Plataforma única, tráfico restrinxido e conexión coas Palmeiras: a proposta de Iván Puentes para Raíña Vitoria

PONTEVEDRA> A avenida Raíña Vitoria de Pontevedra volve ser a protagonista dunha proposta nesta campaña electoral. Esta mañá coñecimos os plans que o Partido Socialista ten para ela. Un proxecto que pasa por realizar unha reforma integral, abrindo a rúa ao parque das Palmeiras. Iván Puentes aposta por convertela nunha plataforma única e por permitir o paso dos vehículos para residentes e servizos.

Se o Partido Socialista consegue a alcaldía de Pontevedra o 28 de maio, os coches volverán á avenida Raíña Vitoria. Pero cun único carril e coa circulación limitada aos residentes e servizos.

O candidato Iván Puentes presentou hoxe o seu proxecto para esta rúa, para a que aposta pola plataforma única e por convertela nunha gran praza pública que acollería programación cultural e de lecer.

A proposta socialista pasa tamén por abrir Raíña Vitoria ao Parque das Palmeiras, eliminando a barreira que existe na actualidade.

O proxecto de Puentes aposta tamén polo reverdecemento deste espazo. Ademais de manter as árbores que actualmente están na beirarrúa máis próxima ao Parque das Palmeiras, os socialistas plantarían céspede e novas árbores na faixa que dá ao instituto Sánchez Cantón.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Por favor, engade un comentario!
Por favor, engade o teu nome aquí