Acordo en Noia e rupura total das negociación no Son

nagociacionspsoebngnoia_100_140607.jpgNOIA/PORTO DO SON > As negociacións entre PSOE e BNG de Noia para a conformación do futuro goberno municipal chegaron finalmente a bo porto.

Na xuntanza mantida na tarde de onte entre representantes das dúas formacións perfilouse a composición do novo executivo, presidido polo socialista Rafael García Guerrero, e no que o BNG ostentará un total de seis concellerías.

A pesar da fluidez das relacións que, dende un principio, mantiveron o PSOE e o BNG en Noia, nada máis coñecer o resultado das eleccións do pasado día 27, as discrepancias en torno ó reparto dalgunhas concellerías xeraron certo clima de tensión que se resolveu favorablemente onte.

Ámbalas dúas formacións chegaron a un acordo polo cal o BNG dirixirá seis concellerías: Cultura e Deporte; Casco Histórico e Patrimonio; Igualdade, Benestar e Mocidade; Industria, Comercio e Turismo; Vivenda e Solo; e Urbanismo. Finalmente, os nacionalistas non ostentarán a concellería de Medio Ambiente, tal e como reclamaban nun principio.

Foi precisamente este punto o que motivou certo distanciamento posto que os socialistas entendían que a xestión mediomabiental debería estar en man do seu grupo, dado que as competencias nesta materia na Xunta tamén son do PSOE. No que non houbo desacordo en ningún momento foi en que o socilista Rafael García Guerrero ocupará a alcaldía da localidade.

Ruptura das negociacións

Panorama moi diferente na veciña localidade de Porto do Son onde, lonxe de chegar a acordo, BNG e PSOE romperon por completo as negociacións.

Semella que os contactos iniciados polas formacións socilalista e nacionalista en Porto do Son para establecer un posible pacto de goberno foron de todo infrutuosos. A condición imposta polos nacionalistas de que non fose Ramón Quintáns quen liderase o goberno de coalición levou a unha fase de estancamento das negociacións que semella van continuar así ata o vindeiro sábado, día da sesión de investidura.

Os nacionalistas mantéñense firmes na postura de non apoiar a Quintáns e só sería posible retoma-las negociacións se os socialistas propuxeran outro candidato da súa lista a apoiar a alcaldía. Pero nas filas do PSOE teñen claro que non van ceder e Ramón Quintáns é o cabeza de lista e, por tanto, o único candidato que aspirará á alcaldía pola súa formación.

Tamén se teñen iniciado contactos entre o Partido Popular e os nacionalistas pero igualmente sen ningún resultado xa que os populares non están dispostos a ceder a alcaldía ó BNG.

Así as cousas, todos deixan a pelota no tellado dos outros e ningún grupo ten previsto retomar negociacións a non ser que as formacións contrarias así o fagan. Os nacionalistas manterán unha asemblea para debate-lo tema e á espera de coñece-las resolucións adoptadas neste encontro, é moi probable que as cousas sigan como estaban.

Haberá que agardar ó sábado para coñecer como queda finalmente a composición do futuro goberno municipal do Son. De seguro, que a expectación e as posibles sorpresas caracterian a sesión que dará comezo ás doce de medio día no salón de plenos do concello sonense.

Redacción Barbanza