Valentín González Formoso foi reelixido esta mañá coma presidente da  Deputación da Coruña

BARBANZA> No seu discurso de investidura agradeceu os apoios recibidos, apelando á enorme responsabilidade de seguir gobernando unha das provincias máis puxantes de Galicia.

Cos apoios de 17 dos 31 deputados cos que conta a corporación provincial, por maioría absoluta, xa en primeira votación, Valentín González Formoso foi reelexido esta mañá coma presidente da Deputación da Coruña. A súa investidura foi posible grazas ó acordo asinado previamente entre o Partido Socialista e o BNG, que permitirá de novo reeditar un goberno de coalición na institución provincial para os próximos catro anos.

No seu discurso González Formoso agradeceu os apoios recibidos para renovar un cargo que asume con humildade e orgullo, pero sobre todo coa enorme responsabilidade de seguir gobernando unha provincia que é o motor social, cultural e económico de Galicia.

No seu discurso trazou o que será o seu programa de goberno para estes catro anos, cunha aposta pola potenciación da colaboración cos concellos, a creación de emprego e a revitalización do rural, anunciando a creación dunha Axenda Rural Provincial para impulsar a mellora do nivel de vida e a fixación de poboación no rural coruñés.

Xosé Regueira, do BNG, será o vicepresidente, e coma portavoz do Goberno Provincial exercerá o socialista Bernardo Fernández Piñeiro.

A sesión de investidura foi seguida tamén por numeroso público entre os que se atopaban amigos e familiares dos novos deputados e tamén diversas autoridades, entre elas, o Delegado do Goberno, Javier Losada, ou o delegado territorial da Xunta, Ovidio Rodeiro.