Cambados, á espera da nova concesión do Salón Peña

CAMBADOS> O Concello de Cambados asinou esta mañá a solicitude para a nova concesión do Salón Peña. Ademais, tal e como acordara con Portos, baleirou o espazo e entregou as súas chaves. Segundo o goberno local, ata que a nova solicitude non estea resolta, seguirán a facer actividades alí, de balde e con autorizacións puntuais.

Unha vez rematada a autorización temporal, o Concelleiro Xurxo Charlín era o encargado de asinar dixitalmente esta mañá a solicitude para a nova concesión do Salón Peña. O documento xa está en mans de Portos de Galicia.

Tal e como se comprometera con Portos, o concello desaloxou o espazo e entregou as chaves ao organismo autonómico.

A actual situación, explica o edil, é temporal, no tempo en que tarde en resolverse a solicitude da nova concesión. Un tempo no que o concello tampouco perde a oportunidade de organizar eventos en Peña, de balde e con autorizacións puntuais. As que non se van celebrar en Peña a partir de agora as que tiñan fins lucrativas, como o Desmarket, o Mercado das Flores ou o Túnel do Viño do Albariño. O Concello di que non está disposto a paga-lo canon de 50.000 euros que demanda Portos, polo que buscarán localizacións alternativas.

E insiste en que a desafección para que a nave pase a ser de titularidade municipal é a solución definitiva.

Para iso, o Concello vai remitir de novo un acordo plenario do 2016 demandando a titularidade do Salón Peña, así como doutros espazos como o Paseo da Calzada ou o das Palmeiras.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí