Dodro homenaxea a Moncho Reboiras no 32 aniversario do seu asasinato

    homenaxemonchoreboiras_100_140807.jpgDODRO > Destacadas figuras do nacionalismo galego homenaxearon a Xosé Ramón Reboiras no 32 aniversario da súa morte.

    A pesar do destacado papel que tivo Xosé Ramón Reboiras no nacemento do nacionalismo galego, aínda hai moitos veciños do seu concello, Dodro, que descoñecen a súa historia.

    Co obxectivo de reivindica-la figura dun dos fundadores da UPG e promotores do sindicalismo, o BNG organiza cada ano un acto de homenaxe, coincidindo coa data en que foi asasinado a mans das forzas represivas do réxime franquista.

    O encargado de presidi-lo acto, este ano, foi o presidente da Unión do Pobo Galego, Bautista Álvarez, quen destacou o labor de Reboiras sempre en primeria liña da loita política.

    Durante a súa intervención, Bautista Álvarez apelou á necesidade de coñecer en profundidade a cultura e a historia galega para transmitir a mensaxe nacionalista. Neste sentido amosouse moi crítico con algúns mandatarios da formación frentista que, ó seu parecer, carecen do bagaxe suficiente para desempeña-los seus cargos.

    Tralo éxito desta homenaxe, o BNG de Dodro ten a intención de ampliar os actos a celebrar de cara ó próximo ano, en lembranza de Moncho Reboiras, e de todos aqueles que ‘morreron por defende-las súas ideas’.

    Redacción Barbanza