Iniciada a remodelación exterior da praza de abastos de Noia

NOIA> Hai unhas semanas iniciábanse os traballos de remodelación no exterior da praza de abastos da localidade. Paralelamente, o Concello está a acordar cos praceiros a reubicación provisional dos postos para acometer a reforma interior do mercado.

Trátase dunha obra ambiciosa, cun orzamento de máis dun millón de euros, e complexa, dada a necesidade de compatibilizar os traballos coa actividade comercial dos praceiros. Aínda así a reforma da praza de abastos de Noia vai tomando forma despois de que se iniciaran os traballos de remodelación da fachada. Prevese que durante o mes de agosto poida iniciarse xa a reforma interior do inmoble que obrigará a reorganizar provisionalmente a distribución dos postos.

Dende o concello agardan que unha vez finalizada a reforma contribúa a dotar de máis servizos ó mercado e darlle un novo enfoque como punto de referencia na celebración de actividades gastronómicas, exposicións e unha zona destinada a postos de hostalería.

A previsión da empresa que acomete os traballos é que poidan estar rematados durante o primeiro trimestre de 2023.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí