• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus

O anteproxecto do emisario submarino da ría estará listo para xuño

Abr 07 Escrito por 
Pontevedra> A conselleira de Medio Ambiente e a de Mar mantiveron esta mañá unha reunión coas confrarías da ría e alcaldes dos concellos afectados. Beatriz Mato anunciou que o anteproxecto do emisario submarino estará no mes de xuño. Dito emisario terá unha lonxitude de 3,5 quilómetros e estará situado lonxe das bateas.
Terceira reunión da conselleira de Medio Ambiente e a de Mar cos patróns maiores das Confrarías da Ría de Pontevedra e representantes dos concellos da zona. Beatriz Mato lembrou que das 8 fases do plan de saneamento da ría 4 xa están en funcionamento e rematadas para este verán. O obxectivo deste encontro é o de informar as partes afectadas sobre o emprazamento do emisario submarino. Un emisario que terá unha lonxitude de 3.5 quilómetros e que estará afastado dos polígonos das bateas. A conselleira anunciou que o anteproxecto do emisario está listo no mes de xuño. Mato di que con estas medidas amosase o compromiso total da Xunta coa ría de Pontevedra. En relación á ampliación da depuradora dos Praceres a conselleira dixo que aínda que non é algo prioritario pero que dende a Xunta están a tramitar ante o Ministerio a autorización pertinente para ter a titularidade da depuradora e poder facer esta ampliación.
Etiquetado como Reunión    Xunta de Galicia    confrarias da ria    emisario submarino    saneamento da ria   
Publicado en PONTEVEDRA

Artigos relacionados (por etiqueta)

  • 72 traballos e un investimento de 41 millóns de euros conforman o mapa de obras do concello
    Pontevedra> O alcalde de Pontevedra e o concelleiro de Obras mantiveron esta tarde unha reunión coas tres Federacións das Asociacións de veciños do concello. O obxectivo deste encontro é o de informarlles sobre o plan de obras municipais que están en execución, en tramitación ou en redacción. Son un total de 72 traballos que suman un investimento de 41 millóns de euros.
  • A Xunta aposta polo emprendemento no sector forestal
    PONTEVEDRA> A Xunta colabora coa Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía e a Zona Franca para impulsar o emprendemento no sector forestal. O conselleiros de Economía, Francisco Conde estivo, este venres, en Pontevedra, onde sinalou a importancia do sector forestal na comunidade. O sector forestal na nosa comunidade é un dos máis importantes. Conscientes de esta realidade dende a Cámara de Comercio de Pontevedra, Vigo, Vilagarcía, Zona Franca e coa colaboración da Xunta, van a afondar na posta en valor do emprendemento no sector.
  • Aposta decidida pola náutica na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal
    PONTEVEDRA> A aposta por potenciar Galicia como destino náutico é decidida. Esta mañá en Pontevedra presentouse o proxecto Ecodestin, que busca potenciar este sector na Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. A iniciativa, financiada con fondos europeos, conta con dous millóns de orzamento, e levarase en principio a dezasete portos galegos. Potenciar Galicia como destino náutico único e educativo é o obxectivo do Proxecto Ecodestin. A iniciativa busca integrar o patrimonio na oferta náutica da Eurorrexión Galicia-Norte de Portugal. O plan conta cun investimento de máis de 2 millóns de euros, e desenvolverase dende o 2017 ao 2019. Combarro, Sanxenxo, Cabo da Cruz, Vilagarcía de Arousa ou Cambados son algúns dos portos galegos sobre os que actuará este plan, aos que se suman oito portugueses. A intención é atraer visitantes nacionais e, sobre todo, internacionais, facendo especial fincapé na promoción en Francia, Alemaña, Países Escandinavos e Norte América. Ofrecendo un produto completo e atractivo. Ademais deste proxecto, nas rías galegas xa funcionan os minicruceiros, os dez ferries previstos para o mes de setembro e as excursións en veleiro. Todo dando forma a unha oferta náutica que agarda estar a pleno rendemento o vindeiro ano.
  • O centro de saúde pechará oito tardes en setembro
    CAMBADOS> O concello de Cambados denuncia un novo recorte en materia sanitaria no municipio. Durante o mes de setembro, o centro de saúde pechará oito tardes. Dende a concellería de Sanidade, apuntan á falta de substitucións do persoal como motivo, e denuncian a intención privatizadora da Xunta de Galicia. No mes de setembro, os cambadeses verán reducido o horario do seu centro de saúde. Segundo anunciou o SERGAS, o ambulatorio pechará oito tardes; decisión que, segundo apuntan dende o concello, dificulta o acceso á sanidade de moitos veciños. Cordal non ocultou o seu malestar. Para el, esta medida é froito do afán privatizador da Xunta de Galicia respecto da sanidade pública, e un recorte máis nos servizos que padecen en Cambados. Tampouco gusta que dende o goberno autonómico non se notificara ao concello esta medida. Unha mostra máis, asegura, da falta de diálogo do executivo de Alberto Núñez Feijóo. Dende o concello cambadés xa amosaron en varias ocasións a súa oposición á política sanitaria da Xunta. A máis recente, a moción que apoiaron a semana pasada solicitando a retirada do anteproxecto de Lei de Saúde, que convertirá a área sanitaria de O Salnés nun distrito da de Pontevedra.
  • O persoal do Hospital do Salnés mantén o pulso á Lei de Saúde
    VILAGARCÍA> O persoal do Hospital do Salnés mantén a súa oposición ao anteproxecto da Lei de Saúde da Xunta. Como anunciaran, esta mañá celebrouse diante do centro a primeira das concentracións semanais que celebrarán para demostrar o seu rexeitamento da norma. A mobilización repetiuse nas outras tres áreas afectadas. O Hospital do Salnés acolleu esta mañá a primeira concentración semanal contra o anteproxecto da Lei de Saúde da Xunta. A Xunta de Persoal do centro expresou a súa oposición á nova norma. A concentración de O Salnés tivo a súa réplica nas outras tres áreas que tamén, segundo explican dende a Xunta de Persoal, desaparecerán coa reforma: O Barco, Burela e Monforte. Con esta mobilización, o que buscan é a retirada do anteproxecto que conta con máis de 1.500 alegacións. As mobilizacións repetiranse cada semana, pero a intención das áreas afectadas á preparar unha manifestación a gran escala para demostrar que non están sós nas súas reclamacións. Non hai data fixada, pero calculan que será a finais de setembro. Ademais de explicar o contido desta reforma, a intención da xunta de persoal é reactivar a Plataforma en Defensa da Sanidade Pública do Salnés. Un obxectivo para o que contan con algunhas formacións políticas, sindicatos e colectivos sociais. Por iso celebrarán reunións nos diferentes concellos da área sanitaria de O Salnés, empezando o vindeiro martes en Vilagarcía. Tamén presentarán mocións nos plenos dos concellos para buscar o apoio das corporacións.
  • A xerencia defende que a nova Lei de Saúde blinda os hospitais comarcais
    VILAGARCÍA> A Lei de Saúde de Galicia non vai prexudicar aos pacientes nin eliminará os hospitais comarcais. Así o defenden dende a xerencia da área de xestión integrada de Pontevedra-O Salnés. Segundo a súa directora asistencial, os pacientes non van notar ningún cambio, xa que as modificacións son meramente organizativas. Tamén asegura que, ao contrario do que se cre, blinda os centros comarcais, como o Hospital do Salnés. A xerencia da área de xestión integrada Pontevedra-Salnés defende o polémico anteproxecto de Lei de Saúde de Galicia. Aseguran que con esta modificación da lei de 2008 blindaranse os hospitais comarcais. Insisten en que os máis beneficiados serán os pacientes, que non notarán importantes cambios na súa atención sanitaria. Segundo Fernández Arruti, os cambios serán unicamente organizativos. Así, de once áreas sanitarias pasarase a ter sete en toda Galicia, e crearanse 14 distritos en torno aos 14 hospitais públicos. Tampouco, asegura, haberá cambios nas contratacións. Deste xeito, dende a EOXI saen ao paso da polémica xerada en torno a este cambio na norma, que ten a oposición da xunta de persoal do Hospital do Salnés e de varios alcaldes da comarca. Estas protestas xa atoparon apoio nos outros centros afectados, que coordinarán mobilizacións para frear o anteproxecto.
HomePONTEVEDRAO anteproxecto do emisario submarino da ría estará listo para xuño Top of Page

Síguenos en facebook