• Facebook
  • Twitter
  • Rss
  • Plus
POBRA> A Pobra despediu onte pola noite as festas do Nazareno despois de catro días de celebracións. Polo día, como vén sendo tradición, a xornada estivo dedicada especialmente ós máis pequenos. Aínda así boa parte das actividades previstas no programa víronse condicionadas por mor do tempo. Xa pola noite a chuvia, que caeu por momentos a mesta néboa, obrigaron tamén á suspensión da gran tirada de fogos artificiais no paseo do Areal, que pon o broche final ós festexos. A comisión de festas do Divino Nazareno decidiu a última hora aprazar o espectáculo pirotécnico para a noite do sábado. Si se mantivo a verbena, a cargo da orquestra Olympus que reuniu na Praza Maior a multitude de persoas.
POBRA> O Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, presidiu a reunión da xunta local de seguridade. Na reunión da xunta local de seguridade, na que ademais do Subdelegado do Goberno na Coruña, Jorge Atán, e do alcalde, Xosé Lois Pîñeiro, tomaron parte representantes das forzas e corpos de seguridade do Estado, así como tamén Policía Local e Protección Civil, tiña coma principal finalidade abordar o dispositivo especial de seguridade previsto para esta vindeira fin de semana co gallo da celebración das festas do Nazareno na que se prevé unha participación dunhas corenta mil persoas. Precisamente debido a esa aglomeración de xente que virá a tomar parte na procesión das mortallas, dende a Subdelegación do Goberno e tamén dende o propio Concello, creuse convinte aumentar o número de controis ese día, para evitar, na medida do posible, calquera incidente. Neste sentido impedirase o acceso de vehículos á zona pola que discorrerá a procesión. No transcurso da xuntanza analizouse tamén a evolución da seguridade cidadá a nivel municipal que se mantén en liñas xerais nuns niveis baixos. Aínda así no último ano notouse un lixeiro aumento no número de delitos, na maioría dos casos pequenos roubos, en concreto de móbiles, polo que se fai un chamamento especial á poboación para que estreme as precaucións durante estas datas festivas. Tamén se incrementou o número de denuncias neste último ano na Pobra por delitos cibernéticos.
POBRA> Os nacionalistas cargan contra o executivo por non levar a cabo actuacións consensuadas nos orzamentos de 2016 de gran importancia para o desenvolvemento do municipio. Á falla xa de poucos meses para o remate do ano e sen presentar aínda o documento orzamentario para o presente exercicio, o BNG da Pobra quixo facer balance da xestión realizada polo goberno, segundo eles des-goberno de Nós Pobra durante este ano. Para os nacionalistas as obras realizadas polo equipo de goberno non van deixar marca nin van formar parte da historia da vila, ó ser mesmo incapaz de levar a cabo aquelas que foran incluídas por consenso nos orzamentos de 2016. Segundo eles trátanse de actuacións de gran calado social como a adquisición dunha parcela para a construción dunha escola infantil, a creación do Centro de Información á Muller ou a rede de centros sociais nas parroquias, así como tamén diversas propostas de mellora de seguridade viaria ou reordenación do tráfico entre outras. Aínda así, para o voceiro desta formación, Ramiro Ouviña, neste tempo déronse ademais dous exemplos sangrantes da incapacidade coa que, segundo el, actúa o goberno de Nós Pobra, como o feito de non por en marcha o Servizo de Normalización Lingüística, a pesares de ter cobrado o 50% da subvención, ou a perda da solicitude de axudas para a creación dunha Área de Rehabilitación Integral.
POBRA> Os festexos celebraranse do 15 e 18 deste mes de setembro. Como é habitual cada terceiro domingo de setembro o concello da Pobra vivirá un dos momentos máis emotivos e de maior fervor relixioso: a procesión das mortallas, na que devotos chegados dende distintos puntos de Galicia ofrécense á Xesús de Nazareno como agradecemento por telos arredado da morte. É sen dúbida un dos atractivos principais desta festa. Aínda así dende a comisión organizadora e co fin de satisfacer a todo tipo de públicos elaborouse un amplo e variado cartel na que se inclúen as mellores orquestras de Galicia, xogos infantís e diversas actuacións musicais. Un aspecto a destacar na presente edición será o tema da seguridade. Principalmente o domingo 17 na que se celebrará a multitudinaria procesión na que se prevé a participación dunhas de 40 mil persoas. Dende a comisión de festas faise un chamamento tamén á veciñanza e ás empresas da localidade a que participen cos seus donativos para poder sufragar a tradicional traca da Covecha, debido a un inconvinte xurdido a última hora Dende a organización dos festexos agradecen tanto a empresa colaboradoras como ó veciños a súa aportación para poder seguir celebrando estes festexos tan representativos para a vila.
POBRA> Por segundo ano, a Pobra acollerá o festival Entre Bateas, promovido pola asociación cultural Xente ás Leiras. Desenvolverase a última fin de semana de agosto e contará cun día máis que na primeira edición.
POBRA> A Pobra acolle este sábado a decimo segunda edición da Bandeira de Traíñas Concello da Pobra. O equipo anfitrión, segundo na clasificación xeral, parte con moitas posibilidades de facerse co triunfo.
POBRA> A primeira das probas será xa este mes de agosto, o domingo 27, coa disputa da novena edición da Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal. Por segundo ano consecutivo a Mancomunidade de Municipios Arousa Norte volverá a ofertar dentro do seu calendario deportivo unha nova edición do ‘Circuíto Catro Carreiras e Unha Meta’. A cita incluirá unha proba en cada un dos concellos que integran Arousa Norte. Segundo o actual presidente da entidade, o alcalde de Rianxo, Adolfo Muíños, a iniciativa trata de fomentar a práctica da actividade física e deportiva ó tempo que potencia os escenarios naturais e paisaxísticos desta zona. As bases do circuito xa están a disposición de tódolos interesados na propia web de Arousa Norte. Poderán participar todas aquelas persoas que o desexen. A primeira das probas a disputar será o próximo 27 de agosto coa celebración da Carreira Popular Concello da Pobra do Caramiñal. A esta seguiranlle o 30 de setembro a Carreira Popular de Santa Uxía, o 1 de novembro a Carreira Popular Concello de Rianxo e para rematar o 3 de decembro coa Carreira Popular Concello de Boiro.
BARBANZA> A ribeirense Ana Peleteiro proclamouse campioa de España de triple salto mentres que a pobrense Lidia Parada facíase co mesmo título na modalidade de lanzamento de xavelina. Bos resultados os acadados por estas dúas atletas barbanzáns nos campionatos de España en categoría absoluta ó aire libre celebrados esta pasada fin de semana en Barcelona. As dúas partían ademais coma principais favoritas nas súas disciplinas e non defraudaron. Tanto Ana Peleteiro coma Lidia Parada conseguiron revalidar o titulo acadado xa o pasado ano. A ribeirense fíxose coa medalla de ouro cun salto de 13’67, demostrando así o bo momento polo que atravesa. En segunda posición en triple salto quedou Fátima Diame e en terceiro lugar patricia Serrapio. En canto á pobrense Lidia Parada conseguiu o título cunha impresionante marca de 57 metros e 97 centímetros. O seu mellor lanzamento no que vai de ano, converténdose tamén na mellor marca española da tempada. Por detrás dela, moi lonxe do seu lanzamento, quedaron Arantza Moreno, segunda, e Nora Bicet, terceira.
POBRA> Un novo acto vandálico no paseo das Xunqueiras da Pobra saldouse coa destrución do observatorio de aves na zona.
POBRA> O PP da Pobra denuncia que as praias do municipio carecen de servizo de socorrismo. A mediados de xullo aínda non se ten convocado o proceso de selección dos profesionais polo que os populares estiman que, alomenos ata agosto, non haberá vixilancia nos areais.
POBRA> Os nacionalistas solicítanlle ó goberno de Nós Pobra que se executen os acordos plenarios aprobados o pasado ano de cara á posta en valor deste espazo natural. O pasado ano por estas datas o BNG presentaba unha moción ó pleno a través da cal reclamaba a recuperación e posta en valor do espazo natural da praia da Corna. Daquela a proposta saira adiante, pero, a pesar diso, a día de hoxe, os acordos seguen sen materializarse. Para os nacionalistas o grupo de goberno debería iniciar dunha vez por todas e de forma inmediata os traballos necesarios para protexer e revalorizar este espazo natural de gran valor paisaxístico e medioambiental, para evitar así a súa degradación, principalmente pola afluencia descontrolada de numerosas persoas na temporada estival.
POBRA> O BNG da Pobra amosou o seu rexeitamento á nova ampliación da Tomada que propón o Partido Popular. Os nacionalistas critican ó goberno de Nós Pobra por permitir que o proxecto saia adiante coa súa abstención.
Páxina 1 de 41
HomePONTEVEDRAMostrando artigos por etiqueta: Pobra do Caramiñal Top of Page

Síguenos en facebook