Convenio de AMBAR coa Deputación da Coruña

    BARBANZA > A Deputación Provincial da Coruña vai destinar uns 180 mil euros para o centro ocupacional e de formación que a Asociación de Minusválidos do Barbanza, AMBAR, constrúe no lugar de Frións en Ribeira. Esta mañá tivo lugar a sinatura do convenio entre o presidente do organismo provincial, Salvador Fernández Moreda, e a presidenta de AMBAR, Milagros Rey.

    Grazas ó convenio asinado esta mañá en Ribeira polo presidente da Deputación Provincial da Coruña, Salvador Fernández Moreda, e a presidenta de AMBAR, Milagros Rey, o organismo provincial aportará a cantidade de 180 mil euros para a construción do centro ocupacional e de formación de persoas con discapacidade ubicado en Frións.

    A presidenta desta asociación valorou moi positivamente o convenio que lle permitirá seguir adiante coas obras neste edificio cun presuposto nesta primeira fase que ascende a máis de 664 mil euros e que segundo ela é moi necesario para a entidade.

    Salvador Fernández Moreda destacou o labor que desenvolve esta entidade a nivel comarcal, que presta atención a un total de 42 persoas con minusvalías, realizando tamén tareas de terapia ocupacional e accións formativas para garanti-lo acceso dos discapacitados a un emprego.

    Despois da sinatura do acordo a comitiva de autoridades, entre os que se atopaban tamén a deputada responsable da área de Benestar Social e Políticas de Igualdade, Margarida Vázquez, así como os alcaldes de Ribeira, Pobra do Caramiñal e Boiro, trasladáronse a Frións para ve-la marcha das obras deste centro de servizos múltiples.

    Alí o presidente provincial puido ver de primeira man as dimensións das novas instalacións do centro, que terá unha superficie construída de algo máis de 2000 metros cadrados.

    Neste edificio AMBAR ten previsto incrementa-los talleres de terapia ocupacional e de formación que desenvolve ó longo de todo o ano.

    Redacción Barbanza