Transportes Galiport reúne a case 200 persoas no seu xantar anual

GALICIA> Preto de 200 empresarios e políticos do Salnés e de toda Galicia reuníronse nun xantar organizado polo propietario da firma de transportes Galiport. Trátase dunha cita anual que neste caso contou, entre outros, co presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda.

Unha empresa que naceu como un negocio familiar e que case 40 anos despois conta con delegacións na Coruña, en Santiago, en Vigo e Oporto. Falamos de Galiport, empresa do sector dos transportes. Esta fin de semana celebrou o seu tradicional xantar anual. Unha cita na que se reúnen representantes do mundo da política e da empresa e tamén moitos dos seus clientes.

Galiport traballa con preto dun cento de persoas, entre empregados e autónomos e conta cunha flota duns 40 camións que traballan tanto a nivel nacional como internacional. Actualmente gran parte do negocio céntrase no almacenaxe e loxística.

Aínda que recoñecen as dificultades que están a provocar cuestións como a incerteza política e o incremento de prezos, especialmente dos combustibles, dende Galiport avanzan con novos proxectos.

A empresa está mergullada nun cambio xeracional. Un dos fundadores, Santiago López, decidiu dar un paso ao lado abrindo o camiño para as novas xeracións. Iso si, Galiport continúa en mans familiares.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí