pola súa banda o rexedor boirense destacou a importancia deste distintivo que premia os servizos e a calidade que se presta, non só nas seis praias nas que ondeará este ano a bandeira azul, senón tamén nun sendeiro azul, nun centro azul e tamén no Club Náutico de Cabo de Cruz.
BOIRO> A directiva efectuou onte luns o pago dos preto de 94 mil euros que lle adebedaba ós xogadores. Durante máis de hora e media, a diretiva do Boiro compareceu en rolda de prensa para explicar a situación pola que atravesa ó Club. O presidente, David Places, deu a súa versión de todo o que aconteceu nas últimas semanas e que derivaron o pasado venres no seu descenso administrativo da 2ª División B, ó incumprir o prazo establecido pola Real Federación Española de Fútbol para satisfacer a débeda cos xogadores da plantilla, cifrada nuns 94 mil euros. Un pago que si realizaron na mañá de onte. Segundo explicou o propio Places o incumprimento do prazo debeuse fundamentalmente a un suposto engano por parte dunha sociedade que pretendía facerse co control do Club, a través dun convenio, aboando agora a cantidade que lle demandaban os xogadores e posteriormente investindo unha gran cantidade de capital. Na comparecencia ante os medios, acompañando á directiva do Boiro, atopábase o asesor xurídico, Javier Picallo, quen aludiu ó recurso presentado ante a Federación, ó que acompaña tamén unha carta asinada por un dos capitáns do equipo, en representación de todo o plantel, na que aseguraba que os xogadores retiraban a denuncia posta no seu día por impagos, motivo principal polo que o Boiro está hoxe ‘fóra’ da categoría de bronce. A pelota, e nunca mellor dito, está agora no tellado da Federación, que deberá resolver a situación nun par de días. A cousa, en principio non pinta moi ben para os intereses do Boiro. Aínda así fontes do propio Club aseguraron que pelexarán ata as últimas instancias, para poñer a entidade no sitio que realmente se merece e que se gañou deportivamente nos terreos de xogo.
BOIRO> A primeira das catro quendas de rapaces que participarán nos campamentos de verán da Xunta en Boiro xa está en Espiñeira. Esta mañá recibiron a visita da directora xeral de Xuventude quen os animou a desfrutar desta experiencia que combina convivencia, ocio, natureza e educación.
Páxina 1 de 65
HomeCorporativoMostrando artigos por etiqueta: Boiro Top of Page

Síguenos en facebook