• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

O acusado de asaltar unha vivenda vilanovesa asegura que nunca estara en Galicia

Mar 30 Escrito por 
PONTEVEDRA> O acusado dun asalto con violencia a unha vivenda de Baión, en Vilanova de Arousa, sentou esta mañá na bancada da Audiencia Provincial de Pontevedra. O home defendeu en todo momento a súa inocencia, e negou incluso ter estado en Galicia con anterioridade. O 4 de febreiro do 2015 catro persoas asaltaban de xeito violento a vivenda dun empresario en Baión, Vilanova de Arousa. Segundo o relato das vítimas, foi pasadas as 9 e media da noite cando o grupo entrou na casa con pasamontañas, vestidos de negro e con luvas nas mans. Tamén ían armados con coitelos e pistolas. As tres vítimas, un matrimonio e a súa filla, non puideron ver a cara dos asaltantes. Pero o ADN e a pegada que apareceron nas bridas empregadas para atar de pés e mans aos vilanoveses, permitiron sentar hoxe na bancada a un sospeitoso do asalto. O fiscal ve estas probas como contundentes; tamén o feito de que tanto ese día como en xornadas previas, os veciños identificaran nos arredores da casa un vehículo que estaba ao seu nome. O home está acusado de dous delitos de detención ilegal e un de roubo con violencia. Actualmente está en prisión preventiva por esta causa, e a Fiscalía pídelle unha pena de 16 anos e oito meses de prisión. O acusado mantivo a súa inocencia durante toda a vista, e chegou a asegurar que nunca antes estivera en Galicia. A defensa, pola súa banda, pediu a absolución xa que considera que non existen probas contra el. De feito, asegurou que, ao levar luvas os asaltantes, non sería posible que as súas pegadas apareceran nas bridas. Os propietarios cifraron nuns 55.000 euros o valor dos obxectos roubados.
Etiquetado como Pontevedra    Salnés    Vilanova    audiencia provincial    xuizo   
Publicado en PONTEVEDRA

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • A Festa do Mar, a polo selo de Interese Turístico na 17ª edición
    POIO> A Festa do Mar sopra xa dezasete velas. A cita volve un ano máis coa súa aposta, que mestura gastronomía, tradición e música para todos os públicos. Esta edición, ademais, o concello de Poio intentará obter o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. A mellor gastronomía e os mellores produtos do mar volverán darse a man no concello de Poio. A Festa do Mar cumpre a súa décimo sétima edición cun obxectivo en mente: conseguir o distintivo de Festa de Interese Turístico de Galicia. Esta edición celebrarase entre o mércores 23 e o domingo 27 de agosto. Durante estes días, Combarro será o centro de actividades, cun programa no que destaca o concerto de David Civera o día da inauguración na praza da Chousa. O 24 será a quenda do Festifolk, que o 25 dará paso a unha das citas máis agardadas, o Festival Armadiña Rock cos Herdeiros da Crus. O orzamento será semellante ao de anos anteriores: 200 mil euros. Este ano os stands gastronómicos saíron a concurso público, aínda que o concello resérvase dous que servirán ameixas e mexillóns da ría. Tamén se repetirá a concentración de embarcacións tradicionais, á que asistirán preto de 30 barcos.
  • Vilagarcía móllase un ano máis por San Roque
    VILAGARCÍA> A Festa da Auga de Vilagarcía non defraudou. Un ano máis, milleiros de persoas amosaron a súa devoción por San Roque e, como non, pola Festa. As rúas cualificadas como zona húmida da vila ferveron durante toda a mañá de veciños e visitantes, que non quixeron perder unha das citas máis importantes do calendario festeiro nacional. O sol brilou en Vilagarcía, pero hoxe puido ser un dos días do ano nos que caeron máis litros de auga por metro cadrado. Milleiros de persoas saíron ás rúas da cidade para reclamar a súa particular chuvia. Hoxe a vila estivo completamente paralizada, pero para moitos a festa xa arrincou onte pola noite, aproveitando a véspera do día grande de San Roque. Xa no mediodía a comitiva chegou a San Roque e, trala intervención do pregoeiro, desatouse o verdadeiro chaparrón, coa auga caendo tanto dende os balcóns como do propio chan. Un ano máis a Festa da Auga demostrou que é unha das raíñas do verán arousán. Mentres uns estababan de festa, o servizo de Protección Civil de Vilagarcía traballou arreo para garantir a seguridade dos asistentes. O operativo especial comezou onte ás 10 da noite e prolongouse ata as 2 do mediodía de hoxe. Estivo composto por 20 operarios do servizo, dúas ambulancias e seis vehículos patrulla. En total, as ambulancias realizaron 40 intervencións, case todos na zona TIR e portuaria e principalmente a varóns de entre 20 e 30 anos. Destes servizos, destacan 5 intoxicacións etílicas de menores de idade, entre eles un de 14 anos, e unha agresión cun obxecto punzante. Tamén tiveron que intervir no momento de comezar a botar a auga despois de que un mozo perdera o coñecemento e convulsionara durante varios minutos. Tivo que ser atendido e foi trasladado ata o Hospital do Salnés. Ademais, foi necesaria a intervención de Protección Civil nun accidente de tráfico na suba para Cornazo.
  • A Illa exalta os tesouros gastronómicos da Ría de Arousa
    Continúa na Illa de Arousa a Festas Gastronómica dos produtos do Mar que se celebra desde o pasado venres e ata o próximo día 20. Esta mañá, coincidindo coa ponte festiva, a asistencia todo un éxito. Polbo, navallas, nécoras, camaróns ou mexillóns son só algúns dos tesouros gastronómicos que se puideron degustar. Un menú moi amplo… Un entorno envidiable. E Prezos asequibles… A Festa gastronómica dos Produtos do Mar, organizada polo Club Céltiga, está a celebrar a súa edición número catorce cunha gran afluencia. O do Cantiño, na Illa de Arousa, converteuse desde o pasado venres no comedor máis visitado da comarca. Milleiros de persoas achéganse aquí para degusta e algúns, descubrir, a calidade dos produtos do noso mar. Esta mañá, plena ponte festiva, o panorama non ía ser menos. A previsión dos organizadores, dos 30.000 visitantes en total, quédase curta . Os días festivos axudan, pero o verdadeiro motivo do éxito desta festa, son eles e elas. Os tesouros que acolle a nosa ría de Arousa. Quen estea salivando nestes momentos, está a tempo de degustar os produtos tamén mañá, día festivo achegándose ó paseo do Cantiño na Illa de Arousa. Ou senón, a festa volve abrir a próxima fin de semana, sábado e domingo, cando se poña o punto e final a esta cita gastronómica.
  • Pontevedra está de festa!!!
    Pontevedra> Na fin de semana tivo lugar o pistoletazo de saída das Festas da Peregrina en Pontevedra. A empresaria Conchi Pereiro foi a encargada de ler o pregón que deu pe a esta Semana Grande. Na súa intervención defendeu o modelo de cidade da Boa Vila, e tamén reivindicou o papel da muller na sociedade actual.
  • Os visitantes de Area da Secada mirarán 'Alén Mar'
    A ILLA> Area da Secada ábrese á arte. O pinar do areal de A Illa de Arousa acollerá o domingo unha exposición efémera, que mesturará fotografía e obras pictóricas coa paisaxe. Baixo o título "Alén Mar", reunirá obras da pintora Dores D'allegro e do grupo de fotógrafos "A Retrateira". Este domingo, a arte será parte da paisaxe de Area da Secada, en A Illa de Arousa. O seu pinar acollerá a mostra "Alén Mar, exposición efémera". A exposición desenvolverase entre as 10 da mañá e as dez da noite, e estará composta por oito fotografías do grupo de fotógrafos "A Retrateira" e por quince obras pictóricas da pintora Dores D'allegro. Dende o primeiro momento, o concello amosou plena disposición a acoller esta exposición, destacando a importancia de que escollan A Illa como escenario. Ademais da exposición haberá varias sorpresas. Incluso está previsto que a pintora Dores D'allegro pinte un cadro en directo.
  • A xunta de persoal busca o apoio dos alcaldes na defensa do Hospital do Salnés
    VILAGARCÍA> A xunta de persoal do Hospital do Salnés busca o apoio dos concellos para defender a área sanitaria. Esta mañá, mantiveron un encontro cos representantes dos concellos de Vilagarcía, Cambados, A Illa e Ribadumia, para trazar unha fronte común contra o anteproxecto de lei sa Xunta. Consideran que dá un paso máis na privatización da sanidade pública, polo que responderán coa mobilización social. A xunta de persoal do Hospital do Salnés buscou alianza cos alcaldes da área sanitaria para defender o centro do anteproxecto de lei que quere levar adiante a Xunta. Unha proposta que, aseguran, é un paso máis na privatización da sanidade pública. A súa postura foi defendida tamén polos alcaldes. Ao encontro acudiron os rexedores de Vilagarcía, Cambados e A Illa de Arousa, ademais dunha edil do concello de Ribadumia. Catoira non puido asistir por problemas de axenda, o mesmo motivo co que desculpou a súa ausencia o alcalde de Vilanova. Un dos primeiros pasos, será elaborar unha moción conxunta para levar aos plenos de todos os concellos que forman parte da área sanitaria de O Salnés. Tamén apostan pola mobilización social. De feito, a xunta de persoal pon a disposición dos que o desexen un texto tipo para presentar suxestións. O vindeiro xoves a xunta de persoal manterá un encontro con concelleiros doutros grupos políticos e cos sindicatos. Tamén buscarán unha folla de ruta común coas áreas sanitarias de Monforte, Burela e O Barco, as outras afectadas polo anteproxecto.
HomePONTEVEDRAO acusado de asaltar unha vivenda vilanovesa asegura que nunca estara en Galicia Top of Page

Síguenos en facebook