PP, BNG, PSOE defiren na valoración dos presupostos do Estado para Pontevedra

    Presupostos históricos e magníficos segundo os socialistas, decepcionantes para o BNG e artificiosos e insuficientes segundo o PP

    Así califican os tres partidos as cifras coñecidas o pasado martes nos Presupostos Xerais do Estado para o ano 2006 en Galicia. Segundo o Partido Socialista, un total de 134.000 millóns de euros que supoñen un incremento do 7'6% respecto ó ano anterior, pero que para nacionalistas e populares non está tan claro. A comarca do Salnés tamén conta con partidas orzamentarias que, segundo BNG e PP, non son suficientes.

     Para os socialistas, o BNG "matiza" os datos anque non os desaproba, pero o Partido Popular "falta á verdade".  

    Contundente se amosaba este venres o deputado socialista Antón Louro, tralas duras críticas verquidas polo partido da oposición ante as cifras orzamentarias para o ano 2006.        Os tamén deputados MªJosé Porteiro e Domingo Tabuyo calificaron os orzamentos de "históricos" para Galicia, xa que o 50'2% está adicado a políticas sociais e, por outra banda, reafirman un compromiso rotundo con Galicia en canto a equipamento e infraestructuras.         Louro cifrou en máis de 1500 millóns de euros a partida destinada a infraestructuras en Galicia e salientou a importancia da suba das pensións, que afecta directamente a 214.000 galegos, e a do salario mínimo interprofesional.

    En relación á provincia de Pontevedra, e concretamente á zona de Arousa e do Salnés, os socialistas afirmaron que os presupostos xerais contemplan tódolos proxectos de interese.

    Tabuyo tamén sinalou que a pesar de que o partido da oposición criticou a falta de partidas para a conexión ó novo vial de acceso ó porto de Vilagarcía, si aparece reflexado con 825.830 euros.

    Pola súa banda, os nacionalistas tamén farán unha valoración dos orzamentos en relación á comarca, pero será o vindeiro luns en rolda de prensa. Sen embargo, a deputada Olalla Fernández Davila criticou este venres as cifras que se manexan para a comunidade e sinalou que o seu partido se manterá activo no debate orzamentario.  

    Os máis críticos cos orzamentos son os membros do partido da oposición. A secretaria executiva de política social e benestar do Partido Popular, Ana Pastor, afirmou que son "artificiosos e insuficientes para Galicia". Pola súa banda, o presidente da Deputación, Rafael Louzán, foi moi crítico co actual presidente do Executivo galego. Segundo Louzán, "ó PSOE non lle interesa Galicia a pesar de ter un presidente "desfilando" polas cidades galegas, porque gobernar non goberna nada". Segundo os populares, a provincia de Pontevedra é a gran prexudicada e o sur a zona especialmente desfavorecida, con inversións canceladas, retrasadas ou con cantidades ridícula e puxeron como exemplo a variante Oeste de Caldas de Reis, en fase de estudio informativo, na que se prevén 85.000 euros dos 28 millóns de euros que reflexaran para este ano 2006 os presupostos de 2005. Ana Pastor definiu os presupostos como "unha bofetada" para Galicia, con incrementos din, artificiosos e ficticios.