• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

CANAL RÍAS BAIXAS
BOIRO> A Garda Civil localizou unhas once plantas de marihuana nunha finca da súa propiedade no lugar de Vistaverde. No marco da denominada operación ‘Vistaverde’, axentes da Garda Civil de Boiro procederon á detención dun veciño da localidade, con iniciais J.L.O.I., de 40 anos coma presunto autor dun delito de cultivo e elaboración de droga. As investigacións realizadas deron como resultado o comiso dunhas once plantas de marihuana que o prendido cultivaba nunha finca da súa propiedade situada no lugar de Vistaverde, en Escarabote. No operativo tamén se lle incautou dunha caixa que contiña ó redor de cincocentos gramos de brotes desta planta. Segundo informaron fontes do propio Instituto Armado o valor da marihuana incautada podería acadar os 6.200 euros. Os feitos xa foron postos a disposición do Xulgado Número 1 de Ribeira que é o que instrúe as dilixencias.
BOIRO> A solicitude dos nacionalistas prodúcese despois do vencemento do contrato coa empresa encargada do servizo e antes de que se saque novamente a licitación. Atendendo ás demandas dos propios usuarios das instalacións que dende hai tempo veñen manifestando as súas queixas polo mal funcionamento da piscina, o BNG solicitará no vindeiro pleno que o Concello asuma a xestión directa do complexo deportivo da Cachada. Para os nacionalistas esta sería a mellor maneira de garantir a calidade do servizo á veciñanza, xa que as empresas privadas só pensan no seu beneficio económico. Fano precisamente agora unha vez concluído o contrato coa empresa e cando o equipo de goberno ten previsto sacar a concurso unha nova licitación. Dende a formación frentista sinalan que as críticas polo mal funcionamento das instalacións non van contra o seu persoal, que si cumpre co seu cometido, que mesmo coa municipalización do servizo vería mellorado tamén as súas condicións de traballo.
BOIRO> A protesta serviu tamén para demandar a ampliación de horas e recursos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Dúas eran as principais demandas que mobilizaron á comunidade educativa do CEIP Santa Baia de Boiro. Por unha banda a reclamación á consellería de Educación da renovación dos libros de texto de terceiro e quinto de primaria. Dende a ANPA apuntan a que os existentes atópanse xa moi deteriorados para o seu uso e os seus contidos están tamén obsoletos. a situación afecta a uns 120 escolares matriculados nestes dous cursos, que a día de hoxe non dispoñen de libros. A outra das solicitudes da Asociación de Nais e Pais de Alumnos do Santa Saia é a necesidade de ampliar as horas de e recursos de Pedagoxía Terapéutica e Audición e Linguaxe. Os tres educadores e o logopeda dos que dispón actualmente o colexio parécenlles insuficientes para atender ós 47 nenos matriculados que precisan desta atención especial, dos cales 8 son graves. Dende a ANPA apuntan a que seguirán coas súas reivindicacións ata que sexan atendidas por Educación, ó consideralas xustas. O alcalde, Xoán Xosé Dieste, mantivo esta mañá unha reunnión en Coruña na delegación de Educación para tratar de mediar e buscar unha solución a este asunto.
BOIRO> A actividade, organizada polo Concello, prevé a realización dunha diagnose persoal e individualizada a cada participante. Boiro conta unha nova actividade física que o Concello porá en marcha durante este mes de setembro da man da empresa EcoSport. Trátase do programa ‘Boiro Actívate’ e estará dirixido en principio a persoas maiores ou xubiladas con algún tipo de disfunción física causada por enfermidades de longa duración ou crónicas. Antes do inicio da actividade a cada participante seralle realizada unha diagnose persoal e individualizada que determine o tipo de exercicio que mellor lle convén para a súa saúde. Dende o Concello incidiuse na importancia desta iniciativa de cara a procurar unha mellor calidade de vida dos seus veciños, principalmente das persoas de máis idade. Os interesados en formar parte da iniciativa poderán inscribirse ata o próximo luns, 18 de setembro, chamando ó teléfono 981-972243. O número de prazas dispoñibles é de 20.
BOIRO> Outras das citas incluídas na programación da mancomunidade será aGrand Pavois de La Rochelle. Así o acordaron esta mañá en pleno os representantes dos catro concellos que integran a Mancomunidade. Un dos asuntos abordados na sesión foi precisamente aprobar a programación da entidade para os vindeiros meses. Por segundo ano consecutivo arousa Norte volverá a estar presente na Feira de Turismo Internacional de Xapón, JATA 2017, que se desenvolverá do 21 ó 24 deste mes de setembro. Alí os técnicos de Arousa Norte que se despracen ó país nipón manterán intensas reunións de traballo con touroperadores e axentes especializados no ámbito turístico interesados na oferta de ocio, paisaxística e de natureza desta comarca. Ademais, durante este mes de setembro, a Mancomunidade tamén participará en La Rochelle na feira náutica Grand Pavois. Precisamente, neste encontro no que se dan cita navegantes e amantes da náutica de toda Europa, Arousa Norte informará sobre o seu roteiro náutico e tamén presentará un novo material con información especifica sobre as características e servizos dos cinco portos náuticos emprazados nos catro concellos que integran a Mancomunidade. Na sesión tamén se acordou iniciar os traballos para o desbroce e acondicionamento do novo sendeiro polo litoral de Arousa Norte que percorrerá a fachada atlántica dos catro concellos e fíxose unha valoración do número de visitantes que se achegaron ata a comarca nesta datas. Á espera dos datos definitivos que acheguen as oficinas de turismo dos catro concellos, todo parece indicar que as estatísticas foron satisfactorias e se rexistrou un notable incremento de consultas turísticas en Arousa Norte durante este verán. Tamén valoraron moi positivamente eventos coma os Vermús Musicais ou o Circuíto de Carreiras Populares 4 Carreiras e 1 Meta que serviron de elementos de atracción e de ocio para os visitantes que optaron por esta zona.
BOIRO> O Club agarda poder repetir a exitosa campaña do ano pasado na que estivo a piques de acadar o ascenso á Superliga 1 Masculina. Despois de vivir o pasado ano unha das tempadas máis gloriosas da súa recente historia, quedándose a un só paso do ascenso á máxima categoría do voleibol nacional, o Boiro Voleibol dá xa por pechado o seu plantel de cara a presente tempada, na que volverá a militar na Superliga 2 Masculina. O equipo xa iniciou os adestramentos, coa continuidade da maioría do plantel do ano pasado, co que confían repetir ós exitos da campaña anterior. Aínda que saben que será complicado. O Club xa pechou a continuidade de dous dos xogadores Pablo Redondo e Kevin Medina. O primeiro un xoven valor da magnífica canteira boirense e o segundo un receptor canario que lle aporta un salto de calidade ó equipo O acto foi aproveitado para presentar ós que serán os novos ‘sponsors’ do Club. A firma local Rotogal e o propio Concello, que este ano volverá a facer un gran esforzo na axuda que lle presta ó equipo.
BOIRO> A formación pide que sexan destinadas a garantir o dereito a unha vivenda digna ás persoas con menos recursos do Concello. Boiro novo presentou unha proposta ó vindeiro pleno solicitando a rehabilitación das antigas vivendas dos mestres, situadas na zona de Praia Xardín, hoxe inutilizadas e nun estado lamentable de conservación. Para levar a cabo o seu adecentamento, dende a formación apuntan a que o Concello pode acollerse a unha liña de axudas da Xunta para este fin. Unha vez rehabilitadas, as vivendas poderían ser destinadas a garantir o dereito a unha vivenda digna ás persoas con menos recursos do Concello.
BOIRO> Boiro Novo homenaxeará a Antonio Seoane co gallo do Día da Galiza Mártir. Será o venres día 18 nun acto que contará coa participación de destacados persoeiros da política e da cultura galegas.
BOIRO> Ó igual que fixeran outros grupos da oposición, Iniciativa Cidadá de Boiro oponse ó proxecto de saneamento que se está a levar a cabo no río Breiro. Cualifícano de despilfarro e de atentado ecolóxico posto que supuxo a tala de numerosas árbores autóctonas.
BOIRO> A Xunta de Galicia colabora coa Federación Galega de Ciclismo no reparto de cortaventos reflectantes destinados a garantir a visibilidade dos deportistas nas estradas e a aumentar así a súa seguridade. A conselleira de Infraestruturas e Vivenda, Ethel Vázquez, realizou esta mañá en Boiro a entrega destas prendas.
BOIRO> O BNG de Boiro demanda a mellora dos accesos á praia de Barraña na zona de Rebordelo. Piden que se limpe a maleza e se acondicione o vello peirao posto que o actual estado de deterioro supón un risco para os usuarios da praia.
BOIRO> O rexedor boirense gabou o labor realizado polos traballadores municipais durante as pasadas festas. As críticas vertidas dende o BNG referidas á falla de limpeza das rúas e o deficiente servizo de recollida de lixo, especialmente durante as pasadas festas do verán, non foron ben recibidas no executivo, ó considerar que non se axustaban á realidade. Tanto o alcalde, Xoán Xosé Dieste, coma o coordinador de Servizos, Nacho Pérez, negaron tales críticas, afirmando que si se realizou un bo traballo, reforzando e mesmo incrementado considerablemente o servizo prestado. Dende o Concello apuntouse a que se trata dunhas críticas inxustas e desafortunadas por parte do BNG, que provocaron un gran malestar nos propios traballadores municipais. O alcalde aproveitou tamén a ocasión para agradecer precisamente o traballo que realizan os operarios municipais. Un traballo que en numerosas ocasións non é recoñecido.
Páxina 1 de 66
HomeDEPORTESMostrando artigos por etiqueta: Boiro Top of Page

Síguenos en facebook