• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

CANAL RÍAS BAIXAS

O CD Boiro buscará o trunfo este domingo no Vao

Out 07 Escrito por 
BOIRO> A vitoria do sábado ante o Somozas permitiulle ós de Fredi Álvarez coller algo de folgos despois dun mal arranque de tempada.
Segundo derbi galego en dúas semanas para o Club Deportivo Boiro. Esta vez enfrontaranse ó Coruxo, un equipo que xa está asentado dende hai varias temporadas na categoría de bronce do fútbol nacional. Os de Fredi Álvarez viaxan ó Vao con aires renovados, despois da importante vitoria en Barraña do pasado sábado ante o Somozas por dous goles a un. Un trunfo que lles permitiu saír dos postos de descenso directo. Non o terán fácil neste partido ó que os dous conxuntos chegan igualados na clasificación con sete puntos. Para este partido o Boiro seguirá contando coa baixa do seu capitán, o dianteiro Ruben Rivera, que aínda non ten a alta médica e non puido iniciar os adestramentos cos seus compañeiros.A directiva boirense pretende alugar un autobús para este desprazamento e así posibilitar que os afeccionados que o desexen poidan acompañar ó equipo neste enfrontamento. Todo dependerá da demanda existente e ata última hora da tarde de hoxe non se pecharía esta opción. O inicio do encontro está fixado para as cinco menos cuarto da tarde. Polo que respecta ó resto de equipos galegos nesta categoría destacar tamén a viaxe do Pontevedra a Burgos, o partido do Lealtad co Celta B, o do Racing de Ferrol co Izarra e o encontro do Somozas coa Arandina.
Etiquetado como Barbanza    CD Boiro    2ªb    Coruxo    vao    derbi galego   
Publicado en DEPORTES

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • A decima edicion de BoiroMotos traera varias novidades no cartel
    BOIRO| A concentración moteira, hoxe xa un referente no ámbito autonómico, desenvolverase do venres 'o domingo no parque da Cachada. Os afeccionados ás motos terán unha cita dende o venres ó domingo en Boiro, cunha nova edición, e xa van dez, de BoiroMotos. A actividade organizada polo Club Boiro Motos, en colaboración co propio Concello, agarda superar as cifras de anos anteriores, máis dun millar de moteiros chegados dende toda a xeografía galega, e tamén doutras comunidades ou mesmo Portugal. Será unha fin de semana cargada de atractivos, non só para os afeccionados ó mundo das dúas rodas, senón tamén para o resto de públicos, xa que as actividades serán múltiples e variadas. A destacar as exhibicións de stunt previstas para o venres e o sábado pola noite, o salón Boiromotos, onde se poderá atopar todo tipo de productos relacionados co mundo do mortor, así como algunha que outra novidade como é o caso dunha proba de Super Enduro e un concurso de motos oldie. Dende o Concello destacaron a importancia desta concentración, que co paso dos anos é xa un referente, converténdose un polo de atracción de visitantes á localidade. Como de costume o principal polo de atracción será a zona da Cachada onde se realizarán a concentración e tamén as exhibicións. Para máis información os interesados poden consultar a propia web da organización: www.boiromotos.com.
  • A Garda Civil intercepta oitocentos quilos de peixe e marisco ilegal procedente de Ribeira
    RIBEIRA| A Garda Civil informou do rexistro, na AP-9, á altura da peaxe de Padrón, dun turismo con remolque en cuxo interior transportaba uns oitocentos quilos de diversas especies de peixe e marisco, tanto fresco como conxelado, sen ningunha guía ou documento que amparase a súa lícita procedencia. Segundo indicaron fontes do propio Instituto Armado a súa procedencia era dun barco de bandeira francesa atracado no porto de Ribeira. Os feitos foron postos en coñecemento da Subdirección Xeral de Gardacostas de Galicia, dependente da consellería do Mar, que acordou o comiso da carga e a incautación do remolque, procedendo tamén ó levantamento das oportunas actas de denuncia.
  • O executivo boirense substitúe os sistemas de iluminación no edificio do Concello
    BOIRO> A actuacion incluira ademais as instalacións do mercado e tamén as do parquing municipal. Con esta actuación iniciada hai xa varias semanas o Concello verá reducido o seu consumo eléctrico nun 60%, reducindo tamén a contaminación lumínica. As obras están a levarse a cabo na propia casa consistorial e nas instalacións do mercado e no parquing municipal. Pasarase das 1289 lámpadas convencionais ás 850 de tecnoloxía led. Está incluída no Plan Provincial de Medio Ambiente da Deputación da Coruña cun investimento duns 17 mil euros. O prazo de execución das obras será de dous meses.
  • José Luís Lemos volve ós banquiños do Club Deportivo Boiro
    BOIRO> O que fora o adestrador do histórico ascenso a 2ªB, hai agora dous anos, será o encargado de dirixir ós boirenses nesta nova etapa en Terceira. Despois de varias semanas de negociacións, a directiva do Boiro, confirmou coma adestrador para a vindeira campaña a José Luís Lemos. Un técnico que regresa a Barraña despois de dous anos. El foi unha das pezas claves do histórico ascenso do Club á 2ªB. Categoría que o Boiro perdía a consecuencia do impago da débeda contraída cos seus xogadores e á que ansían poder aspirar novamente este ano. Con el, regresará outro vello coñecido da afección, Rubén García, que exercerá de segundo adestrador. O Club, baixo a súa supervisión está confeccionando a contrarreloxo un plantel de garantías que loite por estar entre os equipos fortes da Terceira. Entre outros aspectos o equipo deberá facer fronte este ano á marcha de xogadores importantes en anos anteriores como é o caso de Pato Guillén, Romay ou Rubén Rivera, entre outros.
  • Ribeira podería optar a un cuarto xulgado na próxima convocatoria
    RIBEIRA> A Consellería de Presidencia investirá cen mil euros na mellora do alumeado e a climatización dos Xulgados de Ribeira. Na visita ás dependencias desenvolvida esta mañá, Alfonso Rueda pronunciouse tamén ó respecto da necesidade dun cuarto xulgado para a vila que dependerá do grao de traballo no momento en que se coñeza o número de novas sedes xudiciais correspondentes a Galicia.
  • A Feira do Libro de Rianxo suma nesta edición cinco novos participantes
    RIANXO> Este xoves inaugúrase a Feira do Libro de Rianxo. Ata o domingo, achegará a veciños e visitantes as últimas novidades literarias cun desconto do dez por cento. Haberá ademais diversas presentacións de libros e numerosas actividades de animación á lectura.
HomeDEPORTESO CD Boiro buscará o trunfo este domingo no Vao Top of Page

Síguenos en facebook