• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

Alba_Garcia

VILAGARCÍA> O Club de Remo Vilaxoán conta dende o pasado venres cunha nova traíña. Durante un concorrido acto, os padexeiros botaron a nova embarcación, bautizada como Virxe do Carme. O Club de Remo Vilaxoán converteu a botadura da súa nova traíña nunha festa para todos os veciños. A embarcación leva por nome o da patroa do pobo, Virxe do Carme, e supuxo un investimento próximo aos 36.000 euros. Dende que Rogelio Tarrío tomou a presidencia do club hai tres anos, potenciar a base é un dos seux obxectivos. Unha meta que están a conseguir, como se demostrou no Campionato de España de bateis celebrado hai un mes. Todos os asistentes, veciños e autoridades, só tiveron loubanzas para o traballo dun club que Vilaxoán sente como propio. Tamén para os valores que representa o deporte do remo: sacrificio, constancia, compañeirismo, perseveracia e competitividade limpa. O acto rematou co bautismo de mar de "Virxe do Carme", que se introduciu nas augas da praia de O Preguntoiro acompañada polo Salve Mariñeiro e o Tres cousas ten Vilaxoán, interpretadas pola Coral de Vilaxoán.
ILLA> A Consellería do Mar inicia os traballos de construción dos pantaláns pesqueiros no porto de O Xufre, en A Illa de Arousa. A actuación conta cun orzamento de máis de 700 mil euros, e dará servizo a 300 embarcacións da terceira lista. Xa están en marcha os traballos de construción dos pantaláns para as embarcacións pesqueiras no peirao de O Xufre. Tralo traballo en fábrica, agora se están a instalar os módulos na zona. A actuación conta cun orzamento de 700 mil euros, e dará servizo a 300 embarcacións pesqueiras que se ordenarán en tres filas en pantaláns. Esta capacidade dá resposta á demanda actual de prazas, e permitirá cubrir necesidades futuras. Deste xeito, Portos de Galicia atende unha demanda da Confraría de A Illa de Arousa. O patrón amosouse satisfeito cos traballos, e pediu a colaboración dos mariñeiros ante as posibles molestias que poidan xerar as obras. Calcúlase que a obra quedará rematada nun prazo de tres meses.
VILAGARCÍA> Vilagarcía une o centro da vila co Hospital do Salnés cunha nova liña de autobús. O servizo empeza a funcionar mañá mesmo ás sete e media da mañá, cun autobús que sairá cada hora dende O Cavadelo. O convenio subscrito coa empresa Benito Abalo permitirá que o custo do traxecto sexa de 1.35 euros. A partires de mañá, unha liña directa de autobuses unirá o centro de Vilagarcía co Hospital do Salnés. O transporte arrincará ás 7.30 da mañá dende O Cavadelo, cun autobús cada hora ata a unha e media da tarde, un custo de 1.35 euros por traxecto. Esta liña nace do convenio asinado entre o concello, que achega 25 mil euros, e a empresa Benito Abalo. O traxecto ata o Hospital do Salnés non entra no bono Vaibús, que o goberno local negociou con Pereira. Así as cousas, a recente compra desta última por parte de Benito Abalo facilitaría avanzar no servizo. Actualmente, o concello e a empresa tamén están a xestionar ante a Xunta de Galicia a posibilidade de estender o servizo de transporte ao Hospital do Salnés ao horario de tarde.
POIO> O Partido Popular de Poio quere coñecer o proxecto do concello para o Pazo Besada. A formación denuncia que a emblemática finca está nun estado de abandono, e que os traballos de restauración levan sete anos paralizados. Dende o goberno, pola súa banda, recoñecen que dotar o pazo de contido é unha tarefa pendente. O alcalde asegurou que pretenden retomar os traballos no 2019, aínda que non se marcan prazos. O Partido Popular de Poio denunciou o abandono do Pazo Besada, na parroquia de San Salvador. De feito, os populares levarán a pleno unha pregunta para coñecer os plans que ten o goberno para o edificio. O concello recuperou o pazo e os edificios anexos grazas a un convenio urbanístico, no que a promotora das 150 vivendas da urbanización próxima comprometíase a restauralo. Finalizados os traballos no exterior, agora está pendente rematar o interior; actuación que o goberno recoñece como unha tarefa pendente. Os populares tamén denunciaron que, ata que presentaron a solicitude de visita, o estado do Pazo Besada e do entorno era de total abandono. Unha situación que, aseguran, se repite en toda a parroquia de San Salvador. Neste tempo o concello si que rematou a recuperación de dous dos edificios do conxunto do Pazo: a casa da familia que se encargaba de gardalo, que actualmente acolle a oficina do OMIX e xuventude, e a antiga biblioteca. Aínda non actuaron na antiga cocheira.
PONTEVEDRA> A rotura do goberno tripartito de Sanxenxo continúa de actualidade. Esta mañá pronunciáronse dende o Partido Popular Provincial, que non dubidan en sinalar á Deputación como responsables desta crise. Para o PP, as risas, os insultos e, aseguraron, a prepotencia do bipartito provocaron a fin do acordo de goberno. Os deputados populares non dubidan en sinalar ao goberno da Deputación de Pontevedra como o responsable da rotura do tripartito de Sanxenxo. Arévalo respaldou a postura de Gonzalo Pita sobre a obra da avenida Luís Rocafort; proxecto que foi o detonante dos desencontros entre os socios de goberno. Pola contra, acusou ao bipartito de rirse e insultar ao aínda rexedor de Sanxenxo. Os deputados aseguraron que Pita solicitara unha reunión na Deputación que non se atendeu. Descartan que a rotura viñera dada polo desacordo na construción de 19 prazas de aparcadoiro na avenida Luis Rocafort. Tamén esixiron ao goberno provincial que deixe de buscar responsable no Partido Popular, e que atenda a unha provincia que, aseguraron, está descontenta e decepcionada.
PONTEVEDRA> A rotura do tripartito de Sanxenxo e a volta de Telmo Martín á alcaldía chegaron tamén á Deputación de Pontevedra. Esta mañá, Gonzalo Pita explicaba que a reforma da avenida Luís Rocafort fora o detonante desta crise; un proxecto que, recordemos, foi impulsado pola institución provincial. Hoxe a súa presidenta cualificaba o argumento de Pita de “broma de mal gusto”. Para a presidenta da Deputación de Pontevedra, que Gonzalo Pita sinale a obra da avenida Luís Rocafort como o detonante da crise e rotura do goberno tripartito en Sanxenxo, é unha broma de mal gusto. Carmela Silva non acepta que se responsabilice á Deputación de Pontevedra do cambio de goberno tralo acordo entre SAL e Partido Popular, e defendeu a actuación do executivo provincial. A dirixente socialista tamén tivo palabras para o popular Telmo Martín, que se convertirá en alcalde da vila sanxenxina. Sobre a revolución no concello de Sanxenxo tamén se pronunciou o secretario provincial do PSOE de Pontevedra. Para Santos Héctor o ocorrido é unha moción de censura encuberta, e sinala a Alfonso Rueda como responsable do que cualificou como política de vertedoiro. Para Santos Héctor o acordó entre Pita e Martín é un episodio vergoñoso máis na historia do PP.
SANXENXO> Sanxenxo acollerá esta fin de semana o Triatlón 113 swim, ride and run. A segunda edición desta proba celebrarase o domingo 21 de maio, e atraerá ata a vila algúns dos mellores triatletas do escenario actual. O Triatlón 113 swim, run and ride será o protagonista do domingo en Sanxenxo. Máis de 200 atletas participarán nesta proba, que cumpre a súa segunda edición, cunha competición de media distancia. Este ano incorpora ademais unha novidade: o Triatlón Olímpico no Draft, puntuable para o campionato galego. No media distancia participarán Sonia Pariente, vixente campioa, e Ismael López. No Olímpico, atópanse nomes como Miqui Acosta ou Begoña Arranz. Atletas coñecidos que non queren perderse unha proba deste calibre. O sábado 20 pola tarde comezarase o check-in para as bicicletas e a recollida de dorsais. A proba propiamente dita arrincará o domingo ás 8 da mañá para os nadadores masculinos. As nadadoras sairán dez minutos despois.
VILAGARCÍA> Esta fin de semana Vilagarcía está de festa. A vila prepárase para celebrar as Festas de Santa Rita, as máis populares do municipio con permiso das de San Roque do mes de agosto. Música, deporte, cultura e moitas máis actividades dan forma ao programa, que ten no concerto da cantante Sés o sábado día 20 o seu prato forte. As Festas de Santa Rita animarán esta fin de semana as rúas de Vilagarcía. Unha romaría popular e urbana que, como recolle o programa, mestura gastronomía, devoción, tradición e animación. Xa o vernes a animación comezará coa Feira Celta, que durante toda a fin de semana encherá o parque da Xunqueira de obradoiros, música e maxia. Precisamente a música será unha das grandes protagonistas. As orquestras Aché, Capitol e Cinema animarán as noites do vernes, domingo e luns. O venres tamén actuarán Pacho Flores e Jesús "Pingüino" González, mentres que o sábado será a quenda do prato forte do programa: o concerto de Sés na Xunqueira. Repite no programa o segundo Encontro Folclórico Santa Rita, da man de O Souto de Rubiáns. Tampouco faltará o deporte: o sábado co Torneo Santa Rita de Fútbol Infantil o décimo quinto campionato de semi rápidas de xadrez Santa Rita e o Trofeo Ponte a Patinar e o domingo coa Macroexhibición de Taekwondo, organizada polo Club Olimpic. O luns ás 8 da tarde sairá a procesión dende o Convento de Vista Alegre. Ademais, haberá todos os días pasarrúas, actividades para os máis cativos e atraccións de feira. Todo para celebrar unhas festas que este ano chegan cun lema contundente: Ti pide, que a quitar... sempre hai tempo!
Páxina 1 de 21
HomeGaliciaAlba_Garcia Top of Page

Síguenos en facebook