Paro masivo da conserva en Arousa para reclamar igualdade e melloras laborais nun novo convenio colectivo

VILAGARCÍA> A conserva en Galicia está en folga. O sector celebrou hoxe a primeira xornada das tres de paro que ten previstas para demandar melloras laborais e salariais e rematar coa fenda existente entre homes e mulleres. Segundo Comisións Obreiras, UGT e CIG os tres sindicatos convocantes, o seguemento da folga acadou hoxe un 90%. Os traballadores responden así á decisión da patronal de romper as negociacións para un novo convenio colectivo.

A primeira xornada de folga da conserva deixouse notar nas grandes conserveiras galegas. Os sindicatos  convocantes, Comisións Obreiras, UGT e CIG aseguran que o seguemento foi masivo: máis do 90% dos traballadores secundaron o paro.

O día de hoxe deixou as imaxes de conserveiras pechadas e de concentracións en Vilagarcía, Boiro e Vigo. Na capital arousá, traballadores do sector defenderon as súas demandas, entre elas, reducir a temporalidade e unha suba saliarial para compensar o incremento do 6,5% do IPC.

Precisamente, a igualdade no sector é outra das reclamacións. Denuncian que as mulleres cobran ata un 20% menos por desenvolver o mesmo traballo. Ademais, a gran maioría dos contratos temporais son para elas, a pesares de que representan o 85% da man de obra.

Esta é a primeira xornada de folga, pero os sindicatos teñen dúas máis convocadas para os días 3 e 4 de febreiro. Unha mobilización que responde á decisión da patronal de romper a mesa de negociación dun novo convenio colectivo. O actual é do 2015.

En Galicia, o sector da conserva conta con 12.000 traballadores, concentrando o 80% da produción de todo o Estado.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí