• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

CANAL RÍAS BAIXAS

Alba_Garcia

VILAGARCÍA> José Luis Villanueva xa é oficialmente patrón maior da confraría de Carril. Este mediodía, Villanueva tomaba posesión e recuperaba a dirección do pósito carrilexo. Como tarefas por diante, o parquista marca dúas principais na axenda: revisar a situación da confraría e a organización da Festa da Ameixa de Carril, envolta de polémica polos desencontros co concello. Ao redor da 1 e media do mediodía, José Luis Villanueva recuperaba o seu posto como patrón maior da confraría de Carril. Este venres tomaba posesión nas oficinas do pósito, iniciando de xeito oficial un mandato que comezará revisando a situación da confraría. Villanueva volveu lamentar que moitos dos proxectos pendentes teñan que agardar ao ano que vén para poder saír adiante por mor dos retrasos nos prazos. Gabou tamén o equipo que o acompañará neste novo mandato, despois de que a cascada de dimisións no mes de marzo forzara o seu cese como patrón. Agora ten por diante outro reto: a organización da Festa da Ameixa de Carril, envolta en polémica polos desencontros da confraría co concello de Vilagarcía pola súa coincidencia en datas co Festival das Revenidas e o Combate Naval. A intención da confraría é seguir adiante coa cita, que ademais este ano cumpre un cuarto de século de existencia. A pesares dos desencontros, o patrón volverá tender a man ao concello. Villanueva recordou que o obxectivo da festa é dar a coñecer a ameixa de Carril aos visitantes. Algo que perde sentido se se celebra despois da tempada alta do turismo en Vilagarcía.
MEIS> Terra de Asorei aposta por un sector vitivinícola adaptado ao século XXI. Esta transformación será a cuestión central do Foro do Albariño que a adega organiza dende hai sete anos, e que se celebrará o venres 30 de xuño no Pazo Ulloa de Cambados. "Estratexias para a adega do século XXI". Este é o título do sétimo Foro do Albariño que organiza a adega Terra de Asorei. Un encabezado que é toda unha invitación ao sector á reflexión. A cita será o venres 30 de xuño no Pazo Ulloa, de Cambados. Pola xornada pasarán o presidente da Asociación Galega de Empresa Familiar, Emilio Pérez, o catedrático de Economía da Universidade de Santiago, Edelmiro Iglesias, o presidente de Adegas Terras Gauda, Xosé María Fonseca, e o conselleiro de Educación, Román Rodríguez. Segundo o presidente de Terra de Asorei, a adega naceu da reflexión. Unha actitude que queren seguir mantendo, compartíndoa ademais con todo o sector vitivinícola. Un ano máis, a asistencia ao foro é gratuíta, pero precisa de inscrición previa no email info@terradeasorei.com. No acto Terra de Asorei presentará a nova imaxe do seu albariño Pazo Torrado, que virá acompañada dunha cata dos tres caldos que elaboran. A actuación da cantante María do Ceo será a encargada de pechar a xornada.
SANXENXO> O concello de Sanxenxo regularizará o aparcadoiro na avenida Luis Rocafort durante o verán. No encontro que mantivo coa plataforma de afectados, o alcalde Telmo Martín decidiu atender as súas demandas e limitar o tempo dos estacionamentos. Martín comprometeuse ademais a trasladar á Deputación de Pontevedra outras das súas demandas, nun encontro coa presidenta Carmela Silva para o que aínda non hai data. O concello de Sanxenxo porá límite de tempo ao estacionamento na Avenida Luis Rocafort. A medida estará en vigor durante o verán, e atende a unha das demandas da Plataforma de Afectados. Este foi un dos acordos que se acadaron no encontro que o sábado mantivo o novo executivo coa plataforma veciñal. Unha reunión que o colectivo aproveitou para trasladarlle outras das súas demandas, como o mantemento das prazas de aparcadoiro. Tras este encontro, os veciños quedaron emprazados a unha nova reunión que se produciría despois da agardada entrevista entre Telmo Martín e a presidenta da Deputación, administración encargada da obra. Polo de momento, non hai data fixada. Dende o concello aseguraron que están abertos a ter en conta as suxestións da plataforma de afectados, e comprometéronse a facer novas xestións segundo avancen os contactos coa institución provincial. Os veciños tamén solicitaron ao alcalde que se xestionen as cesións pendentes. Un trámite no que colaboraron entregando os contactos dos que dispoñen.
VILAGARCÍA> Colectivos feministas de Vilagarcía esixiron esta mañá dende a praza de Ravella máis fondos para a loita contra a violencia de xénero. Asociacións do municipio secundaron a concentración convocada a nivel nacional, a semana na que se aprobarán os orzamentos do Estado. O que piden é aumentar a 120 millóns de euros a asignación orzamentaria. Pasar das palabras aos feitos. Este cambio foi o que escenificaron este mediodía varios colectivos feministas dende a praza de Ravella. Denuncian que o Estado non destina os fondos suficientes á loita contra a violencia machista, a semana na que se van aprobar os Orzamentos Xerais do Estado para o 2017. No proxecto só se asingan 31 millóns de euros a esta partida, menos dun 1% do total das contas, dando un portazo ao pacto de Estado do 7 de novembro de 2015. Unha vez máis, os ámbitos educativos, sanitarios e de comunicación quedan sen atender. Por iso reclaman a consignación de 120 millóns de euros para loitar contra a violencia machista. Unha esixencia que se repetiu en máis de 200 concellos de toda España que secundaron a mobilización. O goberno de Vilagarcía sumouse á concentración, pero os colectivos feministas pediron unha maior implicación. Por iso, O soño de Lilith, Xtodas, Linfedema e as Asociacións de Mulleres Rurais de Guillán, Anduriña de Sobradelo e Abelaíña de Vilaxoán presentaron unha moción para o pleno instando ao concello a que presione ao goberno central en apoio desta demanda.
SALNÉS> Desartellada unha banda de delincuentes xuvenís na comarca de O Salnés. A Garda Civil detivo a trece mozos de entre 16 e 22 anos, acusados de cometer preto dun centenar de delitos contra o patrimonio, principalmente roubos e furtos en vehículos, vivendas e establecementos da zona. Tras nove meses de investigacións levadas a cabo pola Garda Civil do Posto Principal de Cambados, dáse por finalizada a bautizada operación Teide, que arrincou en setembro de 2016. A alarma saltara tras detectarse un incremento dos delitos deste tipo tanto na vila cambadesa como nos concellos dos arredores. De feito, no operativo colaboraron tamén os Postos de Sanxenxo e Vilagarcía e as Policías Locais de Cambados, Vilanova, A Illa, Meaño e Sanxenxo. Os detidos percorrían as rúas dos municipios comprobando os dispositivos de peche de todos os vehículos, ata localizar os que tiñan as portas sen pechar. De aí substraían cartos en efectivo ou calquera obxecto de valor. Tamén roubaban a repartidores do pan ou en autobuses. Incluso no mes de xaneiro substraeron unha furgoneta en Meaño e, ademais de apropiarse da mercadoría, queimaron o vehículo no polígono de Nantes. Ademais se recuperaron cinco ciclomotores e sete bicicletas. As investigacións apuntan a que a banda aproveitaba as fins de semana para roubar bolsos e teléfonos móbiles no establecementos nocturnos de ocio. Entre os feitos máis graves destacan catro roubos e furtos en casas e pisos habitados das localidades de Meis e Meaño. Tamén se lles investiga pola súa presunta participación en dezaséis delitos de danos. A operación saldouse con trece mozos detidos de entre 16 e 22 anos. Tras prestar declaración na Garda Civil de Cambados, os maiores de idade foron postos en liberdade, pendentes de ser citados polos xulgados da vila. No caso do menor de 16 anos, xa foi ingresado nun centro especial e depende agora da Fiscalía de Menores.
SANXENXO> A xunta local de seguridade reuniuse esta mañá en Sanxenxo. Subdelegada do goberno, alcalde da vila e representantes da Garda Civil, da Policía Autonómica e da Policía Local mantiveron un encontro para analizar a situación e as necesidades do municipio de cara o verán. Non en van, Sanxenxo multiplica por seis a súa poboación no verán, converténdose nun punto de atención prioritaria. A seguridade é unha prioridade para Sanxenxo. Tras vinte días na alcaldía, Telmo Martín convocou esta mañá a Xunta Local de Seguridade. Un encontro ao que asistiron a subdelegada do goberno, o alcalde da vila e representantes da Garda Civil, da Policía Autonómica e da Policía Local. No verán a vila multiplica por seis a súa poboación, un feito que a converte nun foco de atención para a Subdelegación do Goberno que, de ser necesario, non desbota incrementar os efectivos na zona. A Garda Civil traballa de xeito coordinado coa Policía Local, que a día de hoxe conta con 49 efectivos que garantirán a seguridade dos visitantes. Principalmente, en dous eidos: regular o tráfico e a movida nocturna. Esta reunión prodúcese despois de que Martín mantivera onte encontros cos propietarios de todos os locais do porto deportivo, para intercambiar opinións sobre os problemas de seguridade que se teñen producido nos últimos tempos. Ambas partes coinciden en que a movida forma parte da oferta do destino, polo que ven necesario garantir que sexa de calidade e en orde.
PONTEVEDRA> "Ningún neno sen bigote". Esta é a determinación da Garda Civil de Pontevedra. A comandancia presentou esta mañá os máis de 2.000 litros de leite que conseguiron xuntar na campaña que puxeron en marcha, para garantir que os cativos das familias máis desfavorecidas teñan alimento tamén durante o verán. Na Comandancia de Pontevedra, a Garda Civil presumía hoxe dos resultados da súa campaña "Ningún neno sen bigote". Con 2.000 litros de leite conseguidos, axudarán a que os cativos das familias máis desfavorecidas teñan unha alimentación equilibrada tamén no verán, cando pechan os comedores escolares. A Benemérita decidiu sumarse á campaña organizada a nivel nacional pola Fundación La Caixa. Sumando unha tarefa máis, e moito máis gratificante, aos seus labores. Comercios, supermercados, particulares e incluso protectoras de animais colaboraron nesta campaña. Tamén os centros escolares. Non en van, os axentes aproveitaron en moitas ocasións as charlas que imparten aos nenos nos colexios para dar a coñecer a iniciativa. O leite foi entregado ao Banco de Alimentos, que se encargará agora de repartilo entre as familias máis necesitadas. Unha axuda que agradeceron ao Instituto Armado. Esta achega axudará á organización a manter o seu stock deste alimento, tamén no verán.
PONTEVEDRA> A Carreira Ponle Freno chega a Pontevedra. A cita, organizada polo Grupo Atresmedia, celebrarase o 1 de xullo, e busca promover a seguridade viaria. A recadación destinarase íntegramente á Asociación Pedaladas, para seguir adiante co proxecto “Ao INSTIen BICI”, para potenciar a educación viaria nos escolares. Pontevedra será o escenario da segunda carreira Ponle Freno. A cita naceu en Madrid no ano 2008 da man do Grupo Atresmedia, para concienciar da seguridade viaria. Dende hai dous anos percorre diferentes zonas de todo o Estado. A cita celebrarase o 1 de xullo, saíndo da praza de España ás 21.30. O percorrido será maioritariamente urbano, buscando que participe o maior número de corredores. As inscricións estarán abertas ata o 28 de xuño, a escoller entre dúas modalidades: 5 euros para os que opten polo percorrido de 5 quilómetros, e 10 para os que se animen co trazado de 10. O recadado destinarase íntegro á Asociación Pedaladas, para seguir adiante co seu programa “Ao INSTIenBICI”. A proba vén substituír á PonteNoite 5+5 no Circuíto de Carreiras Populares de Pontevedra, sendo a quinta puntuable.
Páxina 1 de 26
HomeDEPORTESAlba_Garcia Top of Page

Síguenos en facebook