Álex Pais cumpre cos pronósticos e faise co XXXI Rali de Noia

    NOIA> O piloto vigués veuse favorecido tamén polo abandono, ás primeiras de cambio, de Alberto Meira, outro dos máximos favoritos a levarse o trunfo na proba. O piloto Álex Pais ós mandos do seu Mitsubishi Lancer Evo X proclamouse esta pasada fin de semana gañador da XXXI edición do Rali de Noia. Un ano máis a proba, clasificatoria para o campionato galego de asfalto, conseguiu congregar a numerosos afeccionados a carón dos distintos tramos polos que foi pasando a competición. O piloto vigués partía como un dos principais favorito a levarse a vitoria, como xa fixera anteriormente na primeira das probas disputadas para o título galego, a do Rali do Cocido, en Lalín. Veuse favorecido tamén polo abandono, ás primeiras de cambio, doutro dos grandes favoritos a levarse o trunfo, Alberto Meira, despois dunha saída de vía. Manuel Senra da escudería Senra Sport, rematou segundo na proba co seu Peugeot 306 Maxi e en terceiro lugar na clasificación xeral quedou Javier Martínez Carracedo co seu Renault 5 GT Turbo. A competición transcorreu con normalidade e non houbo incidentes que destacar, a non ser as numerosas saídas de vía a consecuencia da chuvia, que condicionou en parte a carreira. Dende a organización valorouse moi positivamente o desenvolvemento da proba que transcendeu do carácter meramente deportivo para converterse nun evento lúdico con miles de asistentes.